"Contar o mesmo, pero doutra maneira": unha ollada á historia recente de Galicia a través dos deseños de Pepe Barro

Mónica Maneiro e Pepe Barro na conversa sobre 'O libro de Barro' no Abride a fiestra en Padrón © Casa de Rosalía

O deseñador gráfico Pepe Barro repasa o traballo dunha vida en 'O libro de Barro', editado pola Fundación DIDAC, do que falou devagar no festival Abride a fiestra da Casa de Rosalía

O festival Abride a fiestra, que se celebra no mes de xullo na Casa de Rosalía, sempre arredor da data do seu cabodano –o 15 de xullo–, acolleu o pasado domingo unha conversa arredor dunha publicación especialmente relacionada con este espazo esencial da nosa cultura: O libro de Barro. Unha publicación que vén dar mostra dos máis destacados traballos do deseñador gráfico Pepe Barro, peza fundamental da Casa da Matanza –como lembrou Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, na súa presentación– por ser o autor do proxecto que a adaptou aos novos tempos este espazo museolóxico que está en marcha dende o ano 2017.

Barro é unha figura fundamental no deseño en Galicia e un referente para as novas xeracións que se incorporan a este eido creativo. Basta unha explicación súa sobre o deseño da camisola para a selección galega, por poñer un exemplo, para decatarse da diferenza entre o traballo destes profesionais e o que poida resultar do uso de calquera Intelixencia Artificial.

'O libro de Barro' aberto polo deseño da camisola da selección galega © DIDAC

O deseño da equipación da Selección Galega de Fútbol, no seu regreso de 2005, estivo a cargo do Grupo Revisión Deseño, do que foi parte Pepe Barro. “O primeiro foi desbotar o uso da cruz vermella de Santiago, símbolo importado de América para representar a Galicia que tivera moita forza no século XX. Pensamos que en 2005 había que empregar as cores da bandeira, o azul e o branco”, lembrou Barro. 

“Despois, decatámonos de que non podía ser a bandeira cruzando a camisola sen máis, pois iso xa existía e non se identificaba coa selección de fútbol. A camisola finalmente está feita con bandas azuis oblicuas sobre un fondo branco, facendo como unha trama, que ademais é infinita: permitíanos facer as camisolas, bandeirolas, chapas, cartelería, bandas para autobuses... Só hai que estender a grella. Ás veces só hai que aferrarse ao máis evidente para tratar de contar o mesmo, pero doutra maneira”, salientou.

"Ás veces só hai que aferrarse ao máis evidente para tratar de contar o mesmo, pero doutra maneira", salientou Pepe Barro

“Os seus traballos teñen unha importancia capital na configuración da imaxe gráfica do noso país”, asegurou Mónica Maneiro, directora artística da Fundación DIDAC, con sede en Compostela, á que Barro doou o seu arquivo para a súa análise e catalogación. Desta experiencia xurdiu unha primeira exposición e a idea de facer algo máis permanente que permitira achegar o legado do deseñador a un público xeral, non só do sector artístico.

A min cústame moito ver o libro, non teño distancia para valoralo. Son quen de abrilo por unha páxina e ollalo un pouco, pero é moi difícil. Nel tamén moitas colaboracións de amigos aos que lles pedín que escribiran uns textos para acompañar os deseños”, recoñeceu Barro na conversa. Para el tampouco é doado afirmar que nos seus traballos tamén queda reflectida parte da historia de Galicia. 

“Hai pouco descubrín unha frase do poeta ruso Vladimir Maiakovski que dicía: ‘A arte non debe ser un espello para reflectir a sociedade, senón un martelo para forxala’. Gustaríame que o meu traballo tamén fora un pouco martelo, nós intentamos ver algo máis do que é habitual a través do noso deseño, o noso traballo como deseñadores gráficos é comunicar visualmente. Entón, sempre desexo mostrar algo máis do que todos vemos. Se consigo iso, xa me parece que estou batendo co martelo para forxar a sociedade ou a arte un pouquiño. Iso é ao que eu aspiraría”, engadiu.

'O libro de Barro' aberto polo deseño da identidade do Consello da Cultura © Didac

Pepe Barro razoou que se cadra todos temos a obriga de renovar a tradición “para contar as mesmas cousas ás que a humanidade leva dando voltas desde o principio dos tempos, mais de xeito que non parezan as mesmas. Cada xeración ten a obriga de contalas doutra maneira, engadindo algo novo. Por iso, penso que temos unha responsabilidade compartida entre seguir a tradición e romper con ela, porque cada xeración tamén ten a obriga de criticar a tradición e darlle unha volta”.

"A figura de Pepe é fundamental porque consegue equiparar a idea da imaxe de Galicia coa imaxe internacional", destacou Mónica Maneiro

“Conservar o arquivo de Barro é fundamental porque Pepe comeza a traballar na década dos setenta, que á parte de ser un momento de cambio político e da propia da sociedade, é un momento no que tamén muda a imaxe de Galicia. Pepe é unha das primeiras persoas que consegue capturar esas tendencias da linguaxe internacional no mundo do deseño, tal como aconteceu no mundo da arte contemporánea coa aparición do Grupo Atlántica, a xente da Galga, ou o Grupo Orzán, que aplicaban prácticas máis próximas ás linguaxes que existían noutros lugares. A figura de Pepe é fundamental porque consegue equiparar a idea da imaxe de Galicia coa imaxe internacional”, destacou Mónica Maneiro.

O certo é que Barro achegouse a multitude de disciplinas dentro do deseño: tanto traballou o eido da ilustración e a cartelería, como o deseño editorial, a creación de identidade, todo o que pode dar de si a museografía e mais o campo multimedia. Seus son os deseños da imaxe do Consello da Cultura Galega, da Universidade da Coruña, da Editorial Xerais, da Casa de Rosalía, da feira Culturgal ou da Real Academia Galega.

'O libro de Barro', de Pepe Barro, editado pola fundación DIDAC © DIDAC

Se cadra, para comprender a profundidade do seu traballo haxa que intentar ver o mundo a través dos seus ollos. “Se ollades a capa deste libro –dixo no Abride a fiestra sostendo O libro de Barro na man–, vedes que é un tecido, unha manta, probablemente de finais do século XIX, que ten tecida a palabra Barro. É un cobertor de la, seguramente procedente de Astorga ou de Zamora, que era do meu bisavó, Nicolás Barro. Miña nai quería tiralo porque lle estorbaba, pero eu sempre lle dicía que o deixara aí. Ata que por fin, un día, decidín levalo comigo ao arquivo a DIDAC, e convencinos de poder depositar alí a peza. E tivo para min todo o sentido recuperala para a capa do libro, pois creo que é un xeito de renovar a tradición”, debullou o deseñador.

Autofoto do deseñador gráfico Pepe Barro © Pepe Barro

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.