
A Academia Galega do Audiovisual mantén a súa aposta pola formación dos e das profesionais do país e na cuarta edición do Foro da Industria Galega do Audiovisual (FIGA) programa tres talleres centrados en comunicación e promoción, desenvolvemento de audiencias e distribución
A Academia Galega do Audiovisual mantén a súa aposta pola formación dos e das profesionais do país e na cuarta edición do Foro da Industria Galega do Audiovisual (FIGA) programa tres talleres centrados en comunicación e promoción, desenvolvemento de audiencias e distribución. As actividades desenvolveranse entre os meses de outubro e novembro na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade da Coruña.
A Academia puxo en marcha o Foro no ano 2023, reunindo naquela ocasión a expertos internacionais para abordar os desafíos e oportunidades da intelixencia artificial para o sector. A segunda edición buscou analizar a diversidade lingüística no sector audiovisual e, de maneira máis concreta, a situación da lingua galega no sector. O pasado ano a terceira edición tivo como temática central a diversidade do audiovisual e o debate sobre os retos e oportunidades que supón incorporala como eixo central da creación, da produción e da representación.
Nesta ocasión apóstase por un formato máis especializado e práctico, con tres obradoiros dirixidos a persoas vinculadas ao sector audiovisual, coa participación de profesionais con ampla experiencia en diferentes ámbitos da industria audiovisual, como Piti Alonso, Álvaro Vega, Lara P. Camiña, Ana González-Neira ou Natalia Quintas-Froufe.
Nesta ocasión apóstase por un formato máis especializado e práctico, con tres obradoiros dirixidos a persoas vinculadas ao sector audiovisual
O programa estrutúrase arredor de tres eixos fundamentais —distribución, deseño de audiencias e promoción/comunicación— seleccionados por seren tres ámbitos clave e interdependentes no ciclo de vida dunha obra audiovisual. A elección destas tres patas responde á necesidade de ofrecer unha visión integral do percorrido dun proxecto, desde a súa finalización ata a súa chegada efectiva ao público.
As inscricións aos talleres están abertas ata este xoves 15 de outubro. As persoas interesadas en participar deberán formalizar a súa matrícula antes desa data a través da web da Academia Galega do Audiovisual. Cada unha das sesións prácticas conta con 20 prazas. A cuarta edición do FIGA está impulsado pola Academia Galega do Audiovisual, co apoio do Concello da Coruña e da Deputación da Coruña, a través da área de Cultura, e coa colaboración da Universidade da Coruña. A Coruña volve ser a sede das xornadas, reforzando o papel da provincia como punto de referencia do ecosistema audiovisual galego.
Programa
- 23 e 24 de outubro. Xornada 1 – Comunicación e promoción, con Piti Alonso
- 30 e 31 de outubro. Xornada 2 – Análise e Desenvolvemento de Audiencias, con Álvaro Vega, Ana González Neira e Natalia Quintas Froufe
- 13 e 14 de novembro. Xornada 3 – Distribución, con Lara P. Camiña
Comunicación e promoción
O programa estrutúrase arredor de tres eixos fundamentais —distribución, deseño de audiencias e promoción/comunicación. A elección destas tres patas responde á necesidade de ofrecer unha visión integral do percorrido dun proxecto, desde a súa finalización ata a súa chegada efectiva ao público
A primeira das xornadas de formación, o 23 e 24 de outubro, estará centrada en comunicación e promoción, coa participación de Piti Alonso, xefe de prensa e especialista en publicity, relacións públicas e xestión de talento cunha experiencia de máis de dúas décadas ligada ao cine e ao audiovisual español. En 2000 fundou, xunto a David Sánchez, DYP Comunicación, axencia desde a que traballa na comunicación e promoción de películas, series e proxectos culturais, así como na organización de prensa de festivais e grandes acontecementos da industria.
DYP forma parte da Oficina de Prensa e Relacións Públicas do Festival de Málaga e da organización de prensa dos Premios Goya, onde traballa na coordinación de medios, talento e alfombra vermella. Desde 2025 é ademais responsable de Butaca Preferente, a sección de cine de El Despertador de Radio Nacional de España.
As sesións contan coa participación de profesionais con ampla experiencia en diferentes ámbitos da industria audiovisual, como Piti Alonso, Álvaro Vega, Lara P. Camiña, Ana González-Neira ou Natalia Quintas-Froufe
Alonso impartirá unha clase maxistral aberta ao público e gratuíta o venres 23 de 17 a 18 horas na que se abordarán as claves para deseñar unha estratexia de comunicación eficaz para un proxecto audiovisual e achegalo aos seus públicos. Será unha sesión pensada para coñecer ferramentas, estratexias e casos prácticos da man dunha profesional especializada no ámbito da comunicación e a promoción audiovisual.
Para esta clase maxistral non é necesaria inscrición previa, pero si o é para a xornada de formación práctica que terá lugar o sábado 24 de 10 a 14 horas. Trátase dun taller dirixido a profesionais do sector audiovisual, pensado para afondar nos contidos da masterclass e traballar de maneira máis específica sobre as necesidades e retos da comunicación e promoción dun proxecto.
Análise e Desenvolvemento de Audiencias
As actividades desenvolveranse entre os meses de outubro e novembro na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade da Coruña
A segunda xornada, a fin de semana segunte, estará centrada na análise e desenvolvemento de audiencias e estará impartida por Álvaro Vega, Ana González Neira e Natalia Quintas Froufe. Álvaro Vega é fundador e CEO de DobleSentido, especialista en marketing, comunicación, consultoría e audiencias para as industrias creativas e culturais. Ao longo da súa carreira foi responsable da promoción de máis de 125 películas. Foi director de Marketing e xefe de prensa de Vértigo Films entre 2007 e 2012.
Pola súa banda, Ana González-Neira e Natalia Quintas-Froufe son profesoras titulares da Facultade de Comunicación da Universidade da Coruña, cunha actividade docente e investigadora céntrase no estudo das audiencias.
Impartirán dous obradoiros centrados na análise e desenvolvemento de audiencias, o venres 30 de 16.30 a 20.30 horas e o sábado de 10 a 14 horas. Trátase dunha microcredencial universitaria, unha formación especializada orientada a achegar ferramentas e coñecementos para comprender, identificar e conectar cos públicos dos proxectos audiovisuais.
Distribución
Finalmente, a terceira xornada, o 13 e 14 de novembro, será impartida por Lara P. Camiña, distribuidora, produtora e actual presidenta de ADICINE (Asociación de distribuidores independentes cinematográficos), cunha ampla experiencia no ámbito do cine independente e de autor. En 2013 fundou Bteam Pictures, desde onde participou na distribución de títulos como La novia, Una mujer fantástica, Otra ronda, Sirât, Los domingos, Cinco lobitos ou 20.000 especies de abejas.
A proposta articúlase en dúas sesións complementarias: unha masterclass aberta ao público e un taller práctico para profesionais, con prazas limitadas. O venres 13 de 17 a 18 horas Camiña achegará nunha sesión aberta e de balde, sen inscrición previa, as principais claves para deseñar a estratexia de distribución dunha obra audiovisual.
O sábado 14 impartirá un taller práctico dirixido a profesionais do audiovisual, cun límite de 20 prazas e inscirición previa, no que se poderá profundar nas cuestións abordadas na masterclass e traballar sobre as diferentes posibilidades e estratexias de distribución dunha obra.