O audiovisual galego vive un bo momento, cun gran recoñecemento dos profesionais e das producións do país, en ocasións sendo o galego o idioma da súa versión orixinal. De que xeito se pode consolidar este bo momento? Que obstáculos limitan aínda o percorrido das producións en lingua galega?
O sector audiovisual galego vive un bo momento, cun gran recoñecemento dos profesionais e das producións do país, que nalgúns casos están a obter unha gran repercusión fóra das nosas fronteiras e en ocasións sendo o galego o idioma da súa versión orixinal. De que xeito se pode consolidar este bo momento? Que obstáculos limitan aínda o percorrido das producións en lingua galega? Como se pode chegar a máis públicos, tanto no país coma no exterior?
A segunda edición do Foro da Industria Galega do Audiovisual (FIGA) vai servir para analizar a diversidade lingüística no sector audiovisual e, de maneira máis concreta, a situación da lingua galega no sector. No encontro, que se celebra entre os días 7 e 9 de novembro na Cidade das TIC da Coruña baixo o lema “A lingua e o audiovisual”, participan máis de 30 profesionais e expertos, que tratarán os "retos e oportunidades" que implica a produción e exhibición de contidos audiovisuais en linguas minorizadas.
A segunda edición do Foro da Industria Galega do Audiovisual vai analizar a diversidade lingüística no sector audiovisual e, de maneira máis concreta, a situación da lingua galega
O programa estará articulado en tres xornadas temáticas: a do xoves 7 de novembro leva por título “Na procura da nova televisión: públicos mozos, accesibilidade e referentes renovados” e centrarase no desafío de captar ás audiencias máis novas, mantendo a diversidade lingüística como valor diferencial.
A do venres 8 está titulada “Unha esfera cultural propia: producir en linguas minorizadas ou minoritarias” e, nela, analizarase o impacto de crear contidos en linguas non hexemónicas. Para rematar, as conferencias da xornada de clausura, o sábado 9, titúlanse “Cara un circuíto estable e unha normalización na lingua do audiovisual”. A xornada de clausura explorará as posibilidades de avanzar cara a un sistema audiovisual galego sólido que permita a normalización efectiva do uso da lingua galega.
"A clave pasa por atopar os públicos e que as políticas públicas non só pasen por financiar a produción senón tamén por crear uns circuítos de exhibición e distribución estables", di María Soliña Barreiro, responsable de contidos do foro
María Soliña Barreiro, coordinador da contidos do Foro, é profesora de Comunicación Audiovisual na Universidade de Santiago e integrante do Grupo de Estudos Audiovisuais, responsable de varios proxectos de investigación nos últimos anos sobre o cinema en linguas minorizadas. Destaca en conversa con Praza.gal que, efectivamente, "estamos nun bo momento para o audiovisual galego a nivel de profesionais, de produtoras, de producións e de uso de distintos formatos".
Porén, sinala que "hai tamén algúns problemas importantes", que comezan pola falta de análise sobre a situación: "se ti non sabes cales son os públicos, que produtos consumen, que efecto tiveron as políticas públicas..., despois non podes facer políticas públicas á carta". "Aquí funcionou un tempo o Observatorio Galego do Audiovisual, que despois decaeu, pero agora é dificilísimo saber que filmes galegos se están exhibindo e distribuíndo", pon como exemplo.
"Hai que evitar barreiras que proveñen do prexuízo", di e pregúntase: "como pode ser que haxa que agardar a que filmes como O que arde e outras películas galegas triunfen nun festival internacional de primeiro nivel para que en Galicia se lles empresten a atención que merecen"
Barreiro pon o foco na distribución como o principal problema do audiovisual e sinala que "hai unha gran parte da produción audiovisual galega que ao final non se distribúe ou acaba por facer estreas marxinais". E conclúe que "cada filme ou produto audiovisual ten o seu público" e que "a clave pasa por atopar os públicos e que as políticas públicas non só pasen por financiar a produción senón tamén por crear uns circuítos de exhibición e distribución estables".
Neste senso, di que "cómpre unha política de distribución e exhibición" para conseguir que "as pantallas de cinema sexan máis diversas". "Non se pode producir e deixar que as grandes corporacións e majors decidan o que se exhiba nos cines, que monopolizan as salas", indica e pon o exemplo de Catalunya, onde se propuxo "crear un circuíto de pantallas público-privadas que tivesen un mínimo de programación en catalán".
Ademais, apunta que "hai que evitar barreiras que proveñen do prexuízo" e pregúntase "como pode ser que haxa que agardar a que filmes como O que arde e outras películas galegas triunfen nun festival internacional de primeiro nivel para que en Galicia se lles empresten a atención que merecen".
Antes, a sesión inaugural do xoves estará centrada no reto de chegar ao público máis mozo, poñendo o foco en como facelo dende as linguas minorizadas, coma o galego
De todo isto falarase nas sesións do venres e sobre todo do sábado. Pola Cidade das TIC pasarán Ghaleb Jaber Martínez, creador da serie Motel Valkirias, e Alfonso Blanco ‘Fosco’, director de Portocabo, dous exemplos de producións galegas introducidas no mercado audiovisual portugués e tamén en plataformas internacionais domo HBO. Tamén estará Sonia Abbas, xefa de distribución nacional en Begin Again Films, que distribúe moitos filmes en galego, "buscando os seus públicos, porque cada produto ten o seu público determinado". Ou Asier Urbieta, director da serie Altsasu, unha produción das televisións vasca e catalá.
Outra mesa afondará na mellor maneira de escribir, dirixir e interpretar en galego, coa presenza de Araceli Gonda, guionista; Lidia Veiga, actriz; Paula Cons, directora; Pepe Coira, guionista; e de Rosa Moledo, asesora lingüística das series Fariña e El caso Asunta. Neste senso María Soliña Barreiro destaca que "a lingua é un elemento esencial, é un valor e require un traballo detrás, non vale calquera lingua á hora de incorporala a un produto audiovisual".
O audiovisual en galego para a infancia e a mocidade
Falarase do "desleixo da TVG coa programación infantil" e buscaranse estratexias alternativas, coma a que dende hai un tempo desenvolve a televisión pública catalá
Antes, a sesión inaugural do xoves estará centrada no reto de chegar ao público máis mozo, poñendo o foco en como facelo dende as linguas minorizadas, coma o galego. Nas distintas mesas das que consta a sesión falarase do "desleixo da TVG coa programación infantil" e buscaranse estratexias alternativas, coma a que dende hai un tempo desenvolve a televisión pública catalá.
Na Coruña estará Judith de Argila, responsable do Departamento de contidos dixitais e transmedia e creación de comunidades de 3Cat, que coordina cinco redaccións de contidos dixitais -centradas na infancia, na adolescencia, nos millenials...-, que preparan contidos para TikTok, para Instagram, para YouTube para chegar a eses públicos diferenciados.
Tamén intervirá Daniel Hernández, director de Estratexia de 3Cat. "En Catalunya decatáronse de que a audiencia da televisión catalá era sobre todo xente entre os 59 e os 75 anos e están traballando por recuperar o resto de audiencias, comezando polos millenials, que son xente que medrou vendo a tele, pero que agora xa non ve televisión", explica María Soliña Barreiro. "Aquí poderíamos dicir o mesmo da Xeración Xabarín", engade.
En Catalunya "teñen unha plataforma online para a infancia que funciona de marabilla (SX3) e outra centrada na adolescencia (Eva), que funciona moi ben e que por exemplo dá espazo a youtubers en catalán e programas como Eufòria, que consegue que a rapazada xogue a cantar en catalán no patio da escola"
En Catalunya "teñen unha plataforma online para a infancia que funciona de marabilla (SX3) e outra centrada na adolescencia (Eva), que funciona moi ben e que por exemplo dá espazo a youtubers en catalán e programas como Eufòria, que consegue que a rapazada xogue a cantar en catalán no patio da escola", sinala a docente e investigadora. "Tamén programan moito anime en catalán, con moito éxito de audiencia, e están entrando tamén no mundo do videoxogo", engade.
Hernández compartirá mesa de debate con Fernando Ojea, director de Contidos da CRTVG.gal, e con José Luis Blanco, director de Programación de EiTB-Euskal Telebista/Primeran. Unha boa oportunidade para contrapoñer as estratexias dos tres entes televisivos autonómicos.