O tratamento das distintas linguas oficiais na Lei, a consideración das producións independentes, o seu financiamento e o establecemento de cotas nas diferentes pantallas serán algúns dos temas analizados
O auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago acolle este xoves 15 de setembro unha xornada de reflexión e de análise sobre a nova Lei do Audiovisual, organizada polo Grupo de Estudos Audiovisuais da USC e que conta coa colaboración da Mesa pola Normalización Lingüística e o financiamento da Xunta.
O tratamento das distintas linguas oficiais na Lei, a consideración das producións independentes, o seu financiamento e o establecemento de cotas nas diferentes pantallas serán algúns dos temas analizados. No evento participará persoal investigador en materia de comunicación e políticas públicas, profesionais do audiovisual e representantes das entidades de defensa das linguas minorizadas da contorna estatal nun foro aberto á comunidade universitaria e á cidadanía, para o que non é preciso inscrición previa.
Margarita Ledo Andión abrirá ás 10 da mañá o foro, que contará tamén coas intervencións de Ramón Zallo, profesor de Comunicación Audiovisual da Universidade do País Vasco, e de Antía López Gómez e María Soliña Barreiro González, investigadoras e docentes da USC. O programa completo pode consultarse nesta ligazón.
Representantes de entidades de defensa das linguas minorizadas debullarán os puntos "nos que a Lei non atende demandas feitas dende a contorna estatal para preservar a diversidade lingüística e cultural no eido audiovisual"
Así mesmo, Marcos Maceira Eiras, da Mesa pola Normalización Lingüística; Francesc Marco Palau, da Plataforma per la Llengua; e Paul Bilbao Sarria, de Kontseilua conversarán sobre o audiovisual como un sector estratéxico do punto de vista lingüístico, cultural e económico e debullarán os puntos "nos que a Lei non atende demandas feitas dende a contorna estatal para preservar a diversidade lingüística e cultural no eido audiovisual".
Entre elas, revisarán as reivindicacións realizadas pola sociedade galega a través de propostas como a Iniciativa Xabarín, para garantir presenza de galego na programación infantil, ou a Iniciativa polo galego no audiovisual, que tentou impulsar modificacións na Lei Xeral de Comunicación Audiovisual.
As xornadas inclúen unha mesa redonda arredor do estado do audiovisual en Galicia
As xornadas incluirán ademais unha mesa redonda arredor do estado xeral do audiovisual en Galicia que reunirá a Uxía Caride, da Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi), Lidia Fraga, da Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG) e Iria Taibo, da Asociación Galega de Profesionais de Tradución e da Interpretación (AGPTI).