Hai uns dúas a AGAPI (Asociación Galega de Produtoras Independentes) anunciou a concesión da terceira edición do Premio de Honra Dolores Ben á tradutora e asesora lingüística Rosa Moledo. O galardón, que nas dúas primeiras edicións recoñeceu á xornalista e poeta Ana Romaní e á voz pioneira da televisión en Galicia Tareixa Navaza, lembra a figura de Dolores Ben, presidenta da AGAPI entre 2007 e 2019.
Rosa Moledo, nacida en Mazaricos, leva máis de 30 anos dedicándose á tradución audiovisual e ao asesoramento lingüístico. O 18 de xuño recollerá o III Premio de Honra Dolores Ben
Rosa Moledo, nacida en Gosolfre (Mazaricos) leva máis de 30 anos dedicándose á tradución audiovisual e ao asesoramento lingüístico. Como tradutora ten no seu haber numerosos traballos tanto para televisión coma para cine, entre os que se poden citar Fisterra, Sei quen es, A lingua das bolboretas, Lena, Os luns ao sol, 13 Badaladas, O lapis do carpinteiro, O ano da carracha, Cela 211, Engurras, Somos xente honrada, Os Fenómenos ou Lupin.
Ademais, como asesora e supervisora lingüística colaborou en numerosas sesións de dobraxe para televisión e cine, así coma na rodaxe de diversos programas de entretemento e series televisivas, como é o caso de Mareas Vivas, Fariña ou El caso Asunta. Leva tamén varios anos realizando o asesoramento lingüístico e a coordinación e corrección de textos para a súa publicación das obras producidas polo Centro Dramático Galego. A entrega do galardón terá lugar o vindeiro martes 18 de xuño en Cinemar Films, estudio cinematográfico de son fundado por Dolores Ben no ano 2006 e situado no polígono de Novo Milladoiro, preto de Santiago.
Como recibiches o premio? Que foi o primeiro que pensaches cando te comunicaron a súa concesión?
Foi toda unha sorpresa. De feito, cando me chamaron o primeiro que preguntei foi “A min? Por que?”. Ata cheguei a pensar que se trabucaran de persoa, porque non o esperaba para nada. Despois, cando o repousas si que pensei en que levo moitos anos no mundo do audiovisual. É moi bonito que te recoñezan o traballo e a túa traxectoria e por iso teño un gran agradecemento.
"A tradución é un traballo que cando está mal, nótase e normalmente se non se nota é que está ben"
Que cres que lle achega unha tradutora ou unha asesora lingüística a unha produción audiovisual?
A tradución é imprescindible, se queres facer cousas dobradas, que hai xente que prefire ver as series ou as películas dobradas e non quere consumir en orixinal. É un traballo que cando está mal, nótase e normalmente se non se nota é que está ben. Cando estás vendo unha película dobrada e todo vai para diante e non quedas atrancado pensando “que dixo aí? “pero quen fala así?” é que a tradución está ben.
As traducións deben coidar a lingua. Eu vivín moitos anos en Vigo e na Coruña, pero son de Mazaricos. E aínda que nunca deixei de falar galego, polo camiño vas perdendo riqueza lingüística, e cando volvín a Mazaricos decateime. E ás veces á tradución pásalle o mesmo, por iso agora penso que hai que tentar non facer cousas descafeinadas e facelas con máis riqueza idiomática, con mellor vocabulario...
En cambio, o asesoramento lingüístico non debería ser imprescindible, sobre todo cos actores e actrices de Galicia. Pero é un traballo necesario, porque no audiovisual hai persoas con carencias lingüísticas. Despois hai, claro, estes traballos máis específicos que de cando en vez hai que facer con actores e actrices de fóra de Galicia.
"Nas traducións hai que tentar non facer cousas descafeinadas e facelas con máis riqueza idiomática, con mellor vocabulario"
Supoño que o traballo de tradución para un produto audiovisual ten unha complexidade moi superior á dunha tradución dun texto escrito, comezano polo feito de que os tempos e duración teñen que ser os axeitados. É máis difícil traducir para unha película ou serie?
Si, supoño que é máis complexo, pero levo xa tanto tempo facendo isto que xa non son moi consciente. Cando comecei, hai máis de tres décadas, igual estaba hora e media dándolle voltas a como traducir unha frase para que encaixase perfectamente e para que tivese o sentido exacto. Agora xa non me pasa, teño tan dentro de min a dinámica de traballo no audiovisual que as cousas saen antes, pero claro, porque levo 34 anos traducindo.
Que opinas do uso da intelixencia artificial para facer traducións? Como lle afecta ao teu sector?
Xa se está empregando moito, non digo para dobraxes, pero nas traducións para subtítulos hai auténticas aberracións. Como lle afecta? Pois aféctalle para mal. Nunca unha tradución feita por unha IA vai estar correctamente aplicada nunha dobraxe, porque nestes traducións entran todo tipo de matices, que teñen que ver coa construción da personaxe, coas relacións que ten coas demais personaxes, e unha intelixencia artificial non pode acceder a iso.
"Hai actores e actrices que, falando ben o galego porque é a lingua que falan a diario, o problema que teñen é que lles custa falar en español con acento galego, porque non están afeitos a facelo"
Hai uns anos comentabas nesta entrevista, que che fixemos para falar do teu traballo de asesoramento en Fariña, que aínda que o máis visible era o traballo coa xente de fóra, tamén había que traballar moito o galego e o acento galego cos actores e actrices de aquí...
Si, todo iso é certo, hai actores e actrices galegos con carencias lingüísticas en galego. Pero é tamén curioso que hai outras persoas que, falando ben o galego porque é a lingua que falan a diario, o problema que teñen é que lles custa falar en español con acento galego, porque non están afeitos a facelo. E con eles tiven que traballar moito para que na súa boca soase natural o español de Galicia.
Ao final, o teu é un traballo de dirección de actores e actrices, aínda que estea limitado á lingua, non si?
Si, é un traballo moi complexo, que varía moito de persoa a persoa e no que, ademais, se mestura a propia dirección de actores e actrices. Porque hai que ensaiar como dicir unha frase chorando, ou contento, ou triste..., co rexistro axeitado. E darlles recursos para que teñan, porque despois hai ocasións en que hai improvisacións, ou cámbianse cousa. É un traballo interesante e bonito.
"Imaxinas un Sito Miñanco con acento andaluz? Pois pódese facer, pero se cadra non se podería chamar Sito Miñanco e terías que inventar a súa historia"
Dá a impresión que é algo ao que cada vez se lle dá máis importancia na produción dunha película ou dunha serie e que, se cadra, hai uns anos non se coidaba tanto. É así?
Si, é algo ao que se lle foi emprestando cada vez máis atención. É certo que o caso de Mar Adentro foi moi comentado, pero creo que Fariña marcou un antes e un despois. Ti podes coidar moitísimo a lingua dos personaxes para que todo sexa moi verosímil, ou obviar ese aspecto, porque moita xente nin o vai notar; son distintas maneiras de presentar unha historia e todo é defendible. Eu creo que é importante, sobre todo para que a xente de aquí se sinta identificada e para que a xente de fóra perciba como máis natural o que lle están contando. A ver, imaxinas un Sito Miñanco con acento andaluz? Pois pódese facer, pero se cadra non se podería chamar Sito Miñanco e terías que inventar a súa historia.
"Facer ben as cousas, con coidado, mirando todos os detalles, é unha garantía de que o teu produto vai gustar e vai ter éxito"
Chama a atención que, xusto agora, cando o consumo audiovisual está cada vez máis globalizado e unha serie como O Caso Asunta se ve en multitude de países por persoas que non van distinguir o acento galego doutro, se poña tanto énfase nisto. É digno de eloxio, cando menos.
Ás veces no éxito dun traballo inflúe a sorte, non o nego. Pero eu cada vez estou máis convencida de que o esforzo que poñas detrás é o máis importante. Porque facer ben as cousas, con coidado, mirando todos os detalles, é unha garantía de que o teu produto vai gustar e vai ter éxito. Evidentemente non é unha garantía absoluta, pero facer as cousas con rigor e con criterio axuda moito para que todo saia ben.
E fíxate no exemplo concreto de O Caso Asunta. Aquí temos imaxes reais, temos un documental... A xente pode comparar como falaban de verdade os personaxes e como falan os actores e actrices na serie. E todo suma.
"O traballo [con Candela Peña e Tristán Ulloa] foi moi fácil grazas á actitude e á aptitude deles, porque estamos falando de profesionais que teñen un nivel estratosférico. Eu dáballes unhas pautas para se aproximasen o máis posible sen caer na imitación, que podía converterse case nunha parodia; e eles, ademais, escoitaron moito como falaban os seus personaxes"
En O Caso Asunta destacouse moito o labor que realizaches cos actores e actrices, para reproducir a forma de falar, sobre todo, de Rosario Porto (Candela Peña) e Alfonso Basterra (Tristán Ulloa)? Como foi este traballo, con personaxes ademais moi distintos entre si, unha moi excesiva na forma de falar e o outro moi contido?
Eles dous e todos os demais, todos os actrices e actores están a un nivel impresionante, fíxate en Alicia Borrachero, da que se fala menos, pero é incrible como fala na serie, con esas curvas de entoación que fai. Pero si, os personaxes que interpretan Candela Peña e Tristán Ulloa son completamente distintos, e son un bo exemplo do que che dicía antes, de que o traballo é completamente diferente con cada persoa: Alfonso Basterra é moi contido, ao falar, e ademais non é galego de orixe; Rosario Porto si ten un acento galego moi marcado e, ademais, unha forma de falar moi particular.
O traballo con eles foi moi fácil, dentro da dificultade lóxica que ten este labor. E todo grazas á actitude e á aptitude deles, porque estamos falando de profesionais que teñen un nivel estratosférico. Eu dáballes unhas pautas para se aproximasen o máis posible sen caer na imitación, que podía converterse case nunha parodia; e eles, ademais, escoitaron moito como falaban os seus personaxes.
"Fíxate no exemplo concreto de O Caso Asunta. Aquí temos imaxes reais, temos un documental... A xente pode comparar como falaban de verdade os personaxes e como falan os actores e actrices na serie. E todo suma"
Entendo que na rodaxe estás presente e podes facer indicacións no que atinxe á lingua, como fai o propio director ou directora?
Si, estás aí, na gravación da escena e podes entrar a corrixir algunha cousa que vises que non estaba ben de todo, como entra unha maquilladora, unha peiteadora ou unha directora de escena. E entón falo cos actores e actrices e dígolles: coidado con isto ou lembra o que falamos deste tema...
É un traballo continuo e alégrome de que se teña en conta cada vez máis. Alégrome por min, pero alégrome pola profesión, alégrome de que se lle dea cada vez máis visibilidade.
"Ás veces as críticas son moi gratuítas e non teñen en conta o contexto ou a complexidade dunha decisión que se tomou despois de pensala moito; cando alguén di “por que din iso así?” sempre penso: "Ai, se ti souberas""
As dobraxes ou a forma de falar dos actores e actrices é algo sempre moi comentado e do que moita xente opina, agora de forma moi visible e inmediata, a través das redes sociais. Estás pendente destes comentarios? Aféctanche estas críticas, moi doadas de facer dende o sofá?
Non, non estou moi pendente, pero si que me chega, porque ademais en parte é algo que me interesa. Afortunadamente, cólleme cos anos que me colle e entón non me afecta moito. E, ademais, impórtame na medida en que sempre aprendes cousas. Outras veces, é algo que me fai chiste, sen máis, porque como dis cuestionar dende fóra é moi fácil; todos nos podemos trabucar, pero ás veces as críticas son moi gratuítas e non teñen en conta o contexto ou a complexidade dunha decisión que se tomou despois de pensala moito; cando alguén di “por que din iso así?” sempre penso: "Ai, se ti souberas".