Cando o corpo sen vida da nena Asunta Yong Fan apareceu nunha pista forestal do concello de Teo, a poucos quilómetros de Santiago de Compostela, pasaran apenas dous meses desde o descarrilamento do tren Alvia en Angrois. O accidente causara a morte de oitenta persoas a noite grande das festas do Apóstolo, na véspera do Día de Galicia, e sumaba unha traxedia sen precedentes ao relato dun tempo inopinadamente convulso na cidade.
O ano anterior, durante a primavera, o insólito Gerardo Conde Roa dimitira como alcalde acusado de fraude fiscal e corrupción. Seguírao axiña, pola mesma razón, boa parte da corporación municipal. Pouco máis tarde, un electricista que traballaba na catedral compostelá foi detido polo roubo do Códice Calixtino e sóubose entón que conservara o libro entre panos e plásticos no garaxe do seu domicilio no Milladoiro, onde tamén gardaba, en efectivo e en bolsas do lixo, case dous millóns de euros que procedían das esmolas ofrecidas ao templo por peregrinos e turistas, e de cuxa falta, aparentemente, ninguén se decatara.
"Su nombre es Manuel Fernández Castiñeiras y vive en un barrio a las afueras de la capital gallega", contaba daquela o xornal local El Correo Gallego. Asunta Yong Fan criárase, pola contra, no centro desa mesma capital gallega. Alumna avantaxada do instituto Rosalía de Castro —que a xente de certa idade chama aínda agora con frecuencia "o feminino" ou "o instituto"—, ía tamén a clases de violín, de piano, de ballet, de francés e de chinés, e era a única filla do xornalista bilbaíno Alfonso Basterra e da avogada autóctona Rosario Porto, esta última tamén filla única dunha profesora universitaria de Historia da Arte e dun avogado moi coñecido, de quen herdara aos vinte e sete anos o título de cónsul honorífica de Francia.
O mundo de Rosario e a súa familia é o deses santiagueses que non confunden nunca os nomes das rúas da zona nova
O mundo de Rosario e a súa familia é o deses santiagueses que non confunden nunca os nomes das rúas da zona nova; que cando din Montero Ríos non queren dicir Alfredo Brañas ou Doutor Teixeiro, e que raramente camiñarían ata un enderezo en Republica do Salvador para recoller un paquete que en realidade está agardando en República Arxentina. Os dous matrimonios eran o tipo de xente susceptible de saír con asiduidade nas fotografías da sección "Vida Social Gallega" —aínda existe con ese nome— de El Correo Gallego, onde o propio Alfonso Basterra traballara algún tempo, pero era difícil de prever que chegarían a protagonizar a de sucesos, e moito menos en calidade de vitimarios.
A crónica que este mesmo xornal publicou sobre o funeral da nena Asunta explica que a misa se celebrou na parroquia de San Fernando, en pleno Ensanche, e que foi oficiada por un sacerdote amigo da familia. Conta que, a pesar de tratarse dunha igrexa de gran tamaño, quedou pequena ante a numerosa afluencia. Detense despois no reconto de quen estaba e deixa caer quen non. Non estaba a nai da nena, que fora detida esa mesma mañá. Non estaba a familia de Alfonso Basterra, que acudiu só.
Si estaba unha nutrida representación do alumnado do instituto Rosalía de Castro co seu director, Ubaldo Rueda, á fronte. Si estaba o reitor da Universidade, Juan Casares Long. Si estaba o alcalde en exercicio, Ángel Curras, que substituíra a Gerardo Conde Roa e que pouco despois deixou libre un cargo que acabou ocupando o exconselleiro Agustín Hernández. Si estaba, e era o único exalcalde, ou polo menos o único mencionado polo xornal, Xosé Sánchez Bugallo. Seis anos despois recuperaría a alcaldía tras o paso de Martiño Noriega polo Pazo de Raxoi e El Correo Gallego celebraría nas súas páxinas, por fin e sen pudor, a derrota electoral de Compostela Aberta.
O relato do funeral e as demais noticias sobre a nena Asunta, tanto na prensa galega como na de fóra, abusa de certos sintagmas: "céntrica rúa", "rostro habitual", "amigo da familia", "pleno Ensanche". Soamente no caso de 'El Correo Gallego' os epítetos soan xenuínos,
O relato do funeral e as demais noticias sobre a nena Asunta, tanto na prensa galega como na de fóra, abusa de certos sintagmas: "céntrica rúa", "rostro habitual", "amigo da familia", "pleno Ensanche", "nutrida representación", "destacada posición", "importante avogado", aos que moi pronto se engadirían outros como "coñecido empresario" ou "mediático xuíz", pero soamente no caso de El Correo Gallego os epítetos soan xenuínos, coma se o xornal os considerase a maneira adecuada e natural para falar de certa xente e de certas cousas, e o seu uso noutros medios delatase unha intención artificiosa de subliñar o contexto social do caso a través da hipérbole e da caricatura. Ata o momento da morte de Asunta, Rosario tivera unha relación frecuente coa prensa, sobre todo na súa calidade de cónsul honorífica, pero tamén fora entrevistada en ocasións como nai dunha pequena ou como personalidade local.
Cando Asunta era unha meniña de ano e medio, La Voz de Galicia publicou unha peza sobre as rutinas de Rosario, "Madre, abogada, ama de casa y diplomática". Ela explica que o traballo non lle deixaba apenas tempo para desfrutar da nena, e que non fixera uso do permiso de maternidade “porque un profesional liberal no puede permitirse ese parón”. Por esas mesmas datas, o día de Reis, o mesmo xornal publicou outra peza do mesmo ton. Na foto sae a parella coa nena, no centro de Santiago —na Praza de Galicia— durante a cabalgata. O último parágrafo ocúpase dos aspectos económicos da adopción de Asunta e detalla que ademais da viaxe e dos trámites, o país asiático esixía a doazón de tres mil dólares para os orfanatos. Rosario, apunta o xornal, non pensaba que fose unha cifra desorbitada. "Un coche ya cuesta más", bromeaba. Anos máis tarde, a mesma prensa, a mesma opinión pública e a mesma veciñanza que un día recibira estas e outras declaracións con simpatía, non foi capaz de vencer a tentación de reinterpretalas como mostras de cinismo ou indicios de algo que xa se sabía.
A serie titulada El caso Asunta, producida por Bambú e estreada o venres pasado en Netflix, comeza emulando na ficción outra daquelas entrevistas, se cadra a máis coñecida, unha breve reportaxe de Localia Televisión na que a parella comenta algunhas anécdotas da adopción e os seus puntos de vista ao respecto. A conversa, a real e a de ficción, ten lugar na cafetería da praza da Quintana, a poucos metros da catedral, un dos tres ou catro lugares que calquera escollería para filmar unha entrevista en Santiago, fóra do territorio habitual da parella. Os planos recurso que se gravaron para esa reportaxe —a familia enteira paseando, a nena soa xogando na rúa— son intercalados unha e outra vez como recursos das noticias sobre o caso Asunta desde o 2013. Tamén as declaracións da nai durante a entrevista, que comenta que calquera maternidade é un compromiso para toda a vida. Na versión de ficción, a xornalista, fóra de plano, pregunta sobre as dificultades da adopción. O personaxe de Basterra, interpretado por Tristán Ulloa, responde aludindo á súa posición económica: "Si se refiere a los requisitos dinerarios que se suelen exigir, basta con saber que nuestra familia siempre gozó de buena salud en ese sentido".
Hai un comentario revelador que Basterra lle fai á súa exmuller despois da súa detención. Ela lembra, avergonzada, os insultos na rúa, e el trata, ao seu xeito, de consolala: "Cariño, ¿qué te vas a esperar de la gente?
Hai un comentario revelador que Basterra lle fai á súa exmuller despois da súa detención, cando os levaron xuntos aos calabozos da comandancia da Garda Civil na Coruña, onde as súas conversas foron gravadas. Ela lembra, avergonzada, os insultos da veciñanza na rúa, e el trata, ao seu xeito, de consolala: "Cariño, ¿qué te vas a esperar de la gente? Nuestros amigos están en sus respectivas casas, apoyándonos incondicionalmente. Chicha, Maruca, Carmen, todo el mundo. Los que están fuera son la chusma".
A serie recolle ese momento con moi leves variacións. Na ficción, Alfonso Basterra aparece retratado tal e como podemos imaxinalo e construílo a partir das súas declaracións e actitudes no calabozo, durante o xuízo e ante a prensa na rúa. É compacto e coherente. No momento en que a parella da garda civil, interpretada por María León e Carlos Blanco, acude ao domicilio familiar para informar da aparición do corpo da nena, o desconsolo do personaxe é máis furioso que fráxil, pero dalgunha maneira é posible albiscar nesa ira un desconcerto raro e quebradizo que explica case todo.
Rosario Porto é, en cambio, o único personaxe inexplicable de El caso Asunta, algo en aparencia paradoxal, pero que en realidade apunta con intelixencia a cerna da sua natureza voluble. A serie defínea como un fío moi fino, tan fráxil e tan tenso que en calquera momento pode romperse. O ton queixoso do personaxe de Porto, interpretada por Candela Peña, e da persoa de Porto, nas gravacións que se fixeron públicas das súas declaracións, delata unha vulnerabilidade estrema, case un delirio sen fisuras.
O caso Asunta, como calquera dos sucesos de aqueles anos axitados do incunable roubado, do alcalde corrupto e do dramático accidente de tren, non ten as súas causas inmediatas no contexto en que se produciu, pero tampouco pode disociarse da singular idiosincrasia da cidade
É o soniquete afectado e infantil dunha nena que se extraviou e non comprende a situación en que se encontra. Pero esa incomprensión procede indubidablemente dunha arrogancia de clase e dunha esaxerada conciencia sobre a posición social que ocupa. Tras a súa morte por suicidio no cárcere, Faro de Vigo enumeraba: "Tiene dos pisos en las mejores calles del Ensanche, además de la casa de Teo y un apartamento en Vilanova". A súa actividade pública era constante. Na hemeroteca de La Voz de Galicia poden atoparse fotografías súas con Fraga, con Sánchez Bugallo, ou moderando unha mesa redonda na Alianza Francesa. Como Asunta, estudara no Rosalía de Castro. Formaba parte da ANPA e tamén formaba parte da directiva do Ateneo de Santiago.
Na crónica de El Correo Gallego sobre o funeral da súa filla, Rosario Porto, que nese momento acababa de ser detida, aparece como "Rosario P. O.", coma se de súpeto escribir alí os seus apelidos resultase molesto para alguén. É posible que fose un formalismo. É posible que fose unha deferencia. Falando dos prominentes Churruchaos en Los Gozos y las sombras, Torrente Ballester explica sobre a familia que aínda que xa non fosen respectables, perduraba o costume de respectalos.
O caso Asunta, como calquera dos sucesos de aqueles anos axitados do incunable roubado, do alcalde corrupto e do dramático accidente de tren, non ten as súas causas inmediatas no contexto en que se produciu, pero tampouco pode disociarse da singular idiosincrasia da cidade. Por suposto, Santiago de Compostela é moito máis que o retrato das vergonzas da súa prensa local, dos seus sacerdotes amigos, dos seus coñecidos empresarios, dos seus mediáticos xuíces, das súas destacadas familias e das súas céntricas rúas. É unha cidade espléndida, minúscula e enorme, monumental e insignificante, anticuada e vangardista, onde chove a gusto de todos e a gusto de ninguén. Como calquera outra, pero á súa maneira.