O Colexio de Xornalistas denuncia os "abusos" dalgúns medios no crime de Asunta

Algunhas das portadas publicadas sobre o caso Dominio Público Praza Pública

Nos últimos nove días o asasinato de Asunta Basterra, de doce anos, dominou as portadas da prensa e dos informativos da televisión, e tamén ocupou moitas horas noutro tipo de programas. A cobertura ofrecida por moitos deles foi criticada dende un inicio por unha parte importante dos lectores, ben polo peso das especulacións e bulos, rumores e datos sen contrastar, ben polo tratamento gráfico escollido, tanto para a menor falecida coma para os seus pais, en prisión dende o venres, ou tamén pola gran cantidade de conxeturas e xuízos paralelos desenvolvidos tanto por xornalistas, opinadores e supostos expertos. O Colexio de Xornalistas de Galicia, a través do seu decano Xosé Manuel Pereiro, vén de propoñer a aprobación dunha lei que "poña fin a abusos como os que se están cometendo no caso da nena asasinada en Santiago".

Pereiro denuncia, nunha reportaxe publicada por infoLibre a "impotencia" das organizacións profesionais á hora de poñer freo a esta situación e lembra a necesidade de aporbar unha Lei Orgánica de Garantías do Dereito á Información da Cidadanía (LOGDIC), proposta hai xa anos polos colexios profesionais e os sindicatos que forman parte do Foro de Organizacións de Periodistas (FOP). Nesta norma reclámanse mecanismos capaces de defender os cidadáns das prácticas xornalísticas contrarias á ética e deontoloxía profesional. A LOGDIC, da que existe ata un borrador articulado, propón entre outras cousas a creación dun Consello Corregulador de Xornalismo que se ocupe de facer cumprir, a xornalistas e medios, o código deontolóxico da profesión, aprobado pola Federación Internacional de Xornalistas. A proposta das organizacións profesionais é que este consello sexa independente do Goberno e estea integrado por representantes dos xornalistas, das empresas de comunicación, do Poder Xudicial, da universidade e das asociacións de consumidores.

Dende o Colexio lémbrase que "as empresas de comunicación sempre se opuxeron a este escenario" e que "como moito defenden a autorregulación, un modelo que lles asegura seguir sendo xuíz e parte"

Dende o Colexio lémbrase que "as empresas de comunicación sempre se opuxeron a este escenario" e que "como moito defenden a autorregulación, un modelo que lles asegura seguir sendo xuíz e parte, porque deixa baixo o seu control decidir que contidos cumpren os mínimos éticos exixibles ao dereito á información e cales non". Tamén salientan que "a necesidade de organismos independentes é unha recomendación oficial do Grupo de Alto Nivel da UE sobre Pluralismo e Liberdade dos Medios" e que no Reino Unido conservadores, laboristas e liberais puxéronse de acordo o pasado mes de marzo para crear unha autoridade independente con capacidade para sancionar aos medios de comunicación que falten á ética. Porén, engaden, nin o anterior goberno socialista nin a actual maioría absoluta popular permitiron a apobación dun organismo independente do poder político semellante.

O Consell Audiovisual de Catalunya (CAC) anunciou o pasado venres que vai analizar o comportamento dos medios de comunicación cataláns no caso da nena asasinada en Santiago

En Catalunya e Andalucía funcionan dende hai anos consellos de regulación do audiovisual que, dado que radios e televisións dependen dunha licencia concedida polo Estado e deben respectar unhas determinadas condición polas que recibiron a súa licencia de emisión, se encarga de velar polo cumprimento dunhas mínimas regras éticas e deontolóxicas. De feito, o Consell Audiovisual de Catalunya (CAC) anunciou o pasado venres que vai analizar o comportamento dos medios de comunicación cataláns no caso da nena asasinada en Santiago. Xosé Manuel Pereiro conclúe que "hai que establecer regras claras para os xornalistas e os cidadáns".

 

Incumprimentos da deontoloxía profesional

O Código Deontolóxico recomenda "difundir unicamente informacións fundamentadas, evitando en calquera caso afirmacións ou datos imprecisos e sen base dabondo, que poidan lesionar ou menosprezar a dignidade das persoas"

O Código Deontolóxico do Xornalismo Galego, aprobado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia en 2008, recolle unha ducia de mandatos ou recomendacións moi concisas, e que mutatis mutandis coinciden con disposicións semellantes aprobadas por outras organizacións profesionais en todo o mundo. O primeiro criterio afirma que "a primeira obriga do/a xornalista é a busca da verdade e a súa esencia é a disciplina da verificación" e chama a evitar "a difusión de suposicións e rumores". Tamén recomenda "difundir unicamente informacións fundamentadas, evitando en calquera caso afirmacións ou datos imprecisos e sen base dabondo, que poidan lesionar ou menosprezar a dignidade das persoas". Igualmente pídese "observar escrupulosamente o principio de presunción de inocencia nas informacións e opinións relativas a causas ou procedementos penais en curso".

O Colexio tamén aprobou outros documentos e recomendacións específicas, referidas por exemplo á cobertura da información xudicial, que tamén se deberían observar no caso de Asunta. A Guía para o tratamento dos procesos xudiciais foi aprobada o pasado ano polo Consejo Audiovisual de Andalucía a través dun protocolo de colaboración co Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía e o Colegio de Periodistas da comunidade. Este texto sinala algúns dos problemas xerados por certas coberturas de procesos xudiciais, que incorren na "vulneración do dereito á presunción de inocencia, a celebración de xuízos paralelos ou a violación do dereito ao honor e a intimidade dos menores". 

Outra das recomendacións desta guía sinala que "os medios de comunicación non deben incentivar xuízos paralelos usurpando a función dos tribunais" pois "a xustiza non emana dos medios de comunicación"

O texto tamén sinala que "toda información relativa a asuntos xudiciais debe estar contrastada e presidida, sempre, polo principio de presunción de inocencia que ampara á persoa imputada e acusada, garantíndolle ser tratada como inocente até que no se dicte unha sentenza de condena" e que "os medios de comunicación deben rectificar inmediatamente calquera información errónea". Outra das recomendacións desta guía sinala que "os medios de comunicación non deben incentivar xuízos paralelos usurpando a función dos tribunais" pois "a xustiza non emana dos medios de comunicación".

Tamén se critica que nalgunhas ocasións se busca "orientar as declaracións e afirmacións das testemuñas de cara a conseguir a información que dea máis xogo e fomente o sensacionalismo e o amarelismo"

No caso de Asunta entran en xogo, ademais, outros factores, ao tratarse a vítima dunha menor de idade. O Colexio de Xornalista aprobou en 2007 outras recomendacións relativas á cobertura de informacións que teñan a nenos e adolescentes como protagonistas. Ese ano un menor deulle a outro unha forte malleira no peirao da parroquia de Escarabote (Boiro). A malleira foi gravada en vídeo cun móbil e foi dfundida por medios de comunicación de toda España. Como consecuencia, o Colexio elaborou un decálogo de actuación para este tipo de informacións con menores. Nesta declaración deféndese a "protección do menor, preservación da súa imaxe e dereito á intimidade, á dignidade e ao anonimato de todas as persoas implicadas" e tamén chámase a "evitar o sensacionalismo, a intromisión nos sentimentos e as especulacións sobre estes".

Neste texto sublíñase que "os medios de comunicación deberan fuxir do sensacionalismo predominante, sobre todo nos titulares, que en moitas ocasións non é máis do que unha esaxeración da realidade, que engade máis emotividade e empatía que información relevante". E saliéntase que os medios galegos "caen con demasiada frecuencia na descrición de datos excesiva e detallada que non representa máis que a parte escabrosa e impactante da noticia". Tamén se critica que nalgunhas ocasións se busca "orientar as declaracións e afirmacións das testemuñas de cara a conseguir a información que dea máis xogo e fomente o sensacionalismo e o amarelismo".

O Colexio tamén recomenda "non alongar as informacións de modo inncesario", seguindo esquemas propios dos reality shows ou dos programas do corazón. O texto explica que "cando a información que xenerou a noticia deixa de ser importante ou interesante porque caduca, os datos pouco relevantes e que non engaden ningún tipo de valor convértense no eixo da nova, para o cal é necesario, na maioría das ocasións, esaxeraren ou cualificaren estes aspectos para lles daren unha aparencia externa atractiva que chame a atención da audiencia". De igual xeito pídese "non implicar a terceiros", pois os medios "adoitan utilizar as voces non autorizadas de veciños e coñecidos para lle dar unha maior carga de veracidade ás información e ás testemuñas".

 

Reaccións e reflexións sobre o papel dos xornalistas

As críticas á cobertura do caso realizada pola meirande parte dos medios chegaron nos últimos días por vías diversas, internas e externas á profesión. Este luns os medios facíanse eco do anuncio realizado a través das redes sociais por Carme Hermida, profesora na Facultade de Xornalismo da USC e concelleira en Teo, onde apareceu o cadáver, de non seguir impartindo clases nese centro, "despois de ver estes días a información que fan -ou os obrigan a facer-" os xornalistas saídos desta facultade. Engadía que "persoal e profesionalmente non teño forzas para investilas na formación de persoas que sabes seguro que van converter en seres morbosos, manipuladores, mentireiros, desprezativos, pagados de si mesmos e irreflexivos".

O venres pasado Luís Villamor publicaba en El Diario unha reflexión titulada Noticias y cuentos sobre la muerte de una niña. No texto, o xornalista sinala que neste caso "todas as alarmas sobre xornalismo serio saltaron polos aires", con "datos escasos" e "especulación volcánica". Engade que "á noticia da aparición do cadáver de Asunta seguíronlle unha serie de titulares tan atractivos coma contraditorios, sen que medie, dun día para outro, explicación ningunha ao público e moito menos fe de erros". E conclúe que "non é lícito subscribir que a realidade non te estropee unha boa crónica". 

Algunhas das portadas publicadas sobre o caso Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.