
Un traballo da pontevedresa Alba María Moledo Ucha sobre a xornalista que dá nome aos galardóns de ensaio da Academia Galega do Audiovisual obtivo o primeiro premio na décima edición do certame
A pasada semana a Academia Galega do Audiovisual entregou na Deputación de Lugo os galardóns da décima edición dos Premios María Luz Morales, o seu certame de ensaio e videoensaio sobre o audiovisual. Catro mulleres -Alba María Moledo Ucha, Lucía Estévez González, Uxía Bereixo e Sara Calvete Lorenzo- obtiveron cadanseu recoñecemento.
Dende hai unha década os Premios María Luz Morales veñen recoñecemento traballos que afondan na análise e na historia da creación fílmica. Nesta edición, os catro galardóns recaeron en propostas de autoría feminina que abordan cuestións como a representación das mulleres lesbianas no audiovisual galego, o tratamento do corpo feminino na pantalla, as relacións entre ficción audiovisual, traballo e clase ou a presenza do cinema na obra xornalística e editorial da propia María Luz Morales.
Non só foi a primeira muller en dirixir un xornal (La Vanguardia, en 1936) senón que publicou máis de 400 pezas e críticas cinematográficas baixo o seu pseudónimo Felipe Centeno. Mesmo traballou na industria, realizando textos e traducións para a Paramount
Desde a súa creación, a convocatoria —pioneira no Estado neste ámbito— abriu un espazo específico para a investigación, a análise crítica e a creación arredor do audiovisual, tanto galego como internacional, a través de ensaios escritos e videoensaios. Na actualidade, son os únicos premios específicos de ensaio sobre o audiovisual galego que se convocan en Galicia. En dez edicións, os Premios María Luz Morales acumulan 237 traballos presentados, 89 deles centrados no audiovisual galego.
O xurado desta décima edición dos Premios María Luz Morales estivo integrado pola artista visual e xestora cultural Aldara Pagán, pola profesora da UDC, especialista en comunicación, Finocha Formoso e pola comunicadora e xestora Miriam Rodríguez, que avaliou as propostas presentadas nas catro categorías da convocatoria.
María Luz Morales, crítica de cine
María Luz Morales conseguiu rachar co teito de cristal e posicionarse en La Vanguardia nunha sección tradicionalmente copada polos redactores masculinos. "Iso si, sen esquecer o seudónimo", destaca Moledo Ucha na súa investigación
Na categoría de Mellor ensaio escrito sobre audiovisual galego, o premio foi para “O cinema sobre o papel: interpretación da sétima arte na obra xornalística e editorial de María Luz Morales”, de Alba María Moledo Ucha. Neste traballo a xornalista e investigadora pontevedresa afonda na relación que estableceu co cinema a xornalista que dá nome aos propios galardóns. A primeira directora dun xornal de grande tiraxe no Estado español (La Vanguardia, 1936) foi tamén xornalista cinematográfica e escribiu máis de 400 noticias e críticas de cine neste xornal baixo a sinatura de Felipe Centeno durante unha década de traballo.
María Luz Morales conseguiu rachar co teito de cristal e posicionarse en La Vanguardia nunha sección tradicionalmente copada polos redactores masculinos. "Iso si, sen esquecer o seudónimo", destaca Moledo Ucha na súa investigación. "Morales era partidaria dunha crítica limpa, non interesada e, en definitiva, dun xornalismo libre ao redor dunha industria que pretendía limitalo", destaca a autora. "Non louvamos porque non había nada que louvar". Así de crúas podían chegar a ser as críticas de Morales na época que, asinando baixo o seudónimo masculino, "foi máis libre que nunca antes durante o desenvolvemento da súa profesión", destaca a investigadora.
Para Morales, escribe, a existencia da crítica cinematográfica "era de vital importancia nun momento de sobreprodución por parte da industria, polo que o seu labor era tamén supervisar esa calidade artística". Realizaba tamén "profundas reflexións" co obxectivo de reivindicar a profesionalización da crítica de cine dentro do xornalismo, en toda a responsabilidade que, como profesionais, debían asumir os xornalistas especializados.
Morales chegou mesmo a traballar na propia industria, recrutada por unha Paramount en plena expansión. "Aos representantes da Paramount Films, que operaba tamén en Barcelona, non lles pasou desapercibida. Quixeron contactar con aquel 'Felipe Centeno' que louvaba e criticaba certas estreas, e romper a barreira que separaba a industria e a crítica. Co cinema parlante en pleno desenvolvemento, a necesidade de lidiar coas traducións das películas, de poñerlles palabras e de adaptar a literatura á gran pantalla, viron a urxencia de contar cunha man experta", escribe.
"Dela queda unha inxente produción xornalística e ensaística arredor do cinema aínda pouco coñecido polo público. Unha obra que apenas se estuda nas aulas universitarias, e que foi sen dúbida o máis magnífico precedente dun xénero xornalístico e industrial que hoxe move millóns", remata Alba Moledo
Contratárona para exercer a asesoría literaria das películas desde a casa central de Barcelona Morales redactaba publicidades ou encargábase das revistas que editaba a produtora, como Revista Paramount ou Paramount Gráfico. Porén, tamén se ocupaba de adaptar os epígrafes empregados para proxectar as películas estranxeiras cos diálogos escritos traducidos do inglés ou do francés. Despois, coa chegada do cine sonoro, ocupouse tamén da tradución dos diálogos falados, mesmo adaptándoos á fonética española.
Xa na Guerra Civil foi testemuña directa e próxima da rodaxe de L'Espoir de André Malraux entre 1938 e 1939. Posteriormente, envorcou o seu amplísimo coñecemento sobre o cinema na enciclopedia El Cine. Historia Ilustrada del Séptimo Arte (Salvat Editores, S.A, 1950), en tres tomos, e na obra colectiva El cine, de la colección La Gran Enciclopedia del Espectáculo (Editorial Argos, S.A, 1965),
"Dela queda unha inxente produción xornalística e ensaística arredor do cinema aínda pouco coñecido polo público. Unha obra que apenas se estuda nas aulas universitarias, e que foi sen dúbida o máis magnífico precedente dun xénero xornalístico e industrial que hoxe move millóns", remata Alba Moledo nas conclusións do seu traballo
A ficción, marco que delimita a forma na que o traballo organiza a vida
Na categoría de Mellor ensaio escrito sobre audiovisual internacional, o premio recaeu en “Odiar os luns. Unha reflexión sobre ficción audiovisual, traballo e clase”, de Uxía Bereixo
Na categoría de Mellor ensaio escrito sobre audiovisual internacional, o premio recaeu en “Odiar os luns. Unha reflexión sobre ficción audiovisual, traballo e clase”, de Uxía Bereixo, unha investigación na que o xurado destacou "o vínculo que a proposta establece entre a análise cinematográfica, a experiencia vital do espectador e diferentes cuestións da sociedade contemporánea".
Bereixo escribe que "medramos construíndo unha relación co traballo que vai moito máis aló do económico: converteuse nunha forma de medir o noso valor, de ordenar a nosa vida, de pensarnos e explicarnos diante dos demais" e sinala que "a ficción audiovisual leva tempo poñendo isto en evidencia, non só a través das historias que conta, senón tamén da maneira en que constrúe unhas personaxes que raramente existen fóra do seu traballo".
Bereixo escribe que "medramos construíndo unha relación co traballo que vai moito máis aló do económico: converteuse nunha forma de medir o noso valor" e sinala que "a ficción audiovisual leva tempo poñendo isto en evidencia, na maneira en que constrúe unhas personaxes que raramente existen fóra do seu traballo"
A autora conclúe que "hai algo incómodo en recoñecerse nestas historias. Non tanto polo que contan, senón polo que asumimos ao velas. Porque, no fondo, non falan doutros, falan de nós, da forma na que o traballo organiza a vida e condiciona o que somos capaces de imaxinar. A ficción deixa de ser só un espello que reflicte a realidade e pasa a ser un marco que tamén delimita o que consideramos posible".
"Por iso -remata- a cuestión non é só entender o que pasa, senón recuperar a imaxinación política: a capacidade de pensar outras formas de vivir, de traballar, de relacionarnos co tempo e co propio traballo. Porque se cadra non odiamos os luns, odiamos o capitalismo".
Videoensaio
O galardón ao Mellor videoensaio sobre audiovisual galego foi para “Un caderno dixital: A lesbiana no audiovisual galego”, de Lucía Estévez González
O galardón ao Mellor videoensaio sobre audiovisual galego foi para “Un caderno dixital: A lesbiana no audiovisual galego”, de Lucía Estévez González. A proposta achega unha lectura persoal da representación das mulleres lesbianas no audiovisual galego, a partir dun percorrido por diferentes obras e personaxes que permite identificar cambios, estereotipos e novas formas de representación. O xurado valorou a elección dos materiais e a consistencia da análise, así como unha montaxe fresca e dinámica que contribúe a facer máis atractivo o percorrido.
O Mellor videoensaio sobre audiovisual internacional foi para “Como despezar o corpo feminino na pantalla”, de Sara Calvete Lorenzo
Finalmente, o Mellor videoensaio sobre audiovisual internacional foi para “Como despezar o corpo feminino na pantalla”, de Sara Calvete Lorenzo. Neste caso o xurado salientou a personalidade da proposta e a maneira de empregar as posibilidades expresivas do videoensaio para articular unha reflexión que non se limita á descrición das obras. A análise, profunda e contrastada, detense no tratamento e na representación do corpo da muller, mentres que o ritmo, a construción do relato e o emprego da linguaxe audiovisual reforzan a coherencia e singularidade do conxunto.