"O mellor do deseño galego sobre produtos agroalimentarios" xúntase nunhas xornadas organizadas ao abeiro do Premio Luís Seoane da Deputación da Coruña
"Soñei sempre con crear milleiros e milleiros de obxectos na Galiza, tamén cacharros, se ti queres, que serviran para imprimirlle un novo carácter ao seu pobo e mellorar a súa vida. Era o programa do Laboratorio de Formas". En reflexións coma esta, expresada por Luís Seoane nunha carta a Isaac Díaz Pardo en 1965, apóiase o nacemento seis décadas despois do Premio Luís Seoane de Deseño impulsado pola área de Cultura da Deputación da Coruña.
O certame, comisariado por Pepe Barro, busca recoñecer "a traxectoria de persoas ou entidades dedicadas profesionalmente ao deseño en calquera dos seus ámbitos". Ao seu abeiro chegan as xornadas Do deseño tamén se come e se bebe, os vindeiros 13 e 14 de xuño. Na sede da fundación que na Coruña leva o nome do polifacético artista (Rúa San Francisco, 27), xuntarán "o mellor do deseño galego sobre produtos alimentarios".

Explican dende a organización das xornadas que o sector agroalimentario está "no cuarto posto en canto ao número de persoas traballadoras" por tras de construción, servizos profesionais e téxtil. "Pero se sumamos pesca e agroalimentario, xa estamos no segundo lugar", reforzando así a "importancia estratéxica" que, subliñan, ten en Galicia o deseño gráfico nestes produtos como "profesión fundamental para que os produtos falen ben de si mesmos".
Referentes como Desoños, Cenlitros, Uqui Permui, Costa ou Imaxe "falarán polo miúdo da identidade gráfica dos produtos que deseñan" os días 13 e 14 de xuño
O encontro, detalla a área dirixida por Natividade González (BNG), reúne nomes tan relevantes como Guillotina, Costa, Desoños, Uqui Permui, Imaxe, Studio Teiga, Elga Lamas ou Rebeca Ces. "Falarán polo miúdo da identidade gráfica dos produtos que deseñan", detallan dende a área de Cultura da Deputación da Coruña, que nos días previos á cita está a debullar o traballo de participantes nas xornadas a través das súas redes sociais.
O estudio Desoños será o encargado de abrir as xornadas explicando o seu traballo para a empanada Millo verde, o viño Barbadelo, o restaurante de Pepe Vieira ou para Eiras de Ares. A continuación, Cenlitros explicarán os seus deseños para o Queique de Ores, o albariño Abalo Méndez, as conservas Doartesanato ou as caixas da horta Amelia. Deseguido, Elga Lamas debullará o seu labor creativo para Cervexas Ruliña, as galletas Maruxas e conservas Maravella.

Costa abordará nestas xornadas como abordou a identidade creativa das cervexas 1906 e das infusións Orballo e Imaxe detallará o redeseño de toda a gama de Estrella Galicia. Xosé Teiga e María Toucedo centraranse nos deseños para a gama de viños Saíñas e Uqui Permui, as súas creacións para Pan da Moa, Sementares, Silabario e unha táboa para croquetas. Farano nunha xornada na que Pepe Barro conversará con Nuria Varela-Portas, xerente de Pazo de Vilane, sobre a importancia do deseño dos seus célebres envases de ovos.
Xa na xornada do 14 de xuño, Rebeca Ces centrarase nos deseños para Cafés Sabora e a continuación, Raquel Boo e Irene García Reyes, en Triscos e Zarapata (mel e bálsamo labial) e mais no queixo Mimosa. O estudio Guillotina explicará o deseño de Essenzo Cacao e Roque Durán conversará con Pepe Barro sobre a idetnidade das adegas Terra de Asorei. O programa inclúe, asemade, dúas clases maxistrais co catalán Àlex Gobern, presidente da Asociación de Diseño Gráfico y Comunicación Visual, e mais do relevante deseñador portugués Eduardo Aires, responsable de traballos tan celebrados como a identidade corporativa da cidade do Porto.