Unha ducia de deseños que construíron a imaxe do país
O espazo cultural da Universidade da Coruña, NORMAL (Campus de Riazor), acolle ata o 13 de xaneiro a exposición “A Galicia deseñada”, unha mostra que percorre a historia do deseño galego a partir dunha selección de cen símbolos, marcas e identidades gráficas. Comisariada por Marcos Dopico Castro, Cibrán Rico López e Suso Vázquez Gómez coa colaboración de Pepe Barro, é unha viaxe polos deseños que construíron Galicia e a súa imaxe ao longo da historia recente. Debullamos aquí unha ducia deles.
-
01
Nós. Alfonso D. Rodríguez Castelao, 1926
A revista Nós será unha das publicacións que incluían na súa cabeceira as peculiares formas tipográficas propiamente galegas deseñadas por Castelao. Inspirada nas inscrición lapidarias e nas marcas dos pedreiros, Castelao «canonizará» este tipo de letra como ferramenta identitaria no deseño gráfico galego.
-
02
Maram. ERP Publicidad, 1935
A vangarda histórica do futurismo de principios do século XX tivo unha forte influencia no deseño gráfico da época. En Galicia atopamos esta marca do taller mecánico Maram, que nos anos 30 estaba situado no número 106 da rúa do Hórreo en Santiago de Compostela. Especializado en recauchutado de pneumáticos, a gráfica da marca adáptase como poucas tanto á propia actividade da empresa como aos principios do futurismo.
-
03
Instituto Bioquímico Miguel Servet. Anónimo, 1935
Antes da chegada das multinacionais, Galicia foi unha potencia en laboratorios farmacéuticos. O Instituto Bioquímico Miguel Servet creado en Vigo en 1936 polo farmacéutico Rubira, o médico Obella Vidal e Alexandre Bóveda busca producir aquí os seus propios produtos farmacéuticos para non ter que importalos. A empresa tamén é ambiciosa a nivel de deseño gráfico, cun criterio moderno que se recoñece na ilustración sintética e xeométrica do busto de Miguel Servet que forma o seu imagotipo, xunto con un logotipo de tipografía escrita.
-
04
Laboratorio de Formas. Isaac Díaz Pardo, 1967
A entidade instrumental do Laboratorio de Formas foi quen de configurar unha identidade visual xenuína e coherente na que a influencia do patrimonio cultural adquiriu un protagonismo esencial. O seu logotipo, creado por Isaac Díaz Pardo, fai referencia ao patrimonio cultural da cultura castrexa. O uso de círculos concéntricos remítenos ás formas inspiradas na planta dun castro, como o de Samoedo, e a xeometría remítenos á Vangarda histórica e ás identidades visuais creadas no Proxecto Moderno.
-
05
Barreiros. Eduardo Barreiros, 1954
Exemplo de emprendemento, dende os inicios, a empresa de motores, camións, vehículos agrícolas e automóbiles Barreiros, usa un símbolo deseñado polo propio Eduardo Barreiros. Formado por un monograma que une as iniciais «E» e «B», o resultado é un símbolo xeométrico e equilibrado que segue a liña das marcas de automóbiles que por aquela época comezaban a sintetizarse e racionalizarse mediante o emprego da xeometría para ofrecer unha imaxe máis contemporánea.
-
06
Estación de Montaña de Manzaneda. Pepe Arte e Emilio Tudó, 1973
A Estación de Montaña de Manzaneda, situada no Concello de Pobra de Trives, ocupa un lugar predilecto para moitos galegos e galegas amantes da montaña. O logotipo orixinal, creado polos deseñadores do xornal La Región Pepe Arce e Emilio Tudó, posúe dúas formas simétricas e triangulares que representan as máis de 2.000 ha. de piñeirais que rodean a estación e que supoñen unha característica diferencial do lugar. A silueta de dous piñeiros forman tamén a inicial «M» do complexo turístico
-
07
Banco Pastor. José María Cruz Novillo, 1983
O logotipo do Banco Pastor foi deseñado por un dos referentes do deseño na transición á democracia no estado español, José María Cruz Novillo. Un símbolo minimalista, de liñas robustas e directas, conceptualmente complexo e formalmente simple.
-
08
Concello de Santiago. Alberte Permuy, 1988
Marca pioneira na creación de «marca-cidade», o logotipo do Concello de Santiago, obra de Alberte Permuy, parte da abstracción dunha das iconas máis recoñecidos da cidade, a catedral. Entre o rigor xeométrico e o Op Art, dezasete finos raios verticais representan as tres torres da fachada principal do Obradoiro convertido xa nun símbolo universal.
-
09
Turgalicia. Grupo Revisión Deseño, 1993
Partindo da fonda tradición prehistórica celta, arraizada nas pedras e xoias soterradas nos castros, un deseño solar ten perdurado na memoria gráfica de Galicia. Reelaborado polos mestres canteiros medievais, utilizando aínda hoxe polos artesáns, esta vizosa forma radial ten servido de punto de partida ao estudio Revisión para deseñar o símbolo do turismo de Galicia: un sol que nos fala dun país con historia e tradición, que nos emparenta coa gráfica doutros países europeos do arco atlántico.
-
10
R. Wolf Olins, 1999
Para a creación da marca, a axencia internacional Wolf Olins propuxo ao operador galego R ser a primeira compañía que tiña por nome unha soa letra, diferenciándose así da competencia. Unha marca adiantada ao seu tempo que propón un sistema gráfico flexible e adaptable, avanzando identidades que xurdiron nas décadas posteriores.
-
11
Galicia Calidade. Xosé María Torné, 2006
O deseñador Xosé María Torné deseña este logotipo en 2006 para identificar o organismo que certifica a calidade dos produtos galegos, usando unha das moitas representacións gráficas que temos en Galicia do noso símbolo universal da vieira
-
12
DAG Asociación Galega de Deseño. Marcos Dopico, 2014
O logotipo tipográfico para a DAG Asociación Galega de Deseño representa a trazabilidade da denominada «tipografía galega». Unha tipografía xeométrica cun «A» baseado nas marcas dos pedreiros acude á historia e a tradición para proxectarse no futuro