O Nobel para Anne Carson, a poeta que gabou as estrelas de Compostela sempre cun pé na Grecia clásica

A poeta canadense Anne Carson, Premio Nobel de Literatura 2026 © CCCB

Cando a chamaron para anunciarlle que gañara o Premio Nobel de Literatura 2026, Anne Carson atopábase en Islandia “escoitando o vento”. Así o contou Ingrid Carlberg, secretaria permanente da Academia Sueca, que outorga estes galardóns de peso mundial, na rolda de prensa na que este xoves a poeta canadense entrou a formar parte da listaxe de autoras e autores ‘que hai que ler’.

O nome da Carson figuraba entre os favoritos deste ano, pero a súa sorpresa fainos crer que realmente non agardaba recibir o premio. A fotografía dela na cociña do seu apartamento en Reikiavik, certamente estupefacta, pasará á historia. Tamén porque non hai demasiadas imaxes dela, non lle agradan as entrevistas e as súas contadas intervencións públicas afástanse de convencionalismos.

“Cal é o mellor consello para escribir que recibiu?”, preguntoulle unha xornalista da revista The New Yorker na alfombra vermella dos National Book Awards dos Estados Unidos en 2024. “Nunca recibín ningún. Francamente, non pido consellos”, contestou Carson. “Deu vostede algún consello que considere valioso?”, insistiu a xornalista. “Comeza polo medio”, afirmou a poeta, que antes certificara que se ten que recomendar lecturas a alguén a súa resposta sempre vai ser a mesma: “Homero”.

Anuncio da Academia Sueca do Premio Nobel para Anne Carson © Nobel Prize

Chus Pato, Premio Nacional de Poesía 2024, celebra o galardón para Carson: “É unha das poetas máis importantes de toda a historia da poesía ocidental. Alégrome tremendamente porque dalgunha maneira queda canonizada unha forma de facer poesía que é diferente”. En conversa con Praza.gal, a ourensá detalla como as poetas anteriormente premiadas co Nobel son “moi canónicas no sentido tradicional do termo”, en referencia a Wisława Szymborska ou Louise Glück.

“Con Anne Carson canonízase, por fin, un tipo de poema deses que non parecen poemas. É dicir, que se asume como propia e como tradición a vangarda. E por vangarda non me refiro ao surrealismo de André Breton, senón a Gertrude Stein, César Vallejo ou Inger Christensen”, salienta Pato, que recomenda as traducións ao galego de Carson realizadas polo tamén poeta Jesús Castro Yáñez. 

Anne Carson naceu en Toronto (Canadá) en 1950. É poeta, ensaísta, tradutora e catedrática de estudios clásicos. Impartiu aulas nas universidades de McGill, Michigan e Princeton. E a súa traxectoria está marcada pola súa paixón polos mitos gregos. Homero, Safo, Eurípides, Catulo ou Sófocles conviven nas súas obras coas circunstancias do mundo contemporáneo que a ela lle tocou habitar.

"Con Anne Carson canonízase, por fin, un tipo de poema deses que non parecen poemas. É dicir, que se asume como propia e como tradición a vangarda. E por vangarda non me refiro ao surrealismo de André Breton, senón a Gertrude Stein, César Vallejo ou Inger Christensen", salienta Chus Pato

Dende que en 1986 publicou a súa tese de doutoramento sobre Safo baixo o título Eros the Bittersweet (traducida ao castelán como Eros dulce y amargo, publicada na editorial Lumen) ten publicado varios libros nos que sempre ten un pé na Grecia clásica. Un deles é Autobiografía do vermello que, como sinala María Elena Higueruelo, Premio Nacional de Poesía Joven 'Miguel Hernández' 2021, é un poema, unha novela, un romance, un ensaio de tradución, un álbum de fotografías imposibles; pero sobre todo "é un canto de amor á vulnerabilidade do monstro que habita en todos nós". 

Jesús Castro Yáñez traduciu ao galego para a editorial Chan da Pólvora esta Autobiografía do vermello, que recomenda escoller como primeira lectura a quen nunca se achegou ás letras de Carson. “É unha especie de reconstrución, ou reescritura contemporánea, dun relato antigo do poeta Estesícoro que ela presenta como unha especie de ética do desexo homosexual. É unha novela en verso na que se aborda que é o desexo e a exploración da identidade. Sempre co particular toque de humor de Anne Carson e, á vez, moi sensual e emocionante”, describe.

Libros de Anne Carson traducidos ao galego por Jesús Castro Yáñez, publicados por Chan da Pólvora CC-BY-SA Praza.gal

"Lonxe de dulcificarse, ou de volverse un pouco máis definible, semella que co tempo se volvese cada vez máis libre, cada vez máis radical", di Jesús Castro Yáñez

“Dende que comecei a lela sempre foi como unha especie de estado de fascinación constante. Comecei polo ensaio sobre Safo e a Autobiografía do vermello, precisamente, que considero que son un pouco máis 'accesibles'. Cando un comeza a lela pode ter a crenza de que coñece como vai ser a súa obra, pero a medida que vas lendo un libro e outro ves que non teñen nada que ver, a súa obra está nun estado de expansión constante. Resulta imprevisible. É moi estimulante como sempre coloca a súa escritura ante o inexplicable, formula preguntas case irresolubles... E como co paso do tempo esta é unha característica que se extrema cada vez máis. Lonxe de dulcificarse, ou de volverse un pouco máis definible, semella que co tempo se volvese cada vez máis libre, cada vez máis radical. Incluso na propia forma dos seus libros, que cada vez se achegan máis a unha especie de diario ou a unha serie de anotacións, aínda que ao mesmo tempo agoche cavilacións moi refinadas. Como digo, cada vez incluso máis punkis”, debulla Jesús Castro.

Unha poesía humanista

O escritor Brais Lamela confésase tamén atrapado pola obra da canadense. “Penso que unha cousa que me atrapa a min, e creo que a moitas das persoas que nos gusta a obra de Carson, é que cando a lemos temos a sensación de que estamos seguindo o fío dos seus intereses, das súas obsesións e das súas preguntas. Como que hai esta idea de que ela volve sempre a unha serie de motivos e imaxes que a interpelan e achégase a estas cuestións con curiosidade, sen complexos e sen ningún tipo de solemnidade. Volve á Grecia clásica, pero faino sen ningún tipo de actitudes solemnes, fainos sentir que todos estes fragmentos de poetas gregos son o máis contemporáneo que pode haber”, reflexiona.

"Ten este aspecto de erudición, digamos, de datos, historias e libros que entran nos seus poemas, pero ao mesmo tempo os seus sempre son poemas moi humanos nos que nos fala da morte, da culpa...", sinala Brais Lamela

“Ten este verso no que di algo así como que o obxectivo da filoloxía é transformar calquera placer textual nun accidente da historia. E eu creo que ela o que fai é reivindicar todos eses paceres textuais, reivindicar todos eses accidentes da historia, como esas palabras que nun corpus aparecen só unha vez, ou nunha notación, e meter iso nunha construción poética moi firme. Ten este aspecto de erudición, digamos, de datos, historias e libros que entran nos seus poemas, pero ao mesmo tempo os seus sempre son poemas moi humanos nos que nos fala da morte, da culpa... Como todas estas figuras que aparecen unha outra vez nos seus poemas, o pai con demencia, o irmán defunto... Esta poesía que sabe chegar ao máis íntimo da vida”, engade Lamela a Praza.gal.

O poeta da Pastoriza e tradutor de Carson á nosa lingua salienta tamén na conversa con Praza.gal o humanismo que atravesa toda a obra de Carson e o seu papel como “renovadora” nas súas traducións de Safo. “Poderíamos dicir que inaugurou unha corrente propia. Tivo a capacidade de 'desenterrar' a potencia antiga que había nas verbas do grego clásico. Paréceme que a súa forma de traducir a Safo é moi respectuosa cos seus silencios e cos ocos históricos que non podemos encher”, asevera. 

Anne Carson na lectura dos finalistas aos National Book Awards de 2024 no Skirball Center da NYU CC-BY-SA Jay Dixit/Wikimedia commons

Anne Carson defende que a encomenda das persoas que escriben debe ser fitar para as pequenas cousas. “Prestar atención ás pequenas cousas marca a diferenza”, afirmou nunha entrevista con Linn Ullmann no festival internacional Louisiana Literature de 2024. “Porque –en xeral– o que facemos, sobre todo en relación con outras persoas, e aínda máis en relación cos demais membros da nosa familia, é asumir que os coñecemos e, dalgún xeito, os idealizamos no día a día. ‘Mamá sempre está noutro cuarto queixándose de algo’. Aprendín –en fin, só me levou 74 anos– a prestar atención ás cousas que a xente fai de todos os xeitos, ou a como fan as cousas fóra do estereotipo que xa teño de todos eles, e sempre é sorprendente. E doume conta de que isto é certo non só coa familia”.

De Roncesvalles a Fisterra

“En que se parece un peregrino a un ferreiro? El maza no ferro. O amor maza nel”. A Premio Nobel de Literatura 2026 trouxo o seu universo ata Galicia como unha peregrina máis do Camiño de Santiago. O resultado desta experiencia é a súa Antropoloxía da auga, traducida ao galego por Jesús Castro Yáñez e editada por Chan da Pólvora en 2022. “Galicia é un lugar sorprendente, ao meu ver. E aquí defenden a autenticidade dun xeito sorprendente”, escribe Anne Carson.

"Galicia é un lugar sorprendente, ao meu ver. E aquí defenden a autenticidade dun xeito sorprendente"

“A catedral cospe estrelas cando entramos en Compostela: a catedral! Non é unha miraxe, non, esta buliciosa e colosal mole de ouro que se erixe como se sobordase na praza, no medio da cidade de Santiago”, sinala a poeta na súa chegada á capital, na véspera do Día Nacional de Galicia, para a continuación trasladar a súa fascinación pola obra do Mestre Mateo no Pórtico da Gloria. O seu camiño, como conta no libro, non remata aí, senón que só pode ter un final: Fisterra. Se cadra, agora que o seu teléfono non vai parar de soar, Anne Carson decida que é boa idea repetir a experiencia do Camiño. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.