A escultura como "forma de estar no mundo"

Andrea Davila Rubio e dúas das obras da mostra 'A sweaty dispersal into the fog', expostas na Galería Néboa en Lugo © Julian Salinas / Andrea Davila Rubio

A mostra 'A sweaty dispersal into the fog', da artista boirense Andrea Davila, pode visitarse na Galería Néboa de Lugo ata o 12 de setembro

Andrea Davila Rubio (Boiro, 1995) é Doutora en Creación e Investigación en Arte Contemporánea pola Universidade de Vigo e completou a súa formación como investigadora predoutoral no Departamento de Filosofía do Boston College, nos Estados Unidos, grazas a unha bolsa da Fulbright e da Xunta. Nuns días marcha para Suíza para cursar un mestrado de gran competencia internacional, pero antes a súa primeira exposición en solitario, A sweaty dispersal into the fog, pode visitarse na Galería Néboa de Lugo, comisariada por Nuria López Blanco, ata o 12 de setembro.

“Todo o meu traballo xira entorno ao corpo e ás sensacións corporais, máis que á representación figurativa dun corpo”, conta Andrea Davila, que comezou a debullar as obras que agora están expostas en Lugo nunha residencia artística nos Estaos Unidos e a levou a cabo noutra en Basilea, no Institute Art Gender Nature-HGK (University of Applied Sciences and Arts Northwestern Switzerland FHNW), onde en setembro comezará o mestrado en Fine Arts grazas a unha bolsa da Función María José Jove. “Para min, a escultura é unha forma de estar no mundo. Gústame poder enfrontarme aos obxectos con outra mirada”, asegura.

Obras da exposición 'A sweaty dispersal into the fog' © Andrea Davila Rubio

O Instituto de Arte, Xénero e Natureza de Basilea deulle o espazo e os medios para experimentar, pero ela xa levaba moito avanzado con lecturas como Bodies of Water. Posthuman Feminist Phenomenology, da canadense Astrida Neimanis, que afonda nas teorías “sobre como pensarnos como corpos de auga permeables e porosos, e como iso pode facernos sentir máis preto uns dos outros; non só entre humanos, pois propón unha fronteira máis difusa entre a natureza e o ser humano”.

"Interesábame moito explorar a miña sensación corporal de correr xunto á ría, e a dispersión da miña suor nunha especie de néboa que é á vez doce e salgada", detalla a artista

A auga non é algo que está aí, illado, fóra do teu corpo; senón que realmente nós tamén somos corpos de auga e isto non se limita só á tradición asociada co corpo feminino, como se explica neste libro”, afonda a artista boirense. Estas ideas conectan tamén coas aprendizaxes dos poemas de Hombres en sus horas libres, de Anne Carson, que levou consigo ata Bruxelas e Madrid, cidades nas que participou noutras residencias de arte grazas á bolas Novos Valores da Deputación de Pontevedra, que lle permitiu centrarse na propia práctica artística.

“Cando estaba en Pontevedra saía moito a correr pola Illa das Esculturas, que está onde se xunta o río Lérez coa ría de Pontevedra, e comentei moito coa comisaria que, dunha forma poética, interesábame moito explorar a miña sensación corporal de correr xunto á ría, e a dispersión da miña suor nunha especie de néboa que é á vez doce e salgada”, detalla Davila, que atopou na novela Metafísica de los tubos, de Amélie Nothomb, a confirmación definitiva das formas que quería seguir empregando para as súas obras. 

Obras da exposición 'A sweaty dispersal into the fog' © Andrea Davila Rubio

Para min a forma dos tubos é elemental na escultura, unha forma plástica que ademais ten moitas asociacións a respecto da auga e da limpeza, da canalización da auga e os sistemas de sumidoiro, que tamén se poden vincular coa figura do corpo humano –tanto no exterior a nivel astral como internamente, pois estamos constituídos por sistemas tubulares– e mais cos sistemas arquitectónicos”, engade.

Andrea Davila emprega a escultura para “darlle unha volta” aos elementos que a rodean e, incluso, unha segunda vida a obxectos que nun momento dado chegaría a tirar. “Cando aprendes a debuxar no colexio e no instituto dinche que te esquezas do que estás a debuxar e te centres en como son as formas. Eu teño a sensación de que iso che dá a opción de achegarte ou relacionarte coas cousas doutra maneira”, sinala.

Ten por diante dous cursos en Basilea, nos que estará en contacto con artistas de todo o mundo e que lle permitirán avanzar en técnicas escultóricas e explorar outros universos artísticos. Neste momento non sabe se poderá volver a Galicia, pero non pecha ningunha porta, sobre todo porque celebra que “cada vez hai máis oportunidades”. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.