As adegas cova de Seadur, un tesouro patrimonial que medrou como resposta á praga da filoxera

Adegas cova de Seadur © A10Aarquitectura

En Seadur (Larouco) existe un conxunto de adegas tradicionais, escavadas na rocha e cunha historia centenaria, dunha gran singularidade e importancia patrimonial. Este xoves a Xunta declarou as adegas cova de Seadur como ben de interese cultural (BIC)

En Seadur (Larouco) existe un conxunto de adegas tradicionais, escavadas na rocha e cunha historia centenaria, dunha gran singularidade e importancia patrimonial. Este xoves a Xunta declarou as adegas cova de Seadur como ben de interese cultural (BIC), fundamentais para entender a cultura do viño na comarca de Valdeorras.

Non existe documentación que detalle a orixe das covas de Seadur, pero estas xa se poden localizar no Catastro do Marqués da Ensenada, a mediados do século XVIII, que describe a existencia dun pequeno grupo de adegas e lagares neste lugar. A chegada do ferrocarril e, sobre todo, a praga da filoxera, en 1882, resultaron determinantes no seu desenvolvemento posterior.

Cartel do Camiño das Covas en Larouco © https://ecoexperienciastrevincavaldeorras.com/

Aínda que xa hai referencias delas de mediados do século XVIII, a chegada do ferrocarril e, sobre todo, a praga da filoxera, en 1882, resultaron determinantes no seu desenvolvemento posterior

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural destaca na súa declaración que o conxunto de adegas cova de Seadur é "un ben sobranceiro do patrimonio cultural", que merece ser declarado ben de interese cultural "ao representar un claro exemplo dos xeitos de vida tradicionais e das relacións entre as xentes e os seus medios de produción, neste caso relacionados coa cultura do viño".

"Este núcleo de adegas convive nun espazo único en que a excepcionalidade das covas e a homoxeneidade dos detalles técnicos nas adegas, vinculadas ás formas de vida e cultura tradicional, son testemuñas das relacións de uso e mantemento", engade a declaración, que conclúe que "a súa conservación considérase relevante por ser reflexo da cultura e das formas de vida do pobo galego ao longo da historia".

A declaración destaca que representan "un claro exemplo dos xeitos de vida tradicionais e das relacións entre as xentes e os seus medios de produción, neste caso relacionados coa cultura do viño".

Aínda que xa existían previamente adegas, a chegada do tren á comarca de Valdeorras (o 1 de setembro de 1883 inaugurouse a liña Palencia-A Coruña) incentivou o incremento das vendas dos viños da zona, que xa eran coñecidos con anterioridade pola súa calidade. Coincidiu, ademais, coa praga de filoxera, que a partir de 1882 asolou as viñas de Valdeorras, destruíndo en poucos anos máis de 1.000 hectáreas de viñedo. Isto tamén contribuíu á apertura de moitas máis adegas "ao seren utilizadas para a conservación da puga das variedades vitivinícolas de interese".

Como solución ao ataque da praga comezáronse a enxertar as vides europeas (pugas) nos portaenxertos americanos (padróns), máis resistentes á praga que asolaba Europa. As características térmicas e de humidade das covas, resultaban idóneas para a conservación da puga ata o momento da enxertía nas variedades americanas resistentes á enfermidade.

Camiño do Regueiro, en Seadur © Covas de Seadur

O conxunto das covas de Seadur está formado por oitenta e unha covas. O eixe principal é o camiño do Regueiro que ascende desde a praza e nel sitúanse corenta e seis covas

O conxunto das covas de Seadur, orientado cara ao norte, está formado por oitenta e unha covas e fica separado das terras de cultivo e das viñas. O eixe principal é o camiño do Regueiro que ascende desde a praza e nel sitúanse corenta e seis covas. Case todas teñen un nome que indica a situación, ou ben a familia a que pertencen: A Bodeguilla, As Bullotas, Kiko, Acuña, Cilda, Celia, Os Fardelas, A Xabreira, A Carballeira, Os Folla...

Unha das singularidades desta disposición é que, a primeira vista, "a magnífica arquitectura tradicional das adegas, que se aprecia desde o camiño, oculta o volume da cova que se agocha soterrada e que non se intúe desde o exterior. Deste xeito, a visita ao interior da adega proporciona unha sorpresa espacial ao visitante", destácase na declaración.

Na actualidade, as covas manteñen a súa actividade e cumpren tamén unha función de espazo de encontro social, familiar e veciñal, especialmente en Semana Santa

A arquitectura das covas de Seadur responde á necesidade de resgardar o viño das altas temperaturas da zona e tamén manter a puga nas condicións apropiadas ata o momento da enxertía. As covas teñen unha función de garda e conservación, pois aí é onde se leva o viño cando remata o seu proceso de produción e soben as temperaturas, moi elevadas no verán nesta comarca. Con todo, as covas cumpren tamén unha función de espazo de encontro social, familiar e veciñal.

Na actualidade desenvólvense dúas actividades principais nas adegas cova. Nunha boa parte delas realízanse labores vitivinícolas coa uva colleitada nas viñas da contorna e a case todas se lles dá un uso lúdico, para realizar merendas e xuntanzas cos amigos. En Semana Santa a Asociación de Coveiros organiza a Ruta das covas de Seadur. Ese días pódense visitar todas as covas e adegas, degustar o viño do ano e escoitar musica tradicional.

Interior dunha das covas en Seadur © Valdeorras.travel

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.