Trátase da cuarta vez en seis anos que autoras galegas reciben o recoñecemento que entrega o Ministerio de Cultura, despois dos galardóns a Yolanda Castaño (2023), Olga Novo (2020) e Pilar Pallarés (2019)
Chus Pato é a gañadora do Premio Nacional de Poesía 2024, que entrega o Ministerio de Cultura, pola obra Sonora, publicada o pasado ano por Xerais. O xurado destacou Sonora por ser "unha obra experimental, unha expansiva e concentrada conversa entre o poema e a morte, aquela que, tras a orfandade da nai, arrastra os lectores cara aos abismos da propia liñaxe".
Na súa resolución o xurado salienta que Pato "explora novas formas de deconstruir e reconstruír os marcos do pensamento poético tradicional" e "móstranos o enfoque da poesía como elemento transformador da linguaxe". Así mesmo, engade que neste poemario a autora "crea espazos textuais repletos de fugas: retóricas, semánticas, capaces de hibridar distintos códigos nos que se desprega toda a súa inextinguible potencia sonora". "En Sonora, memoria persoal, social e política rumorean as múltiples voces dunha das máis audaces poetas contemporáneas", engade.
O xurado destacou Sonora por ser "unha expansiva e concentrada conversa entre o poema e a morte"
Trátase da cuarta vez en seis anos que autoras galegas reciben o recoñecemento que entrega o Ministerio de Cultura, que está dotado con 30.000 euros de premio, despois dos galardóns a Yolanda Castaño (2023), Olga Novo (2020) e Pilar Pallarés (2019). Nos últimos sete anos a cultura galega fíxose con máis dunha vintena dos premios nacionais que convoca o Ministerio.
Chus Pato publicou unha ducia de poemarios, dende Urania (1991) a m-Talá (2000) ou Secesión (2009)
Chus Pato, (Ourense, 1955) publicou unha ducia de poemarios, dende Urania (1991), Heloísa (1994) ou Fascinio (1995) a Secesión (2009) e Carne de Leviatán (2013), pasando polos celebrados A ponte das poldras (1996), Nínive (1996), m-Talá (2000) ou Charentón (2004). Os seus poemas foron editados en países como Arxentina, Chile, Portugal, Holanda, Bulgaria, Rusia, Francia e Bélxica e traducidos a numerosas linguas. Membro das Redes Escarlata, o 23 de setembro de 2017 ingresou na Real Academia Galega reivindicando a poesía no ensino para os máis novos.
Na súa traxectoria recibiu xa numerosos recoñecemento, coma o Premio Losada Diéguez, o Premio da Crítica, o Premio Irmandade do Libro ou o Premio Clara Campoamor.