A doazón de catorce cadernos de anotacións manuscritas de Chus Pato á Fundación Euseino? constituirá o alicerce do Arquivo Euseino? de Documentación Autorial, do que tamén forma parte o fondo documental de Carlos Lema. O Fondo Chus Pato está constituído por catorce cadernos manuscritos pola poeta, nos que se recollen as anotacións que acompañan a xénese de obras coma Fascinio, m-Talá e Carne de leviatán e que abranguen un período que vai de 1991 a 2013. Ademais destes cadernos, o Fondo documental da autora de Secesión ou Charenton está formado pola correspondencia electrónica completa mantida con Carlos Lema ao longo de dez anos de amizade.
Deste xeito, e seguindo os obxectivos e as actividades fundacionais sinalados nos seus Estatutos, a Fundación Euseino? ten como propósito a constitución dun arquivo dixital para a preservación de obras literarias e filosóficas e documentación autorial en soporte electrónico, fornecendo o seu acceso libre a través da Internet. O Arquivo Euseino? poñerá progresivamente este material documental ao dispor das investigadoras e dos lectores a través de euseino.org, a web da Fundación creada en 2015 por Beatriz Fraga e Carlos Lema, e na súa nova sede de Vigo, que se inaugurará en 2018.
Ademais, Euseino? Editores, a liña editorial da Fundación, encargarase da publicación da Obra Completa de Chus Pato, catro volumes cuxa edición vai estar ao coidado do profesor Arturo Casas.
Chus Pato ingresará como membro de número na Real Academia Galega o vindeiro sábado 23 de setembro nunha sesión extraordinaria e pública que terá lugar no IES Otero Pedrayo de Ourense, centro educativo do que foi alumna, a partir das 12 horas. A poeta, que ocupará a cadeira que quedou vacante tras o pasamento do tamén escritor ourensán Xosé Fernández Ferreiro, lerá na sesión de recepción o discurso titulado Baixo o límite. Francisco Fernández Rei será o encargado da resposta en nome da institución. Será a sexta muller no pleno, tralo recente falecemento de Xohana Torres