O xurado destacou a súa obra O corpo de Cristo (Astiberri), un proxecto autobiográfico que trata a enfermidade mental desde a perspectiva dunha nena
O Ministerio de Cultura escolleu Bea Lema (A Coruña, 1985) como Premio Nacional de Cómic 2024. O xurado destacou a súa obra O corpo de Cristo (Astiberri) por ser "unha obra innovadora, arriscada no formal, con texturas e composicións que transcenden as técnicas máis utilizadas sen renunciar ao uso do humor e a unha mirada poética".
Lema únese a unha lista de notables gañadores e gañadoras deste galardón, dotado con 30.000 euros, como Borja González, Diego Corbalán, Javier de Isusi, Ana Penyas, Rayco Pulido ou Pablo Auladell, entre outros e outras.
En 2017 recibiu o XII Premio de Cómic Castelao da Deputación da Coruña por O corpo de Cristo, un proxecto que desenvolveu posteriormente nunha residencia para autoras en Angoulême e que agora está a adaptar nunha curta de animación
Bea Lema naceu na Coruña en 1985. Realizou ilustracións para revistas, carteis ou libros infantís. O seu traballo, xeralmente autobiográfico, trata temas como a tolemia, as relacións familiares, a relixión, o trauma e os ritos populares. En 2017 recibiu o XII Premio de Cómic Castelao da Deputación da Coruña por O corpo de Cristo.
En 2022 foi bolseira para realizar a residencia de novela gráfica na Maison des auteurs de Angoulême (Francia). O libro no que traballou, baseado naquel primeiro cómic e que foi publicado en Francia pola editorial Sarbacane baixo o título Deas maux à dire e en España por Astiberri co título O Corpo de Cristo, foi galardoado co Premio do Xurado do Festival BD 2023 en Pèrigord, e o Premio do Público do Festival de Angoulême, o Premio Bédélys do Festival de Cómic de Montréal á mellor obra estranxeira e Gran Premio da Heroína Madame Figaro en 2024. Actualmente traballa na adaptación deste libro a curtametraxe de animación.
O xurado salientou que a obra "posúe unha gran profundidade e sensibilidade pola maneira de abordar un tema tan complexo como o da saúde mental desde a propia experiencia da autora, así como a reivindicación da importancia dos coidados"
Os e as integrantes do xurado salientaron que a obra "posúe unha gran profundidade e sensibilidade pola maneira de abordar un tema tan complexo como o da saúde mental desde a propia experiencia da autora, así como a reivindicación da importancia dos coidados". Así mesmo, o xurado sinalou que O corpo de Cristo de Bea Lema é "unha obra de gran beleza visual e profunda emoción que ofrece unha mirada sorprendente na relación nai e filla, sendo unha auténtica exploración da linguaxe que utiliza recursos estéticos alternativos e mostra unha nova forma de tecer a historia reivindicando a propia memoria migrante"