Marcos Pérez Pena

Unha ducia de irmandamentos dos concellos galegos: unha rede tecida no mundo

O vindeiro 19 de outubro Rianxo e A Estrada asinará o irmandamento dos seus concellos, unindo así as vilas natais de Daniel Castelao e Virxinia Pereira. Preto dun cento de concellos galegos manteñen irmandamentos con localidades de fóra do país, unha práctica que o IGADI ten celebrado polas "oportunidades económicas, educativas e culturais que representan" e porque "sinalan as raigames do país na sociedade internacional". Repasamos aquí algún destes irmandamentos.

  1. 01

    Un cento de concellos con irmandamentos fóra de Galicia

    No ano 2010 Daniel González Palau publicou Os irmandamentos en Galicia: Globalización, redes e goberno local, un traballo no que detallaba os irmandamentos existentes en cada localidade, analizaba as súas características e subliñaba as oportunidades de "desenvolvemento local no contexto da sociedade-rede". Dende entón asináronse algúns novos acordos de irmandade, pero a realidade que debuxaba este texto mantense na actualidade.

  2. 02

    Algúns activos, outros simplemente simbólicos

    Unha parte significativa dos irmandamentos tiñan en conta a ampla presenza de galegos na emigración (tanto europea como americana), outros afondaban nas relacións con Portugal e a lusofonía, tamén establecíanse vínculos con localidades do resto de España e outros sinalaban os vencellos de Galicia coa Bretaña (por exemplo, no caso de Castro de Rei). 

    O texto de González Palau distinguía tamén entre os irmandamentos activos e os meramente simbólicos, que non implicaban a realización de actividade ningunha.

  3. 03

    O inevitable vencello coa emigración

    Un repaso aos irmandamentos existentes en Galicia achega unha primeira conclusión: unha parque significativa ten a súa orixe na presenza de comunidades de emigrantes galegos noutros territorios. Mención aparte merece Arxentina; Vila de Cruces, Silleda, A Coruña, Pontevedra, Negreira, Melide, Marín, O Irixio, O Carballiño ou Fisterra (irmandada con Avellaneda, na imaxe) teñen localidades irmás no país austral.

  4. 04

    De Nova York a Río de Janeiro ou A Habana

    A emigración galega dirixiuse a moitos lugares, tamén aos Estados Unidos, especialmente a Newark (Nova Jersey), localidade irmandada con Ribeira. Tamén a Brasil (Rio de Janeiro está irmandada con Santa Comba) ou Cuba (A Habana con Viveiro). 

    Hai irmandamentos con lugares de Venezuela, Alemaña, Francia, Reino Unido e tamén de Euskadi (Sestao con Guitiriz) e de Catalunya (Rubí, onde existe unha Praza Celso Emilio Ferreiro)

  5. 05

    Vencellos co resto do Estado

    Daniel González Palau detallara máis dunha trintena de irmandamentos con localidades do resto do Estado, vínculos con diferentes orixes, moitas delas presentes na historia de cada concello, por exemplo o Ferrol-Cartaxena ou o Neda-Alxeciras. 

    No caso da Rúa, irmandada con Almendralexo, a relación é máis recente: naceu a través do fútbol, nun momento no que o concello galego lle cedeu unhas instalacións deportivas ao equipo da localidade extremeña, que nese momento viña de ascender á Primeira División.

  6. 06

    A rede galega-bretoa

    Como apuntabamos ao comezo, un gran número de localidades galegas están irmandadas con lugares da Bretaña. Son máis de vinte, con acordos de irmandade máis ou menos activos, pero que se estenden dende As Neves, Baiona, Cambados ata Sarria, Foz e Ribadeo, pasando por Carballo, Padrón ou Coristanco.

  7. 07

    A conexión con Portugal

    Outra vintena de concellos galegos están irmandados con localidades portuguesas, a maior parte pertencentes á região norte e, polo tanto, á Eurorrexión. Vilagarcía-Matosinhos, Lugo-Viana do Castelo (na imaxe), Vigo-Porto ou Redondela-Monçao son só algúns exemplos.

  8. 08

    Do Sáhara...

    Varios concellos galegos manteñen relacións de irmandade con localidades saharuis. Trátase de Noia, Arteixo, Cee e Monforte.

  9. 09

    ... a Nicaragua

    Dende finais dos setenta Galicia estableceu fortes nexos con Nicaragua, ben a través da revolución sandinista, ben pola acción posterior de ONGs sobre o terreo. A Estrada mantén un irmandamento con Bluefields (na imaxe).

  10. 10

    A inevitable relación entre Burela e Cabo Verde

    Como non podía ser doutro xeito, Burela está irmandada cunha localidade de Cabo Verde (São Miguel Arcanjo, na Ilha de Santiago, na imaxe), unha mostra dos vencellos que unen o arquipélago co concello galego -e a súa numerosa comunidade con orixe caboverdiana-

  11. 11

    Homónimos

    Algúns dos irmandamentos son con lugares que noutros países comparten o nome con concellos galegos é o caso de Gondomar (Portugal), Pontevedra (Arxentina), Monterrey (México) e, en certa forma, Santiago de Cuba (Cuba)

  12. 12

    Onde o Sol nace e morre

    Mención á marxe merece o irmandamento que dende hai dúas décadas manteñen Fisterra e Cadaqués, que ten a súa orixe nos cabos (Fisterra a Cabo Creus), que marcan os puntos máis occidental e oriental do territorio español continental, e a posta e a saída do Sol.