Unha ducia de antípodas galegas
As antípodas de practicamente toda Galicia están no territorio de Nova Zelandia, en concreto na súa Illa Sur. O feito de que o punto da superficie terrestre diametralmente oposto coincida nunha zona emerxida é, en realidade, algo bastante singular, sobre todo en Europa, onde fóra da Península Ibérica isto case non se dá. Repasamos aquí os lugares que se atopan nas antípodas das cidades galegas e dalgún outro lugar da nosa xeografía: praias, montañas, lagos, ríos... situados na fermosa paisaxe neozelandesa.
-
01Os 'antipodes'
No século II a.C. o grego Crates de Malos deseñou un globo terráqueo dividido en catro partes, situando en cada unha masa de terra, aínda que nese momento dende Europa só se coñecían dúas delas. Imaxinou, ademais, nomes para os habitantes de cada unha das catro masas e aos que vivían no lado oposto ao mundo coñecido púxolles o nome de antipodes, que significa literalmente pés opostos, como explica Miguel García (Mapas Milhaud).
No mundo grego e romano asumíase que a Terra era esférica (algo que mesmo comprobaran cientificamente), pero nos séculos seguintes medraron teorías que negaban esta posibilidade e, sobre todo, que descartaban a existencia de terras no extremo oposto do planeta. Algo que, obviamente, tivo que ser reconsiderado a partir das exploración iniciadas no século XV.
-
02Nin China, nin Australia: Nova Zelandia
As antípodas son o lugar da superficie terrestre diametralmente oposto a outro. É o punto máis afastado e, ademais, o que atoparíamos se trazasemos unha liña recta imaxinaria que atravesase o centro exacto da Terra. Popularmente estableceuse nalgunhas ocasións que as nosas antípodas estaban en Australia ou mesmo en China, pero a realidade é que este punto se sitúa nas illas de Nova Zelandia. Somos, polo tanto, os neozelandeses do norte.
Imaxe: Johantheghost (CC-BY-SA) -
03Case toda Galicia ten un oposto terrestre
Case toda Galicia (agás unha pequena parte do Baixo Miño, da Mariña Oriental ou do Barbanza, Salnés e Morrazo) ten un oposto terrestre, situado na illa sur de Nova Zelandia. Isto, en realidade, non é tan habitual. No resto da Península isto tan só sucede no territorio oposto á Illa Sur de Nova Zelandia, que ocuparía unha parte do centro-sur de España.
De feito, no conxunto do continente europeo, tan só España, unha pequena parte do norte de Portugal e unha pequena área do sur de Francia poden dicir o mesmo. Para o resto, a súa antípoda sitúase no océano.
Imos ver aquí algunhas das paisaxes e lugares que se atopan o extremo oposto de varias localidades galegas.
-
04Vigo - Praia Motukiekie
Hai que dicir que a antípoda dunha boa parte da cidade de Vigo cae no mar, aínda que moi preto do litoral. Pero se tomamos como referencia os lugares do concello situados máis ao leste, como Teis, atopamos que a súa antípoda se sitúa na fermosa praia Motukiekie, situada na costa occidental da Illa Sur de Nova Zelandia, moito menos poboada que a Illa Norte e cunha xeografía cambiente e espectacular.
Imaxe: www.intrepidlife.com
-
05A Coruña - Lago Coleridge
Un pouco máis ao norte (máis ao sur en Nova Zelandia), a antípoda da Coruña sitúase no lago Coleridge, situado no centro xeográfico da Illa Sur. Trátase dun lago glaciar, moi profundo e duns 47 quilómetros cadrados, localizado ao pé dos Alpes do Sur, a cadea montañosa que atravesa a illa, con cumes que superan os 3.000 metros de altitude.
Imaxe: Shellie (BY-CC-SA)
-
06Santiago - Monte Rolleston
Un deses altos cumes dos Alpes do Sur é o monte Rolleston (2.271), aínda que en absoluto está entre os máis elevados. Pero si e antípoda -máis ou menos- da cidade de Santiago, un termo municipal que se sitúa todo el en terreo montañoso
Imaxe: wtmc.org.nz
-
07Ourense - Springs Junction
Tamén a antípoda de Ourense está entre montañas, en concreto no cruzamento de dous vales, na localidade de Springs Junction, un punto que foi historicamente unha intersección de camiños, hoxe de autoestradas.
-
08Lugo - McDonalds Downs
A antípoda de Lugo, en cambio, lévanos a unha zona máis chaira, descendendo os Alpes do Sur cara á costa oriental da illa, xa preto dos McDonalds Downs.
-
09Pontevedra - Greymouth
A antípoda da cidade de Pontevedra localízase, obviamente, un chisco máis ao sur que a de Vigo, tamén preto do litoral. O punto exacto atópase na ribeira do Grey River, a uns 15 quilómetros da súa desembocadura en Greymouth (na imaxe)
-
10Ferrol - Rakaia Gorge
A antípoda de Ferrol tamén se atopa, coma as de Lugo e A Coruña, atravesando a gran cadea montañosa que cruza a illa. Chegamos a unha extensa chaira cruzada por ríos cada vez máis anchos, coma o Rakaia. Este punto non se atopa lonxe, ademais (a unha hora en coche) da principal cidade da Illa sur, Christchurch.
-
11Foz - Christchurch
A antípoda de Christchurch cae, máis ou menos, por Foz, concello ligado desta maneira a unha cidade de case medio millón de habitantes fundada en 1849 por unha comunidade relixiosa do Christ Church College da Universidade de Oxford, nunha colonización patrocinada polo Arcebispo de Canterbury co obxectivo de fundar unha nova Xerusalén.
Imaxe: https://www.celebratechristchurch.co.nz/ -
12Tui - Pancake Rocks
No extremo do mundo oposto a Tui atópase Punakaiki, localidade na que se erguen as Pancake Rocks, unha das maiores atraccións turísticas da costa occidental da Illa Sur. Trátase de formacións calizas moi erosionadas a carón do mar, que penetra na marea alta e forma géyseres verticais.
-
13Abegondo - Castle Hill Rocks (Kura Tawhiti)
E para rematar imos ás antípodas de Abegondo, as rochas de Castle Hill (ou Kura Tawhiti para os pobos orixinarios da illa, os Ngāi Tahu, principal tribo maorí desta rexión). Son famosas como lugar de escalada e sendeirismo pero tamén polo valor cultural que teñen para o pobo maorí.