Unha ducia de monumentos galegos desaparecidos (ou que nunca existiron) recuperados polo CIAG
Dende hai 15 anos o Centro Infográfico Avanzado de Galicia (CIAG) vén traballando en reconstruír virtualmente o patrimonio de Galicia. A entidade, que celebrou o seu aniversario hai unhas semanas, suma xa preto de 300 virtualizacións patrimoniais que amosan edificios e paisaxes urbanas desaparecidas e mesmo algunha que nunca foi alén de ser un proxecto. Velaquí unha ducia destas creacións dun equipo que mesmo traballlou para National Geographic e gañou premios internacionais polo seu proxecto de restitución en 3D da antiga vila de Portomarín,
-
01Portomarín
Comezamos precisamente pola virtualización da antiga vila de Portomarín que mereceu ese importante galardón. En 2022 o CIAG recuperou o aspecto que presentaba a localidade entre os anos 50 e 60 do século XX, época da que existe abundante documentación gráfica, antes do seu asolagamento a partir de 1962.
-
02Castelo de Rocha Forte (Santiago)
Situado en Conxo, foi construído polo arcebispo Xoán Arias cara ao ano 1240 e, dende entón, serviu como residencia arcebispal e do cabido. Tamén foi denominado “Castelo dos Churruchaos”
Foi reconstruído por Berenguel de Landoira despois dos estragos causados polos cidadáns de Compostela no 1320, no que foi o primeiro enfrontamento documentado de moitos que tiveron lugar entre o concello e o bispado estando á fronte da sublevación Afonso Suárez de Deza, personaxe da familia dos Deza-Churruchaos e mordomo do fillo de Sancho IV de Castela, o infante Felipe.
-
03O Vigo do Plan Palacios
Ademais da recuperación de edificios que desapareceron, un dos intereses da actividade do CIAG radica na visualización de paisaxes que non chegaron a ser, monumentos e arquitecturas que nunca pasaron da fase de proxecto, o que se coñece como patrimonio de papel.
O arquitecto Antonio Palacios deseñou unha cidade incrible para Vigo nun elegante estilo Art Decó monumental, cunha gran avenida de cen metros de ancho desde o Castro ata o mar, imaxinándoa coma a sede do futuro goberno galego.
O proxecto tivo unha gran acollida e Jaime Solá, director da revista Vida Gallega, foi o encargado de dalo a coñecer. O 1 de decembro de 1932 Palacios asinou o proxecto definitivo que aprobou a alcaldía o 26 de xaneiro de 1934, máis o Plan Palacios sería descartado finalmente en febreiro de 1937.Unha ducia de obras de Antonio Palacios: do Porriño a Vigo ou Madrid
-
04Proxecto de Mercado de Abastos en Ourense
Dentro desta "arquitectura non construída" atopamos este proxecto de Mercado de Abastos na Praza San Marcial de Ourense. En 1918 o arquitecto Daniel Vázquez-Gulías Martínez ideou un edificio en estilo ecléctico secesionista, con elementos da escola vienesa, domina todo o proxecto, usando reixerías, pérgolas modernistas e grandes vidreiras que permiten dispoñer de luz natural nos interiores. Porén, nunca chegou a realizarse
-
05Gran Balneario das Burgas (Ourense)
Ourense é a cidade na que o CIAG recuperou máis monumentos, desaparecidos ou proxectados. Entre estes edificios que nunha chegaron a existir pero que estiveron a piques de facelo está o Gran Balneario das Burgas.
En 1925 Pedro García Faria elaborou este proxecto para ser construído nos arredores da Burga, onde hoxe está o xardín dos Cachafeiro. Tamén estaba previsto no proxecto a realización dunha zona pública de baños termais e dunha estrutura anexa con base de pedra, e corpo de ferro acristalado, denominada Casa de Baños Públicos da Burgas.
-
06Casa de Baños “La Concha de Arosa”
Dentro da "arquitectura perdida", en Vilagarcía destaca esta casa de baños promovida polo industrial caldense José Salgado Rodríguez en 1886, obra de Jenaro de la Fuente Domínguez. O edificio destinouse á talasoterapia e a eventos sociais diversos, como mitins políticos, banquetes ou bailes.
Tras o triunfo do Golpe de Estado de 1936, a vinculación coa Fronte Popular do propietario da instalación certifica a súa fin, que chega a finais dos anos 40. O edificio foi demolido nos anos 50 do século XX e posteriormente o espazo foi obxecto dun recheo que deu lugar ao actual Parque da Concha.
Unha ducia de edificios desaparecidos en Galicia analizados no libro 'Arquitecturas añoradas'
-
07Antigo Peirao da Ponte Nova (Betanzos)
Hai outra categoría de patrimonio recuperado, que no CIAG nomean como "arquitectura desvirtuada", que abrangue aquelas paisaxes urbanas que non desapareceron completamente, pero que sufriron importantes modificacións, desvirtuando polo tanto as súas características orixinais. É o caso do Antigo Peirao da Ponte Nova, en Betanzos.
Así locía en 1900 este espazo de ribeira que ao longo do século XX, sobre todo a partir de 1950 foi sendo transformado con novas construcións que substituíron ou desdebuxaron a arquitectura popular mariñeira.
-
08Casa-Chalé para Daniel Rodríguez Castelao (Pontevedra)
Entre os proxectos publicados polo CIAG figura esta curiosidade: o chalé deseñado para Daniel Rodríguez Castelao polo arquitecto galeguista Manuel Gómez Román, impulsor do novo estilo rexionalista que se popularizou nos anos 20 e 30 do pasado século.
Entendidos como exercicios teóricos, Gómez Román valíase deles para estudar as tipoloxías tradicionais de vivenda galega e dos pazos e aproveitábaos para realizar homenaxees a intelectuais que admiraba
-
09Praza Imaxinaria de Galicia (Santiago)
Outra das obras imaxinadas por Manuel Gómez Román foi esta Praza Imaxinaria de Galicia que bosquexou para o centro de Santiago en 1949, unha mostra do rexionalismo ecléctico que practicaba, mesturando tradición e a modernidade.
-
10Porta Neo-Árabe do Castro (Vigo)
No Castro, en Vigo, exitiu unha Porta Neo-Árabe construída en 1918 para a visita turística á cidade do sultán Abd al-Hafid de Marrocos. Recibido polo gobernador militar, a visita incluíu paseos pola Alameda entre aplausos dos vigueses e o posterior traslado ao Monte do Castro para contemplar as vistas da baía de VIgo ao pé desta porta conmemorativa.
A porta tivo un significativo impacto visual e cultural na súa época, pola súa privilexiada ubicación.
-
11Arco do Triunfo Neomudéxar
Non foi o único arco construído de forma efémera nesas décadas en Galicia. En Ourense en 1887 ergueuse este Arco do Triunfo Neomudéxar no marco das celebracións do bicentenario do Padre Benito Jerónimo Feijoó.
Deseñado polo catedrático de historia do Instituto de Ourense, Antonio Torres y Tirado, situose na actual intersección entre a rúa do Paseo e a rúa San Miguel e estivo en pé ata o ano 1900.
-
12Gran Hotel Balneario da Toxa (O Grove)
O Gran Hotel da Toxa, obra Daniel Vázquez Gulías Martínez -que gañou un concurso internacional- inaugurouse en 1907, baseado nos balnearios europeos desa época como o de Marienbad na República Checa. O edificio situouse á vangarda de Europa marcando un antes e un despóis polos materiais empregados, xa que foi a primeira vez que se utilizaba formigón armado para construir en Galicia
Porén, o inmoble profundamente transformado a partir de 1945, nunhas obras que fixeron desaparecer toda a beleza exterior do inmoble orixinal. Con todo, o hotel mantén intactas nas súas interior estruturas orixinais, como as bóvedas do palacio de habitacións ou a súa impoñente escaleira interior, entre moitas outras.
Piden a declaración BIC para o conxunto histórico da Illa da Toxa, de gran valor patrimonial
-
13Hotel Atlantic de A Coruña
Unha das alfaias da arquitectura desaparecida en Galicia é, sen dúbida, o Hotel Atlantic da Coruña construído nun estilo modernista tardío en 1923, obra de Luciano Delage Villegas. Nese momento nos Xardíns de Méndez Núñez encadeábanse tres fermosos edificios que conferían a este espazo unha gran beleza e singularidade: o Hotel Atlantic, o Kiosko Alfonso e a Terraza.
Rematada a Guerra Civil, o hotel foi incautado polo réxime franquista, que españolizou o seu nome (pasou a ser Atlántico) e en 1966 decidiuse a súa derruba para construír no seu lugar un hotel de moito maior tamaño e nulo interese estético.