Unha ducia de edificios desaparecidos en Galicia analizados no libro 'Arquitecturas añoradas'
Hai uns meses a editorial Trea publicou o completísimo volme Arquitecturas añoradas, unha memoria gráfica do patrimonio destruído en Galicia ao longo do século XX, coordinado por Jesús Ángel Sánchez García, Julio Vázquez Castro e Alfredo Vigo Trasancos e con achega dunha vintena de autores e autoras. A obra afonda na historia, relevancia e desaparición de máis de medio cento de significativos edificios que foron derrubados nas cidades e vilas galegas entre 1936 e 2002, en ocasións de maneira accidental, pero as máis das veces de forma intencionada "amparados en excusas economicistas e de pretendido progresismo". As análises acompáñanse de imaxes históricas e de recreacións en 3D realizadas polo Centro Infográfico Avanzado de Galicia, cuxos traballos repasamos nestoutra ducia.
-
01
Gran Hotel da Toxa (derrubado en 1945)
O edificio desaparecido que protagoniza a cuberta do libro é o Gran Hotel da Toxa, construído en 1905 e profundamente transformado a partir de 1945, nunhas obras que fixeron desaparecer toda a beleza do inmoble orixinal.
-
02
Praza provisional para o mercado e casas porticadas de Jaime Salomón e Timoteo O’Scanlan (1941-69). Ferrol
Este fermoso espazo ferrolán, formado por unha praza empregada como mercado e un conxunto de casas porticadas, foi construído a finais do século XVIII e sobreviviu ata mediados do século XX (o mercado fora trasladado moito antes). As vivendas porticadas situadas fronte ao edificio de Capitanía foron substituídas por edificios de nulo valor arquitectónico.
-
03
Casa de Baños 'La Concha de Arosa' (1955). Vilagarcía de Arousa
Non só nas cidades se perderon edificios valiosos ao longo do século XX. No libro hai exemplos de Tui, Betanzos, Marín, Tomiño, Mondoñedo, O Porriño e tamén Vilagarcía, como esta Casa de Baños 'La Concha de Arosa' , construída a carón do mar en 1886 nunha estrutura de madeira que incluía 75 habitacións para os usuarios e usuarias deste balneario. A vinculación coa Fronte Popular do propietario da instalación certifica a súa fin, que chega a finais dos anos 40.
-
04
Mercado da Guarda (1958). A Coruña
O Mercado da Guarda construíuse no centro do novo Ensanche da Coruña en 1900 e funcionou na actual Praza de Lugo ata 1958. Foi inicialmente substituído por un novo edificio e, en 2003, polo actual mercado
-
05
Antiga vila de Portomarín (1963)
En ocasións non desaparece un edificio concreto, senón que o fai toda unha vila. Sucedeu nos anos 60 en Portomarín, por mor da construción do encoro de Belesar, que supuxo anegar case 2.000 hectáreas de terreo fértil entre os concellos de Taboada, Chantada, O Saviñao, Paradela, O Páramo, Guntín e Portomarín. A iniciativa do Galiverso ofrece na Cidade da Cultura a posibilidade de viaxar ao pasado e permite camiñar polas rúas da antiga vila.
-
06
Lavadeiro público do Orzán (1965). A Coruña
O lavadeiro público do Orzán foi construído en 1898, nun estilo ecléctico, diante da praia do mesmo nome, nunha zona da cidade que nese momento estaba destinada a usos industriais e a vivendas de clases populares. A expansión da cidade nos anos 60 e o desuso desta instalación selaron o seu destino e foi finalmente derrubado en 1965.
-
07
Hotel Atlantic (1967). A Coruña
Nos anos 20 do pasado século os Xardíns de Méndez Núñez, na Coruña, encadeaban tres fermosos edificios que conferían a este espazo unha gran beleza e singularidade: o Hotel Atlantic, o Kiosko Alfonso e a Terraza. O hotel foi construído entre 1919 e 1923, nun estilo modernista tardío. Rematada a Guerra Civil, o hotel foi incautado polo réxime franquista, que españolizou o seu nome (pasou a ser Atlántico). E en 1966 decidiuse a súa derruba para construír no seu lugar un hotel de moito maior tamaño.
-
08
Mercado da Laxe (1967). Vigo
Nos últimos anos da ditadura, décadas marcadas polo desarrollismo e a especulación urbanística, desapareceron en Vigo os mercados da Laxe (1967) e do Progreso (1975), construídos nos primeiros anos do século XX.
-
09
Cine Odeon (1969). Vigo
Son moitos os cinemas desaparecidos en Galicia. Algúns deles repasámolos nestoutra ducia. En Vigo o cine Odeón inaugurouse en 1917 na rúa Urzáiz e funcionou ata 1965, sendo derrubado o edificio catro anos máis tarde.
-
10
Hotel Roma (1970). Ourense
En Ourense un dos edificios desaparecidos máis significativos é este do Hotel Roma, nacido como fonda nos anos 70 do século XIX e que foi completamente renovado, nun edificio de catro andares, en 1914. Porén, en 1971 foi derrubado no marco dunha importante transformación da rúa do Progreso que levou por diante moitas das construcións anteriores.
-
11
Club Fluvial (1971). Lugo
O Club Fluvial del Centro de Iniciativas y Turismo de Lugo foi creado en 1935 e funcionou neste edificio -deseñado por Eloy Maquieira- ata que en 1969 se decidiu a súa substitución por unha nova construción.
-
12
Edificio Castromil (1975). Santiago
Un dos edificios máis añorados en Galicia é este Edificio Castromil, que ocupou o centro da actual Praza de Galicia ata 1975. A diferenza doutras demolicións anteriores que tiveron lugar ao longo da ditadura, neste caso si houbo unha importante oposición social á súa derruba, liderada polo Colexio de Arquitectos de Galicia, que viña de nacer. Non foi abondo.
-
13
Eléctrica lucense (1976). Lugo
Na actual Praza de Ferrol da cidade de Lugo estivo ata o ano 1976 este monumental edificio, sede central de La Eléctrica Lucense, construído en 1903. Absorbida a empresa en 1935, décadas máis tarde o inmoble foi adquirido pola Caja de Ahorros Provincial de Lugo, que decidiu a súa demolición.
-
14
Gran Teatro (1996). Lugo
Un dos últimos grandes edificios en ser eliminados en Galicia foi o Gran Teatro de Lugo, que sobreviviu como cine ata 1994 e que foi derrubado finalmente en 1996, a pesar da forte presión cidadá en defensa da súa conservación
-
15
Fábrica de Santa Clara (2002). Vigo
A relación de 57 capítulos con preto de 70 edificios desaparecidos péchase coa fábrica de Santa Clara, do Grupo Álvarez, derrubada no ano 2002, un fermoso edificio racionalista mostra da mellor arquitectura industrial que non puido ser salvado da destrución. E un recordatorio de que mesmo no presente interesantes construcións (por exemplo o edificio Fenosa derrubado na Coruña no ano 2000 ou a Fábrica de Lápices en Ferrol) poden ser borrados para sempre.