Unha ducia de salas de cine desaparecidas en Galicia
A finais deste mes o vello Cine París da Coruña, que durante anos funcionou como tenda de roupa, reabrirá as súas portas como un espazo de ocio que acollerá distintas actividades. Farao 23 anos despois da súa clausura como sala de proxección, o 17 de outubro de 1999, un destino que compartiu con moitos outros cinemas históricos de Galicia. Do Royalty ao Odeon e o Rena, pasando polo Tamberlick, o Avenida ou o Savoy repasamos aquí algúns deles.
-
01
Teatro Rena (Ferrol)
O Rena, en Ferrol, é un fermoso edificio construído en 1920 con aires art nouveau e que funcionou como teatro e posteriormente como cine ata 1989. En 1991 sufriu un incendio e dende entón permanece abandonado na rúa Sol, entre a ameaza de derruba e proxectos para a súa rehabilitación
-
02
Gran Teatro de Lugo
O Gran Teatro de Lugo abriu as súas portas en 1940 e funcionou como sala de cine ata 1994. Ao igual que o Rena, dous anos máis tarde sufriu un incendio e pouco despois o edificio foi demolido.
-
03
Cine Adriano (Fene)
O Cine Adriano, en Barallobre (Fene), foi inaugurado en 1947 e funcionou como sala de cine ata 1972. Foi creado como homenaxe ao pai do seu promotor, Antonio Fernández Fernández, un indiano que construíu a singualr Casa da Maleta, moi próxima
-
04
Teatro Losada (Ourense)
O Teatro Losada abriu en 1928 na Rúa do Paseo e incluía unha gran sala con capacidade para máis de mil persoas. Funcionou ata 1996 e na actualidade acolle unha tenda de Zara.
-
05
Cinema Cuatro Caminos (A Coruña)
Na Coruña funcionaron historicamente un gran número de salas de cine (Cuatro Caminos, Savoy, Avenida, Valle Inclán, Equitativa, Goya, Finisterre, Hércules, Alfonso Molina, Ciudad, Riazor, Rex, Monelos, Chaplin...), todas elas desaparecidas, dando paso a unha paisaxe moi distinta na que os cines só se poden atopar en centros comerciais case sempre afastados do centro. O Cuatro Caminos, un dos máis antigos, deixou de funcionar en 1948.
-
06
Gran Cine de Ortigueira
O Gran Cine de Ortigueira é unha obra arquitectonicamente moi singular, realizada por Peregrín Estellés e Antonio Tenreiro. Inaugurouse en 1941 e pechou as súas portas en 1989.
-
07
Cine Fantasio de Vilagarcía
En Vilagarcía tamén funcionaron varios cines hoxe desaparecidos, dende o Cervantes ao Salón Varietés, pasando polo Fantasio, inaugurado en 1933 e que pechou no ano 2000, sendo tristemente derruído.
-
08
Cine Capitol (Compostela)
O Cine Capitol funcionou en Santiago dende 1935 ata 1998 e na actualidade mantén a súa actividade como sala de concertos. Royalty, Avenida, Metropol ou a Sala Yago existiron tamén como salas de proxección privadas.
-
09
Cine Coliseum (Pontevedra)
O Coliseum foi un dos grandes cines da cidade de Pontevedra, cunha actividade que foi do ano 1932 ata 1971. Situábase na rúa García Camba, a carón doutro cine, o Malvar (1948-1996). Ambos os dous foron derruídos.
-
10
Teatro Cine Fraga (Vigo)
O Teatro Cine Fraga foi inaugurado en 1948 e funcionou como sala de proxección ata o ano 2001. Despois dos anos en que unha parte do edificio se usou tamén como discoteca, o inmoble foi rehabilitado.
-
11
Cine Avenida (A Guarda)
Fóra das cidades existiron tamén un fran número de cines, hoxe por desgraza sen actividade. É o caso da Guarda, onde por exemplo funcionaron o Avenida ou o Alvi, como destaca esta análise publicada polo Proxecto Socheo.
-
12
Cine Zárate (Mugardos)
O Cine Zárate (Mugardos) foi inaugurado en 1926 e funcionou como o principal centro de ocio da localidade ata o seu peche en 1969. No ano 2017 foi incluído no Catálogo de Patrimonio.
-
13
Teatro Cine Elma (A Pobra do Caramiñal)
O Teatro Cine Elma (A Pobra do Caramiñal) funcionou entre 1953 e 1999. Foi adquirido pola Deputación, rehabilitado e cedido ao Concello e na actualidade acolle actividades culturais de todo tipo.
-
14
Cine Odeón (Vigo)
O CIne Odeón de Vigo inaugurouse en 1917 na rúa Urzáiz e funcionou ata 1965, sendo derrubado o edificio catro anos máis tarde. Xunto co Tamberlick, o Cine Radio, o Plata, o Royalty, o Salesianos, o Niza... forma parte da longa lista de cines desaparecidos en Vigo