Unha ducia de obras de Antonio Palacios: do Porriño a Vigo ou Madrid
Hai uns días completouse no Porriño a restauración da parada de Metro realizada orixinalmente por Antonio Palacios para Madrid en 1918 e que foi trasladada á vila natal do arquitecto en 1970. O pasado ano celebrouse o 150 aniversario do nacemento de Palacios, autor de edificios singulares na capital do Estado, pero tamén en Galicia, especialmente en Vigo, para a que mesmo chegou a deseñar un proxecto de reforma integral da cidade -nun elegante estilo Art Decó monumental- que nunca chegou a ser realidade.
- 
                             01 01Casa do Concello do Porriño (1918)Antonio Palacios naceu no Porriño en 1874, onde residiu ata que con 18 anos marchou a Madrid para estudar aquitectura. O pai de Palacios era, de feito, madrileño e radicara en Galicia ao vir traballar nas obras do ferrocarril. Aínda que Palacios xa nunca abandonou a súa residencia na capital do Estado, seguiu moi vencellado ao Porriño, onde pasou moitos veráns, e onde levou a cabo moitas obras e proxectos. O máis destacado foi o da Casa do Concello, en 1918 
- 
                             02 02Metro de Madrid (1917)En 1917 Palacios recibiu o encargo da Compañía Metropolitana de deseñar todos os espazos interiores e exteriores da liña Sol-Ventas do Metro de Madrid. Dese encargo xurdiu o templete que daba acceso á estación en Gran Vía. En 1970 foi desmontado e trasladado ao Porriño, onde vén de ser restaurado, ficando instalado no Campo da Feira, ao paso do Camiño Portugués. 
- 
                             03 03Palacio de Cibeles (1907)Unha parte dos edificios máis monumentais e significativos de Madrid son obra de Antonio Palacios, moitas veces en colaboración con Joaquín Otamendi. Entre eles o Palacio de Cibeles (denominado anteriormente Palacio de Telecomunicacións), que se comezou a construír en 1907 e se completou en 1919. Foi durante décadas a sede de Correos e dende o 2007 acolle a sede da Alcaldía madrileña, ademais de espazos culturais. 
- 
                             04 04Hospital de Jornaleros, en Madrid (1908)Outra das obras máis monumentais de Palacios é o Hospital de Jornaleros, ou Hospital de Maudes, construído entre 1908 e 1916 en Chamberí para dar asistencia sanitaria gratuíta aos xornaleiros do campo. 
- 
                             05 05Banco Río de la Plata, en Madrid (1910)Destaca tamén o Banco Español del Río de la Plata, construído entre 1910 e 1915 e que posteriormente foi a sede do Banco Central e do Banco Hispano-Americano. Na actualidade acolle a sede do Instituto Cervantes. 
- 
                             06 06Círculo de Bellas Artes, en Madrid (1919)Algo posterior foi o proxecto do Círculo de Bellas Artes, construído entre 1919 e 1926. O edificio está coroado pola escultura da deusa Minerva, de Juan Luis Vassallo, a deusa romana da sabiduría e a arte 
- 
                             07 07Teatro García Barbón (1927)Palacios tamén é responsable dunha parte importante dos edidficios máis emblemáticos de Vigo, entre eles o do Teatro García Barbón, iniciado en 1911 e finalizado en 1927. Nos anos 70 do pasado século foi adquirido pola Caixa de Aforros Municipal de Vigo e hoxe acolle a sede viguesa de Afundación. 
- 
                             08 08Banca Viñas Aranda, en Vigo (1941)Outros dos grandes inmobles vigueses realizados por Palacios son o Mosteiro da Visitación das Salesas Reais ou o o edificio da Banca Viñas Aranda, proxectado en 1941 e que posterioremente acolleu a sede do Banco Popular. 
- 
                             09 09Plan Palacios para VigoUnha parte da arquitectura de Palacios ficou no papel. Entre as súas obras non realizadas destaca o Plan Palacios que deseñou para Vigo, no que proxectou unha cidade practicamente renovada por completo e moi monumental, cunha grande avenida de 100 metros de ancho que baixaría dende o Monte do Castro ata o mar, rodeada por edificios de grande altura. Hai uns anos CIAG levou a cabo unha recreación do Plan Palacios. O proxecto tivo unha gran acollida na cidade e Jaime Solá, director da revista Vida Gallega, foi o encargado de dalo a coñecer. O 1 de decembro de 1932, Palacios asina o proxecto definitivo que aproba a alcaldía o 26 de xaneiro de 1934, máis o Plan Palacios sería descartado finalmente en febreiro de 1937. 
- 
                             10 10Hotel Sanatorio de MondarizO Porriño, Madrid e Vigo son as localidades máis marcadas pola obra de Palacios, pero o arquitecto levou a cabo proxectos en moitos outros lugares, tanto de Galicia (Panxón, O Carballiño, Mondariz, Noia, Santiago, Baiona...) coma do resto do Estado (Avilés, Zaragoza, Astorga, Donostia, Málaga, Valladolid...). En Mondariz, por exemplo, Palacios proxectou en 1917 o Hotel Sanatorio, que se engadía ao antigo Gran Hotel, obra do arquitecto vigués Jenaro de la Fuente Domínguez. 
- 
                             11 11Pavillón de Recreo, en Compostela (1908)En Santiago Palacios levou a cabo unha das súas primeiras obras, o Pavillón de Recreo Artístico e Industrial construído en 1908 na Alameda para a Exposición Rexional de 1909. O estilo, cunha gran presenza de elementos modernistas, afástase do estilo que posteriormente primou na obra de Palacios. Aínda que o edificio sufriu unha importante modificación en 1926 -perdeu a súa elegante cuberta que foi substituída por outra de catro augas e tella plana, así como as marquesiñas laterais e os floreiros decorativos-, o inmoble aínda se conserva, a diferenza da maior parte das restantes construcións da Exposicións Rexionais, de tipo temporal. 
- 
                             12 12Templo Votivo do Mar de Panxón (1932)Entre 1932 e 1937 Palacios construíu en Panxón (Nigrán) o Templo Votivo do Mar, nun estilo neogótico e elementos modernistas, partiu dun arco visigodo do século VII que se atopaba na contorna. 
- 
                             13 13Templo de Veracruz, no Carballiño (1943)Unha das últimas obras de Palacios foi o Templo de Vera Cruz, no Carballiño, iniciado en 1943 e finalizado en 1957. Na igrexa, en estilo neogótico e neorrománico, destaca a súa torre principal, de 52 metros de altura.