Piden a declaración BIC para o conxunto histórico da Illa da Toxa, de gran valor patrimonial

Hotel da Toxa CC-BY-NC IPCE

A mediados no pasado ano 2024 o Centro Cultural Daniel Vázquez-Gulías iniciou o procedemento ante a Consellaría de Cultura para a acadar a protección como Ben de Interese Cultural (BIC) de todo o espazo da illa no que se incluía a obra orixinal

Na Illa da Toxa, no Grove, érguese o Gran Hotel da Toxa, un hotel-balneario aínda en funcionamento e cunha rica historia que se inicia nos primeiros anos do século XX. O actual edificio pouco se parece á construción orixinal deseñada polo arquitecto Daniel Vázquez-Gulías, aínda que o inmoble -reformado en 1945- conserva partes do complexo inicial e a súa estrutura. O lugar agocha unha importante riqueza patrimonial, que se estende ao resto da illa, as súas antigas fábricas de xabóns e cosméticos e a unha singular capela recuberta completamente de cunchas de vieira.

A mediados no pasado ano 2024 o Centro Cultural Daniel Vázquez-Gulías iniciou o procedemento ante a Consellaría de Cultura para a acadar a protección como Ben de Interese Cultural (BIC) de todo o espazo da illa no que se incluía a obra orixinal do arquitecto. É dicir, o hotel-balneario, a capela, o xardíns, unha serie de vivendas racionalistas ou os restos da antiga fábrica de xabóns, entre outros elementos. 

Mapa que acompaña á petición para a declaración como BIC © Centro Cultural Daniel Vázquez-Gulías

A iniciativa lembra que o hotel "mantén intactas nas súas interior estruturas orixinais, como as bóvedas do palacio de habitacións ou a súa impoñente escaleira interior, entre moitas outras", sinalando que "non é un edificio novo, é un edificio modificado sobre o anterior"

A entidade acompañou este trámite dunha petición virtual en change.org para darlle difusión á iniciativa, unha campaña na que durante varios meses nin a Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta nin o Concello do Grove responderan aos escritos presentados ante eles, denuncian. Neste enlace pode consultarse a memoria presentada ante a Xunta para a toma en consideración da proposta para a declaración como  Ben de Interese Cultural (BIC).

A petición defende que o complexo termal da illa da Toxa "atesoura os suficientes valores patrimoniais, históricos, culturais e arquitectónicos" e que resulta "un claro testemuño cultural significativo" dunha comunidade que evolucionou social e economicamente ao seu redor. Así mesmo, lembra que o hotel "mantén intactas nas súas interior estruturas orixinais con máis de 117 anos, como as bóvedas do palacio de habitacións ou a súa impoñente escaleira interior, entre moitas outras", sinalando que "non é un edificio novo, é un edificio modificado sobre o anterior. As súas fachadas son como unha carcasa que tapan a estrutura orixinal".

"O alto valor patrimonial que contén o conxunto xa foi moi afectado e é necesaria a súa protección para deter a deterioración, provocado, en moitos casos, pola altísima presión urbanística", alértase

Sinálase, así mesmo, que "o alto valor patrimonial que contén o conxunto xa foi moi afectado e é necesaria a súa protección para deter a deterioración, provocado, en moitos casos, pola altísima presión urbanística". O Centro Cultural Daniel Vázquez-Gulías conclúe que o conxunto "conforma unha paisaxe balneario que mestura o uso industrial co de descanso", todo un "exemplo do movemento racionalista" e supón, ademais, "un dos maiores activos cos que conta o Concello do Grove, outorgándolle fama ao municipio desde a súa construción". 

A Illa da Toxa, dende o aire, na actualidade © Concello do Grove

O BNG celebrou o pasado venres un acto no Grove para apoiar a declaración BIC do coxunto histórico. Denuncia que coa redacción do novo PXOM do Grove "perdeuse unha grande oportunidade para coidar desas instalacións"

A proposta do Centro Cultural Daniel Vázquez-Gulías recibiu o apoio de entidades coma a Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal). Tamén o do BNG, que está a realizar unha campaña de actos no Concello do Grove, coma o celebrado o pasado venres na Galería Besada coa participación do voceiro local, Anselmo Noia e da deputada Montse Prado, ademais do arquitecto Jose Luís Paulos, que forma parte do Centro Cultural Vázquez Gulías. O BNG critica que coa redacción do novo PXOM do Grove, pendente aínda da súa aprobación definitiva, "perdeuse unha grande oportunidade para coidar desas instalacións".

Un hotel inaugurado en 1907

O un hotel-balneario inaugurouse en 1907, seguindo o deseño de Daniel Vázquez-Gulías, que gañou o concurso internacional convocado en 1899. En 1911 inaugurouse a ponte de 400 metros une a illa ao continente

A augas que rodeaban a illa tiña sona de beneficiosas, o que unido á beleza da contorna comezou a animar a chegada de visitantes xa durante o século XIX. En 1841, o químico e farmacéutico Antonio Casares achara nas súas augas termais calcio, ferro, magnesio e sodio, ideais para curar certas enfermidades. Posteriormente, o marqués de Riestra, propietario da illa, viu na Toxa o potencial para converterse nun destino turístico de luxo.

Para dar resposta a esta demanda crecente inaugurouse un hotel-balneario en 1907, tomando como referencia os balnearios de moda na época en Europa, coma o de Marienbad. Construíronse dous pavillóns, un para os cuartos e outro para o casino, conectados por unha galería. A decoración interior tiña frescos nos salóns e escaleiras e durante varias décadas o hotel converteuse nunha referencia en todo o Estado. Complementando o desenvolvemento da infraestrutura, en 1911 construíuse unha ponte de cemento de 400 metros de lonxitude.

Fábrica de sales e xabóns da Toxa, a comezos do século XX Dominio Público Galiciana

En 1916, o Gran Hotel da Toxa foi o escenario da rodaxe de Miss Ledyia, considerado o primeiro filme de ficción galego, dirixido por Xosé Gil y Gil e no que Castelao fai un pequeno papel

En 1916, o Gran Hotel da Toxa foi o escenario da rodaxe de Miss Ledyia, considerado o primeiro filme de ficción galego, dirixido por Xosé Gil y Gil e no que Castelao fai un pequeno papel como pastor protestante. En 1945 foron derrubadas as torres e reformouse o edificio case totalmente, aínda que mantivo a súa estrutura.

Foi a primeira gran obra de Daniel Vázquez-Gulías, coa que gañou o concurso internacional convocado en 1899 para a creación do balneario, que lle deu fama e lanzou a súa carreira. O arquitecto nacido en Beariz en 1869 estudou en Madrid e regresou a Galicia para ocupar os postos de arquitecto municipal en Ourense, sendo responsable dun gran número de edificios destacados na cidade, e arquitecto diocesano, levando a cabo a construción e reforma de numerosos templos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.