O entroido celebrouse por última vez no ano 1975. Porén as recentes investigacións de José Manuel Dopazo sacaron do esquecemento os festexos tradicionais e contribuíron á súa recuperación, grazas ao impulso do Concello de Bueu e da Asociación de Veciños e Amigos da Illa de Ons
O Entroido da Illa de Ons celebrouse por última vez no ano 1975. Porén as recentes investigacións de José Manuel Dopazo sacaron do esquecemento os festexos tradicionais e contribuíron á súa recuperación, 50 anos despois, grazas ao impulso do Concello de Bueu e da Asociación de Veciños e Amigos da Illa de Ons.
O mestre bueués desenvolve dende hai máis dunha década importante traballo de investigación sobre os costumes da illa e sobre a súa fala, tema ao que dedicou a súa tese de doutoramento, defendida en 2022. Ademais, levou a cabo un traballo específico de recuperación da información sobre os elementos tradicionais do Entroido, como os mudados e as máscaras -unhas figuras de carácter perverso, que xeran o caos, e outras benévolas - e o entroido -un esquelete de paus cuberto de palla e roupa vella-. Os personaxes tradicionais vestían de branco e cubrían a súa cara cunha máscara vermella.
Como detalla Dopazo no seu traballo, "os mudados denomínanse así, probabelmente, polo feito de inverteren os roles de xénero na vestimenta. É dicir, as mulleres vestían con roupa de home e os homes con roupa de muller".
O domingo 2 de marzo está programada unha saída do entroido e as máscaras, seguida dunha fiada con pandeiretas e da saída dos mudados
O domingo 2 de marzo está programada unha saída do entroido e as máscaras ás 12.30 horas, seguida dunha fiada con pandeiretas en Curro co grupo Arredor da tradición, e da saída dos mudados. Para as persoas que desexen asistir, a navieira Nabia disporá de servizo de barco con saída ás 10 horas e regreso ás 18 horas.
O programa da xornada, que inclúe a recuperación de elementos tradicionais, concentrarase na zona centro e no sur da illa, comezando na Altura, pasando por Pereiró, Canexol e As Xabreiras, para finalizar en O Caño e Curro.
"Os mudados denomínanse así, probabelmente, polo feito de inverteren os roles de xénero na vestimenta. É dicir, as mulleres vestían con roupa de home e os homes con roupa de muller", detalla Dopazo
O Entroido tradicional na Illa de Arousa, con grandes semellanzas coa forma de festexar de localidades da Península do Morrazo, celebrábase en catro días: o domingo de entroido, o martes seguinte e despois o domingo ghordo e o domingo de piñata.
Na investigación de José Manuel Dopazo tivo unha grande importancia a descoberta dunhas gravacións realizadas nos anos sesenta polo dinamarqués Gustav Henningsen, interesado pola etnografía e as lendas da zona. Porén, nas oito horas rexistradas polo investigador con entrevistas a veciños e veciñas constaban tamén descricións realizadas por habitantes da illa nas que relataban como se celebraba o Entroido nas primeiras décadas do século XX.
"A máscara tradicional confeccionábase coa codia do calacú: cortábase, facíanselle os orificios dos ollos e a boca, e secábase ao sol. Unha vez endurada e curtida, coloreábase con pintura que se traía de Bueu. Por último, engadíaselle unha cinta ou unha corda para podela amarrar por fóra do pano da cabeza", explica Dopazo no seu traballo.