Marcos Pérez Pena

Unha ducia de lugares da Revolución dos Caraveis en Lisboa

Este xoves celebrouse o 50 aniversario do 25 de abril, a revolución que trouxo a liberdade a Portugal. Foron unhas horas de tensión que xa repasamos nesta información e cuxa pegada aínda se mantén en moitos espazos da capital lusa. Propoñemos unha visita a Lisboa percorrendo algúns dos lugares fundamentais da Revolução dos Cravos, sen ánimo de turistificar a memoria, pero si de honrar abril e de perdernos polas rúas da fermosísima cidade alfacinha

  1. 01

    Rádio Renascença (Rua Capelo, 5)

    Comezamos polo principio. Á doce e vinte minutos da madrugada do 25 de abril o locutor da emisora católica Rádio Renascença fixo soar o 'Grândola, Vila Morena' de José Afonso. Era o sinal acordado para o inicio das operacións. En 1974 a sede da emisora estaba situada no número 5 da rua Capelo (entre a Baixa e o Chiado), un local que abandonou anos máis tarde e que hoxe acolle un hotel de luxo (o signo dos tempos da xentrificada Lisboa). Unha placa lembra, con todo, a importancia deste lugar nos feitos. Foto: Cristina Nascimento / RR

  2. 02

    Emissora Nacional (Rua do Quelhas, 2)

    O primeiro que fixeron o militares esa noite foi asegurar o control dos medios de comunicación, co obxectivo de difundir as súas mensaxes e de evitar que o réxime os empregase para tentar reconducir a situación. O Rádio Clube Português, a RTP, a sede dos Emissores Associados de Lisboa ou a Emissora Nacional, situados en distintas zonas da cidade, foron ocupados de inmediato polas tropas. Non é necesario visitalos todos (de feito, a maior parte xa non acollen medios de comunicación), pero podemos achegarnos á antiga sede da Emissora Nacional (Rua do Quelhas, 2), preto dos fermosos (e non tan coñecidos nin masificados) barrios de Santos e Madragoa.
    Foto: Google

  3. 03

    Rua do Arsenal

    O 25 de abril foi unha revolución esencialmente pacífica, na que apenas houbo de lamentar mortes, pero si se produciron algúns enfrontamentos entre os militares sublevados e os fieis ao réxime. Un deses puntos foi a rúa do Arsenal, que pasa pola fermosa Praça do Município.

  4. 04

    Ribeira das Naus / Ponte 25 de abril

    Outro dos puntos nos que se produciu un enfrontamento directo foi a Ribeira das Naus, entre a Praça do Comércio e a actual Ponte 25 de abril (nese momento chamada Ponte Salazar) cuxo control era fundamental. Entre as 7 e as 10 da mañá houbo intercambios de disparos, pero sen vítimas mortais. Hoxe converteuse nun espazo de paseo e de ocio nas beiras do Texo.

  5. 05

    Terreiro do Paço / Cais das colunas

    O Terreiro do Paço ou (Praça do Comércio) era e segue a ser un dos símbolos do poder en Lisboa e nese momento acollía os ministerios do Exército e da Mariña. Ás seis da mañá foi tomado pola columna que procedente de Santarem guiaba Salgueiro Maia. Fronte ao Cais das Columnas, o lugar no que o Terreiro do Paço se atopa co río Texo, posicionouse durante horas a fragata Almirante Gago Coutinho, que recibiu ordes de disparar contra as tropas que ocuparan a praza. A orde non foi cumprida.

  6. 06

    Sede do xornal 'República' (Rua da Misericórdia, 116)

    Os medios de comunicación xogaron un papel fundamental nesas horas. Sobre todo a radio, tamén a televisión, pero tamén os xornais. Ás 11 da mañá do 25 de abril entregouse na sede do xornal República  (un dos máis contestarios co réxime salazarista) o Programa do MFA, para a súa difusión. A súa antiga sede está na Rua da Misericórdia, entre o Chiado e o Bairro Alto.

  7. 07

    Sede da PIDE (Rua António Maria Cardoso, 22)

    A PIDE (Polícia Internacional e de Defesa do Estado) era un dos elementos máis odiados (e temidos) do réxime salazarista. A súa sede, na Rua António Maria Cardoso, no Chiado, era sinónimo de torturas e malos tratos. Por iso, o seu control tiña unha elevada importancia simbólica e dende as primeiras horas da mañá do día 25 foi rodeada por militares e tamén por un gran número de cidadáns de a pé. Dende o edificio disparouse contra os congregados, provocando a morte de catro persoas, as únicas vítimas mortais da revolución. Hoxe acolle unha tenda de decoración.

  8. 08

    Cadeia do Aljube (rua Augusto Rosa, 42)

    A antiga Cadeia do Aljube foi un dos cárceres que o Estado Novo dedicou á reclusión de presos políticos ata o ano 1965. Hoxe acolle o Museu do Aljube - Resistência e Liberdade, que percorre a represión da ditadura portuguesa e a resistencia popular. Pódese visitar a carón da Sé de Lisboa.

  9. 09

    Praza do Rossio

    A Praza do Rossio é o verdadeiro centro de Lisboa e o 25 de abril era un punto de paso obrigado entre o Terreiro do Paço e o Largo do Carmo. Neste lugar a xente reuniuse dende a mañá para celebrar o triunfo da revolución e foi aquí onde Celeste Caeiro (de orixe galega) puxo un caravel vermello no cano da espingarda dun dos militares que vixilaban a praza.

  10. 10

    Largo do Carmo

    O 25 de abril triunfou definitivamente no Largo do Carmo, onde a partir das 12.30 horas os militares cercaron o Cuartel do Carmo da GNR, onde o primeiro ministro Marcelo Caetano se refuxiou a partir das seis da mañá. Ás 18.30 horas, despois de medio día de presións e tensión, finalmente Caetano aceptou ceder o poder ao xeneral Spínola. A revolución triunfara.

  11. 11

    Estatua de Salgueiro Maia en Santarem

    Os sucesos máis significativos do 25 de abril tiveron lugar en Lisboa, pero no resto do país son moitos os espazos que lembran os feitos daqueles días. Por exemplo na fermosa cidade de Santarem, a capital do gótico portuguén, situada a 90 quilómetros ao norte da capital. 

    Na madrugada do 25, partiu da Escola Prática de Cavalaria, situada nesta localidade, unha columna -ao mando do comandante Salgueiro Maia- que tivo un papel fundamental no éxito da revolución, ocupando o Banco de Portugal e a Rádio Marconi e, sobre todo, o Terreiro do Paço, xa contra as seis da mañá. Un monumento a esa columna e ao propio Salgueiro Maia preside unha das prazas de Santarem.

  12. 12

    Fortaleza de Peniche

    O 25 de abril foi un día tan longo que chegou ata o día 26. Unha vez consumado o éxito da revolución, faltaba liberar os presos políticos, recluídos en prisións como as de Caxias, preto de Lisboa, e sobre todo na fortaleza de Peniche, a algo máis de 100 quilómetros da capital. A fortaleza deste fermoso porto pesqueiro -que hoxe acolle o Museu da Resistência e da Liberdade,  foi empregada como cárcere e por ela pasaron destacados líderes políticos, como o propio Álvaro Cunhal (que en 1960 protagonizou con outros compañeiros unha espectacular fuga)

  13. 13

    Grândola

    E finalizamos a viaxe noutra localidade situada nas proximidades de Lisboa, neste caso a uns 120 quilómetros cara ao sur. É Grândola, capital do Alentejo litoral e que mantén unha indeleble ligazón co 25 de abril grazas á canción do Zeca Afonso. O 25 de abril non tivo lugar ningún acontecemento singular en Grândola, pero todo o mundo repetiu o nome desta vila, para sempre indetificada como terra da fraternidade, e que conserva varios monumentos que homenaxean a revolución e mais ao Zeca.