Unha ducia de igrexas galegas non tan coñecidas
Nesta semana tan importante para as persoas que profesan a relixión cristiá, as igrexas gañan protagonismo. Igrexas hai moitas en Galicia (hai case catro mil parroquias) e iso se contamos unicamente as católicas (do resto de crenzas xa falamos aquí). Hainas grandes como catedrais e tamén pequenas como modestas capelas, algunhas estáns protexidas (unhas 60 igrexas e 30 mosteiros son BIC) e outras non. Velaquí vai unha ducia de igrexas ben xeitosas das que non se adoita falar tanto coma das catedrais e outros templos máis turísticos e que ben merecen unha visita. Hai uns anos fixemos estoutra ducia e agora tentamos escoller outras 12. Ti cal engadirías?
-
01Igrexa de San Pedro da Mezquita (A Merca)
A Igrexa de San Pedro da Mezquita, situada no Concello da Merca, foi declarada Monumento Nacional en 1931. De orixe románica, cunha inscrición de 1202, malia que xa aparece citada no ano 986, conta con con elementos de transición ao gótico.
-
02Igrexa de San Martiño de Barcia de Mera (Covelo)
A Igrexa de San Martiño de Barcia de Mera constitúe un dos singulares exemplos da arquitectura barroca en Galicia. Xunto á Casa Reitoral do mesmo nome, parece dominar dende o alto o val do río Alén.
-
03Igrexa de Santiago de Mens (Malpica)
A Igrexa de Santiago de Mens, parte dun antigo mosteiro, foi declarada Monumento Nacional en 1979. A súa orixe pode remontarse aos séculos X ou XI, aínda que a súa fundación está datada no ano 1134.
-
04Igrexa de San Pedro Fiz de Hospital (O Incio)
A Igrexa de San Pedro Fiz do Hospital é BIC dende 1981. Pertenceu á Orde Hospitalaria de San Xoán de Xerusalén e formaba parte dun conxunto formado pola igrexa, unha fortaleza, unha hospedería, e un hospital para necesitados e peregrinos, pois por aquí pasa unha variante do camiño de Santiago.
-
05Igrexa e reitoral de San Vicente de Pombeiro (Pantón)
Situada na Ribeira Sacra, San Vicente de Pombeiro formou parte dun mosteiro do que hoxe apenas quedan restos. A igrexa foi construída entre os séculos XII e XIII, aínda que sufriu reformas posteriores. No seu interior consérvanse retablos renacentistas e barrocos, así como restos de antigas pinturas murais do século XV.
-
06Igrexa de San Miguel de Breamo (Pontedeume)
A Igrexa de San Miguel de Breamo, formaba parte dun conxunto máis amplo nun mosteiro do mesmo nome, do que non se conservan restos. Hai referencias documentais que se refiren a ela mesmo do século X, aínda que a construción do actual templo data do século XI. Foi declarado Monumento Nacional en 1931.
-
07Igrexa de Santa María da Atalaia (Laxe)
A Igrexa de Santa María da Atalaia (Laxe) segue o estilo gótico mariñeiro e nel conflúen tanto elementos do gótico como do románico. A orientación da igrexa segue o esquema tradicional dos templos romanos con cabeceira cara o leste e pórtico cara o oeste. A torre campanario situouse, atipicamente, coincidindo co altar maior. O interior é a parte mais destacada do templo pois no altar maior podemos observar unha imaxe medieval da Virxe da Atalaia, un friso medieval en pedra
-
08Igrexa de San Xulián de Astureses (Boborás)
A igrexa de San Xulián de Astureses, do século XII, é o único que resta dun antigo conxunto máis amplo. Está acreditada a presenza no lugar da Orde do Santo Sepulcro, adquirindo grande importancia a mediados do século XV por ser cabeceira de encomenda ata que é substituída pola Orde de San Xoán de Xerusalén.
-
09Igrexa de Santa María de Pesqueiras (Chantada)
Da Igrexa de Santa María de Pesqueiras hai referencias documentais que chegan ata o ano 1121, momento dunha remodelación. É o único que se conserva dun antigo mosteiro de monxas beneditinas. No interior destacan as pinturas murais da cabeceira datadas no século XVI.
-
10Igrexa de San Nicolao de Cis (Oza Cesuras)
Do mosteiro de San Nicolao de Cis, coñecido tamén como San Salvador de Cis debido á súa advocación, na actualidade só se conserva en pé a súa igrexa monacal. Foi declarado Monumento Nacional en 1981.
-
11Igrexa de Santa María de Vilabade (Castroverde)
A igrexa de Vilabade, declarada Monumento Histórico Artístico Nacional en 1979, amosa elementos góticos moi destacados, pero tamén outros estilos produto das transformacións dos séculos XVI, XVII e XVIII. A tradición relaciona este templo coa viaxe de san Francisco de Asís cara a Oviedo en 1214, cando regresaba da súa peregrinación a Santiago. É posible que xa no século XIII existise unha pequena comunidade franciscana neste lugar, pero no XIV xa só sobrevivía a igrexa.
-
12Igrexa de Santa María de Seteventos (O Saviñao)
A Igrexa de Santa María de Seteventos, construída a finais do século XII ou principios do XIII, é un bo exemplo do románico rural galego. Como é habitual na Ribeira Sacra, a súa orixe está ligada á actividade monacal e hai refrecencias documentais do século X que a vencellan ao mosteiro de Diomondi.