Evanxélicos, musulmáns e mesmo druídicos: 65 concellos teñen templos non católicos

Cerimonia na igrexa evanxélica Asambleas de Dios, no polígono da Agrela da Coruña © Iglesia Evangélica Asambleas de Dios

Nestes días nos que se celebra a Semana Santa, a Igrexa Católica retoma parte do protagonismo perdido nas últimas décadas. Galicia segue a ser maioritariamente católica (o 59,5% da poboación recoñécese así), aínda que a porcentaxe de practicantes (aquelas persoas que, por exemplo, acuden nalgún momento a un oficio relixioso) é moi inferior e, en xeral, os crentes só son maioría por riba dos 45 anos.

Neste momento funcionan en Galicia 306 templos non católicos, distribuídos entre 65 concellos

Pero en Galicia o catolicismo non é a única relixión practicada. Existen outras confesións que aínda que cuantitativamente están lonxe da súa importancia (as estatísticas existentes reducen os crentes doutras confesións ao 1,4% da poboación), viven un momento de crecemento no país, especialmente nas zonas urbanas e entre a poboación nacida noutros países.

De feito, neste momento funcionan en Galicia 306 templos doutras confesións, distribuídos entre 65 concellos, segundo as estatísticas actualizadas do Observatorio do Pluralismo Relixioso. A maior parte destas confesións son distintas variantes do Cristianismo (Evanxélicos, Adventistas, Testemuñas de Xehová, Mormóns, Ortodoxos...), pero hai tamén varias mesquitas musulmás, templos budistas, sinagogas xudeas e mesmo un templo druídico rexistrado oficialmente.

A Coruña (47) e Vigo (42) son as localidades cun maior número de templos non católicos, nunha lista na que seguen Pontevedra (21), Ferrol (20) e Ourense (19)

Por concellos, A Coruña (47) e Vigo (42) son as localidades cun maior número de templos non católicos, nunha lista na que seguen Pontevedra (21), Ferrol (20) e Ourense (19). Santiago (11) e Lugo (9) presentan unha cifra inferior, non moi distinta da de Vilagarcía de Arousa (8), Marín (7) ou Ribeira (6).

Concellos situados nas áreas metropolitanas de cidades, como Arteixo (5), Ames (4), Culleredo (3) ou Cambre (3) teñen tamén varios templos non católicos, o mesmo que vilas como Monforte (5), Cangas (4), Verín (4), Cabanas (4), Betanzos (4), Vilalba (4), Carballo (3), O Grove (3), O Barco de Valdeorras (3), Noia (3) ou Xinzo de Limia (3).

En Galicia funcionan neste momento 195 templos evanxélicos. E, por exemplo, só na cidade da Coruña hai 35, fronte aos 25 de Vigo, os 15 de Ferrol ou os 14 de Pontevedra e Ourense

Por confesións, a máis estendida semella ser o cristianismo evanxélico, como moi diferente variantes (pentecostais, irmáns, interdenominacionais, independentes, carismáticos, bautistas...). En total, en Galicia funcionan neste momento 195 templos evanxélicos. E, por exemplo, só na cidade da Coruña hai 35, fronte aos 25 de Vigo, os 15 de Ferrol ou os 14 de Pontevedra e Ourense ou os 7 de Santiago, os 6 de Marín e Vilagarcía.

Como destacabamos nesta reportaxe, moitos destes templos evanxélicos, moi empregados pola poboación nacida noutros países, especialmente Latinoamérica, sitúanse en polígonos industriais nas zonas urbanas, ademais de abrir espazos en barrios populares con elecadas porcentaxes de poboación inmigrante

Fóra do cristianismo, a relixión con máis templos é a musulmá, con 30 mesquitas moi repartidas por todo o territorio, en 27 concellos

As Testemuñas de Xehová son o seguinte culto cristián con máis templos en Galicia, cun total de 36, tamén moi estendidos por todo o país, presentes en 32 concellos. Destacan tamén os adventistas (10 templos) e a Igrexa de Xesucristo dos Santos dos Últimos Días (mormóns, 6 templos). E atopamos mesmo catro templos ortodoxos e tres templos da comuñon anglicana.

Hai, ademais, 9 templos budistas, ademais de centros gnósticos, un centro bahaista, un templo da Igrexa Tenrikyo e mesmo un centro druídico

Fóra do cristianismo, a relixión con máis templos en Galicia é a musulmá, con 30 mesquitas moi repartidas por todo o territorio, presentes en 27 concellos.

Hai, ademais, 9 templos budistas, cunha presenza moi destacada en Vigo (5 templos no termo municipal). E, igualmente, funcionan 7 centros gnósticos. Ou 2 sinagogas xudeas, as dúas na Coruña.

A relación complétase con cultos aínda máis minoritarios en Galicia, coma a Igrexa Tenrikyo -relixión nacida no século XIX en Xapón-, cun templo en Cambre. Tamén un templo bahaista -relixión con orixe en Irán- en Outeiro de Rei. E mesmo un centro druídico, con sede en Pontevedra, que acolle a Irmandade Druidica Galaica.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.