Entre un taller de coches e unha gasolineira, nunha das vía principais do polígono coruñés da Agrela, unha pequena nave acolle o denominado centro de adoración Ebenezer, lugar de culto desta rama da igrexa evanxélica. Este antigo almacén de ferraxería e material de calefacción, que traballou ata 2019, abre agora as tardes de xoves, sábado e domingo para as cerimonias relixiosas ás que acoden ducias de persoas.
"Fundamos a primeira igrexa na Coruña en 2011 e a nosa misión é establecelas por toda España; temos tres na cidade, unha en Ferrol e outra en Ribeira", conta Ruddy García, da República Dominicana, pastor e representante do movemento Ebenezer, do que ademais inaugurou delegacións en Bilbao, Madrid ou Barcelona nestes últimos anos.
Varias igrexas evanxélicas ocupan no polígono coruñés da Agrela as naves onde ata hai poucos anos había talleres, almacéns ou restaurantes
O ruído dos coches que repoñen combustible a só uns metros, o dos talleres ou o das cafeterías e restaurantes con menú do día contrastan cos portóns pechados e o silencio dunhas igrexas que cobran vida xusto cando no polígono industrial desaparece a actividade, principalmente nas fins de semana.
Como na nave industrial que a Misión Cristiana Luz a las Naciones, outra igrexa evanxélica, ten a poucos metros, fronte a un laboratorio dental e unha empresa de paquetería e ao carón dun almacén de marisco e doutro de material eléctrico. "Xúntanse moitas persoas aquí nas fins de semana, ás veces mesmo hai autobuses na porta", contan traballadores de negocios veciños sobre o lugar que aínda en 2019 ocupaba un taller de pinturas.
Un pouco máis abaixo, outra gran nave acolle a sede da Iglesia Evangélica Asambleas de Dios, onde algo antes da pandemia había unha empresa de conxelados. A poucos pasos, a igrexa Pentecostal Dios es Amor ocupa parte das instalacións dunha antiga churrasquería. A igrexa cristiá evanxélica Semilla de Vida leva quince anos onde había un taller de rótulos, mentres que a denominada Cuerpo de Cristo, doce nun antigo taller de bordados mecánicos.
O evanxelicalismo é a "relixión maioritaria entre as minoritarias": máis do 60% dos lugares de culto en Galicia que non son parroquias católicas
Así ata os arredor de dez lugares de culto evanxélicos que teñen a súa sede neste polígono industrial, dun total de 38 que hai na cidade, segundo os datos do Observatorio do pluralismo relixioso en España. Foi precisamente na Coruña onde hai xusto agora 150 anos, en 1875, fundouse a primeira igrexa evanxélica en Galicia. No país, a día de hoxe, son xa arredor de 200 rexistradas, ademais das que non saen nas estatísticas.
"É a relixión maioritaria entre as minoritarias", resume Antonio Pazos, presidente do Consello Evanxélico de Galicia. Os datos corrobórano: dos 311 lugares de culto non católicos que hai no país, 196 pertencen ao evanxelicalismo, o 63%. En Vigo, por exemplo, supoñen o 60% (25 dun total de 42 que non son parroquias cristiás) e na Coruña alcanzan o 76%.

A emigración chegada de América Latina explica en boa parte o auxe actual da igrexa evanxélica, que tivo a súa primeira sede en Galicia hai 150 anos
O fenómeno migratorio, especialmente desde América Latina, explica en boa medida o auxe paseniño pero constante nos últimos anos en Galicia do culto evanxélico, que no entanto leva moito tempo implantado. "É obvio porque a fe evanxélica é moi importante en todo o continente americano e a chegada de xente de alí provoca que se abran máis igrexas e que máis persoas participen", conta Pazo, que aclara que o crecemento e a visibilidade non só se explica en número senón en actividade.
"A nosa fe é presencial e practicante, de asistencia regular ás cerimonias e de vida comunitaria", explica. De aí, engade, que as crenzas que noutros casos se limitan á vida privada sexan neste moito máis visibles e activas. Tanto por parte de emigrantes latinoamericanos que impulsan cadansúa igrexa desta rama protestante como daqueles que se unen ás igrexas que levan xa anos establecidas en Galicia.
"Eu son coruñés e galego e levo toda a vida sendo evanxélico", aclara Pazos sobre esta relixión que, a diferenza do catolicismo, basea a autoridade relixiosa de forma exclusiva na Biblia e que se ve envolta na polémica nos últimos tempos por algunhas das súas faccións claramente aliñadas coa extrema dereita en moitos países, aínda que desde o Consello advirten da enorme pluralidade deste credo.
Ruddy García, da igrexa Ebenezer, é dominicano. No polígono da Agrela onde impulsou un dos lugares de culto do seu movemento hai outros moitos exemplos de pastores evanxélicos chegados doutros países de Centroamérica ou Sudamérica, de onde tamén son maioría os fieis. Pero tamén hai congregacións fundadas por relixiosos galegos.
As naves nos polígonos aforran os custos de insonorización que se exixen nos barrios e son máis baratos e máis amplos para as cerimonias
"Temos igrexas en barrios máis céntricos, pero nos polígonos énos máis doado para evitar problemas co ruído. O custo e os problemas de insonorizar un local non se teñen nunha nave e nunha zona onde non hai vivendas", di García para explicar o auxe destes lugares de culto en áreas industriais. Hai máis razóns, como explica Antonio Pazos, do Consello Evanxélico de Galicia, pero na Agrela inflúe o feito de que sexa unha zona pegada ao núcleo urbano da cidade. Neste caso, ademais, linda cos tres barrios con maior porcentaxe de poboación inmigrante, a maioría de Latinoamérica: Agra do Orzán, Sagrada Familia e Os Mallos.
"Para as igrexas é moito máis cómodo estar nas cidades porque o noso traballo faise nos barrios; a fe evanxélica ten moito que ver coa obra social, coa asistencia, con comedores, roupeiros... Pero o prezo do metro cadrado nun polígono é moito máis accesible", explica Pazos.

No polígono da Agrela, unha nave de 500 metros cadrados rolda os 1.500 euros ao mes de alugueiro e unha de 800 pasa ben dos 2.000. As cotas dos fieis adoitan ser suficientes para estes e outros gastos. "As entidades evanxélicas non temos subvencións, agás algunha excepción mínima, pero tampouco as solicitamos. A separación entre Estado e igrexa é fundamental para nós: colaboramos coa sociedade pero o noso financiamento é privado, a través de doazóns e desas cotas dos seguidores", explica Pazos.
No entanto, evitar os problemas de ruído é unha das razóns de máis peso á hora de desprazar os lugares de culto aos polígonos. "En moitos concellos non hai ordenanzas para estes tipos de centros relixiosos, que terían que cumprir en moitos casos os requisitos dun pub ou dunha discoteca", aclara Pazos, que lembra que nunha cerimonia "pode haber 50 ou 60 persoas cantando e tocando á vez durante media hora ou corenta minutos".
"Lóxico que poidamos molestar... E os custos de insonorizar ben supón un investimento demasiado alto. Nos polígonos, ademais de ser máis fácil adaptarse ás normativas, os días do culto xeral, os domingos, non hai ninguén", insiste, ademais de destacar as vantaxes "da accesibilidade ou do aparcamento" para moitos fieis e das facilidades á hora de conseguir espazos amplos e cómodos a prezos razoables.
"En moitos concellos non hai ordenanzas para estes centros relixiosos, que teñen que cumprir os requisitos dun pub ou dunha discoteca"
Velaí a razón de que na Coruña, un dos grandes núcleos urbanos do Estasdo coa superficie máis reducida, os centros de culto evanxélicos tiren cara ás áreas industriais, mesmo de localidades limítrofes como Arteixo. No caso de Vigo, por exemplo, os grandes polígonos non están integrados na cidade, aínda que si resiste o do Caramuxo, con varias empresas do sector auxiliar da automoción ou a farmacéutica Cofano, entre outras, ao lado do barrio de Navia.
Alí, nunha nave situada nunha calella transversal, cada martes e xoves acoden ao culto os fieis da igrexa de Filadelfia, outra rafa evanxélica. “Corresponde principalmente á etnia xitana, que ten unha cultura de seu”, explica Miguel Zapata, membro da xunta directiva do Consello Evanxélico de Galicia e pastor da Igrexa de Deus Pentecostal, que engade que en España existen unha 700 igrexas de Filadelfia, algunha delas en Galicia como é o caso de Santiago, A Coruña, O Porriño ou Tui.

Zapata, orixinario de Sevilla, leva xa 15 anos residindo en Vigo e pastorea unha congregación onde se xuntan arredor de 300 persoas. Preguntado pola tendencia a mudarse aos polígonos, coincide en que se debe á existencia dunha normativa moi exhaustiva que dificulta a posta en marcha de novas congregacións, aínda que o número de crentes evanxélicos está á alza. “Piden uns requisitos de insonorización, como se fósemos discotecas, e póñeno moi costa arriba”, explica. Así, buscar unha nave industrial en desuso pode ser unha boa alternativa. “As naves son diáfanas e moito máis prácticas”, indica.
Zapata lamenta que hai moito descoñecemento da igrexa evanxélica e pon en valor a obra social que levan a cabo. “Cáritas, o Banco de Alimentos e a Cruz Vermella, sábeno ben”, subliña. “Pero se eu vou ao xulgado e quero casar pola igrexa evanxélica todo son problemas, aínda se lles fai un mundo. Hai suspicacias e prexuízos”, detalla.
O auxe evanxélico
Durante a liturxia hai unha parte que son as gabanzas (cantadas), como tamén as hai na igrexa católica. “O catolicismo ten as súas propias construcións e non molestan, pero cando estás nun baixo dun edificio escóitase máis, claro”, di. De aí que se constitúan congregacións en áreas industriais.
Actualmente hai 25 congregacións rexistradas en Vigo, aínda que ben seguro hai máis grupos que se reúnen. Porque a igrexa evanxélica non ten a estrutura da católica e cada congregación ten a súa autonomía. “A igrexa son aqueles que teñen a Cristo no seu corazón e alí onde hai dúas ou tres persoas que se reúnan no seu nome, alí está a igrexa”, puntualiza o pastor do templo de Vázquez Varela. "Hai moita xente que abre un local, dáo de alta e fai alí os seus cultos aínda que non conste como centro relixioso", confirma Pazos desde A Coruña.

O Consello Evanxélico de Galicia calcula que arredor de 80.000 persoas profesan a súa relixión no país
Zapata explica que en Vigo levan máis de cen anos implantados e desde os 80 creceron "ata un 300%, tanto en fieis como en lugares”, aínda que non dispoñen de estatísticas detalladas. Na Coruña, e desde a inauguración do primeiro centro evanxélico hai século e medio, durante máis de 70 anos só houbo unha igrexa deste tipo. Cun mínimo crecemento desde aquela, foi a partir dos 2000 cando templos de diferentes ramas desta relixión foron agromando. Ata roldar os 40.
Pazos explica que os cálculos de Ferede (Federación de Entidades Relixiosas Evanxélicas de España) falan de que, hoxe en día, arredor do 3% da cidadanía no Estado profesa esta relixión. "En Galicia cremos que é unha porcentaxe semellante", di. Arredor de 80.000 persoas, unha cifra que segue a aumentar. En doce anos, os lugares de culto no país pasaron dos 160 aos case 200, sen contar aqueles non incluídos nos datos oficiais.
Desde o primeiro, fundado en 1875 na praza de Pontevedra da Coruña. Unha data que conmemora este ano a comunidade evanxélica de Galicia, que destaca como clave na chegada da súa relixión o vínculo histórico da cidade co Reino Unido: sinalan como fitos o primeiro culto protestante no enterro de John Moore en 1809, a viaxe do escritor inglés George Borrow en 1837 e a chegada dos misioneiros Thomas Blamire e Jaime Wigstone en 1875, que acabaron por impulsar o primeiro lugar de culto evanxélico.
Unha igrexa que, hoxe en Galicia, reivindica un dos seus máis ilustres fieis: Curros Enríquez, membro fundador dunha comunidade evanxélica durante a súa etapa en Madrid.