Marcos Pérez Pena

Unha ducia de carteis e documentos históricos do movemento feminista galego

O Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF) do Consello da Cultura Galega (CCG) vén de poñer en marcha un novo espazo en liña para a difusión dos materiais do Movemento Feminista Organizado en Galicia.O espazo web amosa de momento uns 700 documentos relativos a 12 entidades. A colección integra materiais relacionados con máis de 200 organizacións, que se irán incorporando progresivamente á rede. Repasamos aquí algúns destes materiais, das décadas dos 70, 80 e 90 do pasado século.

  1. 01

    O aborto é un dereito, non un negocio

    O recoñecemento do dereito ao aborto "libre, gratuíto e na rede sanitaria pública" foi unha das grandes batallas (e vitorias) do feminismo dende os anos 70. En 1983 a Coordinadora Feminista de Vigo convocou esta manifectación baixo o lema "O aborto é un dereito, non un negocio".

  2. 02

    Encontros feministas galegos sobor do aborto,

    En 1982 celebrouse a primeira edición dos encontros feministas galegos sobor do aborto, organizados pola Coordinadora Feminista Galega.

    Ata 1985 non se despenalizou o aborto, pero ata o 2010 só se permitía en tres supostos: violacións, malformacións no feto e risco grave para a saúde física ou mental da muller embarazada. 

  3. 03

    Basta xa de violaciós

    Outro dos problemas que sufrían (e sofren) as mulleres e que eran constantemente denunciados polo movemento feminista eran as agresións sexuais e violacións. 

    A Asociación Galega da Muller (fundada en 1976) distribuía este colante a comezos da década dos 80.

  4. 04

    San Violentín

    Folla da Coordinadora Feminista de Vigo, datada en 1980, publicada co gallo do 14 de febreiro, que denuncia as violacións e agresións sexuais. "Non podemos celebrar o Día dos Enamorados mentres sexualidade se identifique con agresión", di o texto que remata chamando "a todas as mulleres a perder o medo, a gañar o día e a noite".

  5. 05

    Manifestarse contra as violacións e un dereito e un deber, non un delito

    As violacións e a súa impunidade legal e social provocaron mobilizacións por parte do feminismo, protestas que nalgún caso foron reprimidas polas forzas de seguridade. 

    Foron moi polémicas, por exemplo, a violación dunha "moza oligofrénica" a cargo dun home de Cerceda de 74 anos, que resultou absolto en primeira instancia "por non estar suficientemente acreditada a comisión do delito". Igualmente, o caso dunha moza violada por axentes de policía en Santiago en 1982. E, así mesmo, outra violación que quedou sen condena polo argumento da "vida licenciosa" da vítima.

  6. 06

    Por un divorcio non discriminatorio para a muller

    Ao feminismo nunca se lle regalou nada, todas as súas conquistas, que foron moitas, tívoas que pelexar e gañar centímetro a centímetro. E despois seguir loitando para evitar calquera tentación de retroceso. A Lei do Divorcio, aprobada en 1981 foi outra desas loitas gañadas. A Asociación Galega da Muller distribuía follas coma esta a finais dos 70 

  7. 07

    Non á OTAN

    "As mulleres decidimos: direito ao aborto, non as violacións, OTAN non". O feminismo implicouse en todo tipo de loitas transversais, na medida en que as reivindicacións laborais, medioambientais ou pacifistas afectaban evidentemente ás mulleres.. Na imaxe, un colante da Coordinadora Feminista Galega de comezos de 1986.

    Como destacou Carme Adán na presentación deste espazo web: “foi e é un feminismo que puxo sobre a mesa preocupacións propias dun tempo, como a sexualidade, o dereito a decidir sobre o noso corpo, o traballo digno ou o divorcio, e que foi profundamente antimilitarista. 

  8. 08

    Ningunha discriminación prá muller

    Nese senso, as reivindicacións económicas e laborais foron tamén clave, en demanda de mellores condicións de traballo e melloras nas condicións materiais de vida das mulleres. 

    Na imaxe un dos primeiros carteis da Asociación Galega da Muller, que botou a andar a comezos de 1976 con núcleos de mulleres de Vigo, Santiago e A Coruña. En poucos meses sumáronse núcleos noutras cidades e vilas. Integraba mulleres independentes e tamén outras con dobre militancia en partidos políticos de esquerda. As primeiras asembleas chegaron a contar coa participación de entre 500 e 800 mulleres. Estiveron implicadas na creación da primeira época da revista Andaina en 1983

    Xa desde 1978, pero sobre todo na década de oitenta a AGM atravesou escisións e rupturas.

  9. 09

    Lesbianas... Por que non?

    Dentro do feminismo organizouse un movemento de reivindicación a prol da visibilidade e do recoñecemento de dereitos para as mulleres lesbianas.

    Na imaxe, un cartel da Coordinadora Nacional de Organizacións Feministas de 1987, chamando á participación na segunda edición dos Encontros Galegos de Feministas Lesbianas.

  10. 10

    Grupos de Mulleres da Universidade: Desobedece!

    Na base de datos hai un gran número de materiais sobre os Grupos de Mulleres da Universidade (GMU). No ano 1983 créanse os primeiros grupos na Facultade de Psicoloxía e pronto se sumaron os de Medicina e Bioloxía. No ano 1984 súmanse os grupos das Facultades de Filoloxía, Dereito, Económicas e Historia.

    Estes grupos tiñan como obxectivo "dar resposta ás actitudes e expresións sexistas, androcéntricas e patriarcais reproducidas por parte do profesorado e do alumnado", a "difusión do pensamento feminista e as súas alternativas", tamén "revisar os contidos académicos desde olladas feministas" e, igualmente, a difusión de información sobre sexualidade, anticoncepción, saúde física e mental, e a organización de debates, charlas, xornadas, recitais, mitins...

  11. 11

    Integrantes dos Grupos de Mulleres da Universidade

    Na imaxe, tamén presente no arquivo, algunhas das integrantes dos GMU. De esquerda a dereita: Maruxa, Anxos Delgado, Xoana, María Xesús Delgado e Isabel Peleteiro caracterizadas de sufraxistas

  12. 12

    A celebración do 8 de marzo

    As manifestacións do 8 de marzo non son só cousa dous últimos anos. Hai varias décadas o movemento feminista xa realizaba convocatorias polo Día da Muller.

    Na imaxe, o cartel da manifestación do 8 de marzo de 1990, convocada polas distintas organizacións do momento feminista galego.

  13. 13

    Festa en Castrelos

    O feminismo historicamente organizouse, protestou, mobilizouse... pero tamén festexou, xuntouse, celebrou... Na base de datos hai moitos carteis e convocatorias para festas e encontros, coma este de Castrelos (Vigo) en 1981, que buscaban celebrar a sororidade e facer comunidade