Unha ducia de finalistas dos Premios Martín Códax, a gran gala da música galega
O vindeiro mércores 27 o Pazo da Cultura de Pontevedra acolle a gala de entrega da 13ª edición dos Premios Martín Códax da Música Galega na que se entregará unha vintena de galardóns a artistas, proxectos e iniciativas de difusión, ademais dun premio honorífico que recoñece a traxectoria de Los Suaves. Velaquí algúns deses nomes (e os seus vídeos) entre os 48 finalistas que se deron a coñecer hai unhas semanas.
-
01A gala
A XIII edición dos galardóns organizados pola asociación Músicas ao Vivo entregará os seus premio o vindeiro 27 de maio no Pazo da Cultura de Pontevedra. A gala será transmitida pola plataforma agalega.gal e na canle de youtube de Músicas Ao Vivo.
Os e as finalistas déronse a coñecer o pasado 6 de maio na tradicional festa celebrada na terraza das Bodegas Martín Códax
O público e os socios e socias de Músicas ao Vivo aínda poden votar os seus proxectos favoritos a través da páxina web oficial ata o 24 de maio. O voto do público contará cunha ponderación do 50% trala selección do xurado.
-
02
Homenaxe a Los Suaves
Entre os protagonistas da gala estarán Los Suaves, Premio Honorífico dos Premios Martín Códax da Música 2026, que recoñecen "non só a dimensión artística" da histórica banda ourensá, "senón tamén o seu impacto cultural, social e emocional na historia recente da música galega".
-
03
Hugo Guezeta
Os premios constan de 19 categorías, 16 delas dedicadas a artistas e proxectos musicais, con tres finalistas por categoría. En total, 48 nomes escollidos por un tribunal profesional de renome formado pola pianista e investigadora artística María Domínguez, a artista Blanca Pereira, coñecida como Rumia, o guitarrista da banda Brutal, Isidro Otero, o xornalista Luis Pardo, e a xestora cultural Marta Horjales.
Na categoría de Músicas Urbanas os proxectos finalistas son Hugo Guezeta Habló Pablo e Lumedoloop
-
04
Alana
Na categoría de Música Folk os proxectos finalistas son Guezos, Abril e Alana
Un dos principais sinais de identidade de Alana é a mestura da música tradicional con ritmos de base electrónica e pop. A formación está a piques de publicar o seu segundo disco, do que xa coñecemos este adianto, unha canción que parte dunha recollida a unhas veciñas de Terroso, unha parroquia do municipio ourensán da comarca de Verín e na que colaboran as Pan Sen Fron nunha caste de rave tradi.
-
05
Galician Army
Na categoría de Electrónica os proxectos finalistas son Galician Army, Kike Varela e Løch
Galician Army, o dúo formado por Alberto Prado e Sergio Vallejo é cada vez máis coñecido pola súa presenza en festivais e as numerosas colabos e remixes con artistas como Grande Amore, De Ninghures, The Rapants, Fillas de Cassandra, Xoel López, Iván Ferreiro, Tanxugueiras ou Bokanka Kostova. Pero tamén por sesións coma esta.
-
06
Antía Muíño
Na categoría de Canción de Autor/a as finalistas son Sangre de Muerdago, Antía Muíño e Zeltia Irevire
Antía Muíño obtivo xa o galardón á mellor artista emerxente nos Premios Martín Códax 2022. Nese ano publicou o seu primeiro disco, Carta Aberta, que tivo continuidade en 2025 co EP Vente vindo/Eu en ti e este mesmo ano 2026 co seu segundo álbum, Anfibia por Veces.
-
07
Lamatumbá
Na categoría de Orquestras e Grupos e Música De Verbena os proxectos finalistas son La Fórmula, Orquestra Bravú Xangai e Lamatumbá
Os ourensáns Lamatumbá foron un dos grandes fenómenos musicais galegos na primeira década do século con catro álbums de estudio e mais outro en directo e himnos como "Licorcafé". O pasado ano deixáronos este novo tema.
-
08
Loita Amada
Na categoría de Rock e Punk os proxectos finalistas son Broken Peach, Stoned At Pompeii e Loita Amada
Loita Amada, o proxecto liderado por Pablo Carracedo AKA Jásper ten xa tres álbums publicados. O último, Resistir é vencer, do pasado ano. Dedicou un dos seus temas máis coñecidos, "O seu puñal", á loita contra Altri.
-
09
Lula Mora
Ademais dos galardóns por xénero musical, os Premios Martín Códax inclúen un recoñecemento a artistas emerxentes. Este ano os/as finalistas son: Lula Mora, Apolo18 e Raze.
Lula Mora é un dúo cun pé en Galicia e outro en Canarias, as terras de orixe das súas dúas integrantes: Sara Caride e Silvia Izquierdo. O pasado ano publicaron o seu primeiro álbum.
-
10As mellores salas
Ademais dos premios a artistas e proxectos musicais, os Premios Martín Códax inclúen outros tres galardóns, os Premios Organistrum, que recoñecen outros actores imprescindibles para a boa saúde do sector musical galegos.
O primeiro deles entrégase cada ano a algunha sala de concertos e este ano as finalistas son a Sala Capitol de Santiago, a Fábrica de Chocolate Club de Vigo e o Krazzy Kray! de Cambados
-
11
Os mellores festivais
Este ano os finalistas ao premio ao mellor festival son o Festival Arteficial de Ribadavia, o Festival Alternativo Millo Verde de Redondela e o Surfing The Lerez de Pontevedra, tres citas afastadas do concepto de macrofestival.
-
12
A mellor comunicación e difusión musical
Finalmente, no premio á mellor comunicación e difusión musical, que todos os anos recoñece proxectos informativos e de crítica, que serven de altofalante para as artistas e bandas do país, este ano os finalistas son Fogar dos Festivais, Galicia En Concierto e A Canle de Rodri Míguez.