Os galardóns, organizados pola asociación Músicas ao Vivo, entregaranse o vindeiro 27 de maio no Pazo da Cultura de Pontevedra. Este mércores déronse a coñecer os 57 finalistas nas súas 19 categorías
Os Premios Martín Códax da Música Galega deron a coñecer na tarde deste mércores os proxectos e artistas finalistas da súa XIII edición, organizados pola asociación Músicas ao Vivo, que se entregarán o vindeiro 27 de maio no Pazo da Cultura de Pontevedra. A gala será transmitida pola plataforma agalega.gal e na canle de youtube de Músicas Ao Vivo.
Son, en total, 48 nomes escollidos por un tribunal profesional de renome formado pola pianista e investigadora artística María Domínguez, a artista Blanca Pereira, coñecida como Rumia, o guitarrista da banda Brutal, Isidro Otero, o xornalista Luis Pardo, e a xestora cultural Marta Horjales.
19 destes proxectos serán galardoados na cerimonia final, poñendo en valor a promoción e dignificación dun sector creativo estratéxico para Galicia.
A partir deste xoves 7 de maio o público e os socios e socias de Músicas ao Vivo, serán quen escolla seus proxectos favoritos e poderá votalos a través da páxina web ata o 24 de maio
A partir deste xoves 7 de maio o público e os socios e socias de Músicas ao Vivo, serán quen escolla seus proxectos favoritos e poderá votalos a través da páxina web ata o 24 de maio. O voto do público, xunto ao das persoas asociadas a Músicas ao Vivo, contará cunnha ponderación do 50% trala selección do xurado.
Á festa de finalistas, celebrada na terraza das Bodegas Martín Códax acudiron os 57 finalistas que pasan á segunda fase de votación ademais de representantes das institucións colaboradoras nestes galardóns. Os Premios Martín Códax da Música están organizados por Músicas ao Vivo, coa colaboración e apoio das Bodegas Martín Códax, Concello de Pontevedra, Axencia Galega das Industrias Culturais-Xunta de Galicia e Deputación de Pontevedra.
Categorías e finalistas
- METAL E HEAVY: Urko, Keepers e Talesien
- CANCION DE AUTOR/A: Antía Muíño, Sangre de Muérdago e Zeltia Irevire
- BLUES, FUNK E SOUL: Sabela Cereijo, Allo Negro e Guilherme Zapata
- ELECTRÓNICA: Galician Army, Kike Varela e Løch
- ROCK E PUNK: Loita Amada, Broken Peach e Stoned at Pompeii
- MÚSICAS URBANAS: Hugo Guezeta, Habló Pablo e Lumedollop
- ORQUESTRAS, GRUPOS E MÚSICA DE VERBENA: Lamatumbá, Orquestra Bravú Xangai e La Fórmula
- MÚSICA CLÁSICA E CONTEMPORÁNEA: Alejo Amoedo, Ensemble Alletamento e María Mendoza
- JAZZ E MÚSICAS IMPROVISADAS: Xan Campos "Amorodios", María Toro e Manuel Cebrián-punctum
- POP E INDIE: Nadadora, Montedapena e Michu da Rocha
- MÚSICAS DO MUNDO E MESTIZAXE: Lidia India, Marta Vidal e Abril Fado Atlántico
- MÚSICA INFANTIL: Paco Nogueiras, Ollo Piollo e Golfiños
- MÚSICA FOLK: Abril, Alana e Guezos
- MÚSICA TRADICIONAL: Unto Vello, Donicelas e Carapaus
- BANDAS DE MÚSICA POPULAR: Banda de Música Municipal de Celanova, Banda Da Escola Municipal De Música De Oleiros e Banda De Música Xuvenil De Torroso
- ARTISTA EMERXENTE: Raze, Lula Mora e Apolo18
- Organistrum COMUNICACIÓN E DIFUSIÓN MUSICAL: Galicia En Concierto, A Canle De Rodri Míguez e Fogar dos Festivais
- Organistrum FESTIVAIS: Festival Arteficial, Surfing the Lerez e Festival Alternativo Millo Verde
- Organistrum SALAS: Sala Capitol, La Fábrica de Chocolate e Krazzy Kray!
Na festa de finalistas, o presidente das Bodegas Martín Códax, Xoán Allegue, salientou “a ilusión de continuar asistindo a esta cita como se fose o primeiro día, vendo como se fortalece e se consolida como un referente imprescindible para a música galega”. Tamén quixo subliñar o recente Premio da Cultura Galega acadado polas bodegas e que “pertence a todas as persoas que fan posible a cultura galega e, de maneira moi especial, á Músicas ao Vivo, compañeira de camiño durante estes trece anos.”
Pola súa banda, Sheila Patricia, presidenta de Músicas ao Vivo, e Xavi Castro, vicepresidente da entidade, manifestaron o traballo realizado dende a asociación para manter estes “premios que son tan significativos para o colectivo e o sector, e que teñen como obxectivo visibilizar e poñer en valor a nosa música.”