A paixón por Los Suaves que vai alén dun concerto

Yosi, de Los Suaves, durante un concerto CC-BY-SA Jorge Madriñán

Non había concerto pero parecíao. O pasado mes de novembro, Los Suaves anunciaban que suspendían o seu recital de despedida en Ourense -a que pretendía ser a última actuación tras unha longa xira de despedida- por mor do estado de saúde do seu cantante Yosi tras unha caída semanas atrás. Previsto para este pasado domingo 17 de decembro, a cancelación de El Juicio Final deixou coas ganas as 9.000 persoas que esgotaran os billetes en quince días. Pero non a todos. Centos de persoas chegadas de todas partes de Galicia e do Estado xuntáronse para homenaxear con diferentes actos o grupo na cidade das Burgas. A zona vella encheuse de gatos, os máis fieis e fanáticos seguidores dunha banda que marcou a vida de tantos. 

Centos de persoas chegadas de todo o Estado xuntáronse esta fin de semana en Ourense para homenaxear a Los Suaves

Martín Alamancos -arzuán de nacemento, criado na Coruña e residente en Compostela- é un deles. Leva máis de cen concertos en vivo de Los Suaves e desde o venres participou en Ourense nos diferentes actos para homenaxear a banda. El, xunto ao seu grupo, ese que formou con vascos, aragoneses ou navarros logo de ducias de experiencias compartidas arredor da banda de rock e que foi un dos tantos de fans que acudiron a Galicia a fin de semana. 

Tino Mojón, batería do grupo, agradeceu o apoio dun grupo que tiña previsto para ese día o seu concerto de despedida

"Empecei a escoitalos hai 25 anos, o disco Suave es la noche no radio-casette dun AX gris de meu curmán; ata 1994 non os puiden ver en directo, no Coliseo da Coruña. Desde aquela, nin un só ano deixei de ir aos seus concertos, unhas veces máis e outras menos, pero sempre", resume Alamancos, que participou nos actos que incluíron unha quedada na praza Los Suaves e unha ruta por aqueles lugares míticos de Ourense que forman parte de portadas ou cancións do grupo. Calcúlase que preto dunhas 500 persoas de fóra de Ourense mantiveron as súas reservas de hoteis e decidiron gozar da fin de semana na cidade malia a cancelación do concerto. 

"Non se vían máis que camisetas co gato, a zona vella encheuse de suaveros e estivemos toda a noite escoitando a súa música porque os bares pincharon o mesmo", explica Martín, cuxo grupo trouxo un agasallo á muller de Yosi, que os acompañou na comida que celebraron. Noutras peñas de afeccionados xuntáronse canarios, cataláns, madrileños... E todos acabaron percorrendo as zonas que cantan nos temas que teñen memorizados. Mesmo Tino Mojón, batería da banda, se achegou a agradecer o apoio aos seus seareiros e a compartir momentos con fans que son como da familia. 

"Lembro moi ben un concerto en Betanzos de hai moitos anos; acabei no camerino falando con Yosi mentres bebía unha botella de auga mineral e aínda gardo a entrada na casa", conta Martín, que compartiu hotel, confidencias e anécdotas con membros dunha banda á que viu en innumerables lugares de Galicia e España pero tamén en capitais como Berlín. E que di que o máis importante é toda a xente coa que compartiu concerto e coa que acabou por facer amizades para sempre. "Ao final iso é o fundamental", insiste. 

Agora que todo son billetes esgotados e masivos concertos de despedida, Martín lembra "os malos anos", aquelas épocas nos que "os concertos eran máis pequenos" e moito menos concorridos. "A algúns daqueles ía eu só, sen ningún colega que quixera vir", conta, "ata que chegou o recital dos 29 años, 9 meses y 1 día en Ourense", en 2010. Moito antes, lembra con nostalxia os recitais da praia de Riazor do grupo que lle fixo a previa aos Ramones. 

"Xuntámonos no concerto que non puido ser, pero que agardamos ansiosos para cando sexa"

Con máis dun cento de concertos ás costas, Martín aínda agarda con impaciencia algún máis e confía en que a despedida de Los Suaves sexa sobre un escenario. Ten fe nunhas últimas actuacións e, sobre todo, nese derradeiro recital en Ourense, onde puido compartir a pasada fin de semana unha paixón compartida por milleiros. A recuperación de Yosi é o que agardan todos estes seareiros. 

"Xuntámonos no concerto que non puido ser, pero que agardamos ansiosos para cando sexa", reflexiona quen sería capaz de reproducir de principio a fin calquera das últimas actuaciónsn do seu grupo preferidos. "Sentimos que tal vez se peche un ciclo que moitos nunca quereríamos que se pechase", di, antes de finalizar: "Sempre Suaves!". 

Seguidores de Los Suaves, en Ourense Dominio Público Praza Pública
Seguidores de Los Suaves, en Ourense Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.