Marcos Pérez Pena

Unha ducia de viaxes para ler a Begoña Caamaño, para ler o mundo

Begoña Caamaño foi unha persoa -e unha autora- con moitas dimensións, cunha intensa actividade en diferentes áreas ademais do seu labor xornalístico e literario. Entre estas dimensións unha moi importante e que decote é relegada a un segundo plano é a de "incesante viaxeira", como destaca Ana Romaní. Un gusto por viaxar como "forma de coñecemento e celebración da diversidade" que explicitou no texto 'Viaxar para ler o mundo. Viaxar para lerme', publicado en Grial, e tamén no programa Andando a Terra que realizou na Radio Galega. De Marrocos a Cuba, de Senegal a China, velaquí un percorrido polas viaxes de Begoña, para quen viaxar era "ler o mundo sen intermediarios".

  1. 01

    Viaxar para ler o mundo. Viaxar para lerme

    Begoña Caamaño finou en outubro de 2014. A entrega de outono da revista Grial dese ano, o número 204, lembrou á autora cunha achega de Chus Nogueira, As fotografías de Begoña Caamaño, que recuperaba un texto que lle solicitara á propia Caamaño para unha obra sobre a "mobilidade feminina na literatura galega".

    O texto comezaba cunha reflexión sobre o feito de viaxar: "viaxar é ler o mundo sen intermediarios; sendo a protagonista da lectura. Viaxar é ler o país, a xente, os sabores, os aromas e as cores dos lugares que visito e, ao tempo, ser consciente de como todos eles inciden en min, como o meu pensamento muda ao me enfrontar, non a través das páxinas do libro, senón en vivo e en directo a outras realidades".

    E remataba dicindo que: "Igual que cando remato un libro, pero de xeito moi máis intenso, cando regreso dunha viaxe son outra persoa: alguén máis sabia e máis humilde"

  2. 02

    Marrocos

    O texto de Caamaño era un percorrido, a xeito de crónica, por seis lugares e seis momentos da súa vida, que ela designaba como "fotografías". "Tentei explicar 
    como me mudan as viaxes valéndome de instantes, a modo de fotografías, 
    fixados na miña memoria, na miña pel e na miña escrita”, engadía nunha nota para Chus Nogueira.

    A primeira fotografía levábanos ao Atlas, a Marrocos, onde a finais dos 80 lle fixera unha foto a "unha muller bérber coa súa vestimenta habitual, cun cántaro na cabeza".

    "A muller vólvese e cúspeme con rabia. Entendín de inmediato: eu, que xa daquela me dicía feminista, trateina coma se fose unha xirafa, unha montaña ou unha mesquita. Cousifiqueina, maltrateina coa miña cámara. O seu cuspe na meixela acompáñame como lección de dignidade"

    Imaxe: Juan Fco. Marrero (CC BY-NC-ND 2.0)

  3. 03

    A Habana

    Na segunda fotografía, Caamaño está na Habana a comezos dos 90, no inicio do duro período especial, onde describe unha festa montada por uns amigos que a acolleran na súa casa. Ela ofrecérase a mercar dous porcos, un para a festa e outro para conxelar, pero os amigos diciden cociñar tamén o segundo porco e convidar a toda a veciñanza.

    "Creo que se afirmo que eramos unhas duascentas persoas aínda quedaría curta. Tiven o inmenso privilexio de asistir, de xeito laico e fermoso, ao milagre dos pans e dos peixes. Ese día aprendín o significado real da palabra xenerosidade e do verbo compartir!

    Imaxe: August Fischer (CC BY-ND 2.0)

  4. 04

    Senegal

    A terceira fotografía, na provincia independentista da Casamanze, en Senegal, lévanos a o ano 1993 e a unha viaxe na que Begoña Caamaño observou "a astucia das mulleres e dos seus xeitos de sobrevivir mesmo nas condicións máis duras". "Sororidade —pensei— sempre tan necesaria", escribe sobre a difícil vida dunhas esposas múltiples nunha relación polígama e as estratexias artelladas por elas en conxunto.

    Imaxe: Kalyss (CC-BY-SA 2.0)

  5. 05

    Cienfuegos

    A mediados dos 90, de novo en Cuba, pero desta volta en Cienfuegos, Caamaño destaca o compromiso dun médico que vai pedalear trinta quilómetros baixo o sol caribeño do mediodía para chegar ao hospital da localidade veciña na procura dunha vacina. 

    "Penso que en Europa ningún médico iría persoalmente dun hospital a outro malia movérense en autos con dirección asistida e aire acondicionado. Emociónome e a palabra vocación adquire para min un novo significado"

    Imaxe: Lezumbalaberenjena (CC-BY-SA 2.0)

  6. 06

    Managua

    En 1997 Begoña Caamaño está en Managua, como observadora internacional 
    pola Fronte Sandinista. Nunha guagua un neno de sete ou oito anos ponse de xeonllos fronte a ela e ofrécese a limparlle os zapatos. Que facer? Abrazalo? Darlle cartos? Aceptar o ofrecemento de limpar os zapatos por unha moeda?

    "Como resolvín o dilema é o de menos, o de máis é o que aprendín nun só instante sobre dignidade versus caridade, traballo fronte a explotación, esmola, solidariedade e xustiza social"

    Imaxe: Sven Hansen (CC-BY-NC-ND 2.0)

  7. 07

    Amsterdam

    A derradeira fotografía é en Europa, en Amsterdam, despois de participar na histórica Marcha Mundial das Mulleres en Bruxelas no ano 2000 (na foto). Na cidade neerlandesa "un home xace inconsciente no chan. A xente dá un pequeno rodeo para non tropezar con el. Ninguén se detén". Mesmo unha ambulancia se nega a darlle asistencia, o que provoca o anoxo de Begoña e as súas amigas.

    "Un dos ocupantes da ambulancia olla para nós con desprezo e retruca: 'Se tanto vos preocupa, levádeo para a vosa casa'. Sinto rabia e medra en min o noxo por esa Europa deshumanizada"

    Imaxe: https://capiremov.org/

  8. 08

    Andando a Terra

    O 4 de xullo de 2010 estrouse na Radio Galega Andando a Terra, o programa de viaxes de Begoña Caamaño, un proxecto moi querido por ela e no que puido afondar nese degoiro por coñecer, percorrer e ler novas culturas.

    "Andando a Terra, un programa para chegar a todos os países, a todos os lugares, a todas as xentes", dicíase no encabezamento do espazo, que abrangueu oito programas de case dúas horas de duración e que chegou ata finais de agosto, cando comezou a tempada de fútbol e a radio recuperou a súa programación habitual.

  9. 09

    De Angola a Alemaña ou Alxeria

    O primeiro programa estivo dedicado en exclusiva a Angola, o primeiro dos 12 países (en orde alfabética) que Begoña Caamaño percorreu neste espazo, que se pode escoitar na web da Radio Galega.

    O segundo programa estaba dividido en dúas partes, unha dedicada a Alemaña e outra a Alxeria.

    Na foto, Lubango (Angola). Imaxe : jbdodane (CC-BY-NC)

  10. 10

    De Albania a Australia

    O terceiro programa tratou sobre un dos países máis descoñecidos de Europa (sobre todo naquel momento), Albania. E, na segunda metade, viaxando ás antípodas, a Australia, "un país que naceu para o mundo occidental como unha condena e que hoxe é coñecido como o país da sorte e das segundas oportunidades".

    Imaxe: Klidjon Gozhina (CC-BY)

  11. 11

    De Arxentina a Acerbaixán ou Bélxica

    O cuarto programa, de novo monográfico, trata outro xigante, desta volta cunha estreita relación con Galicia: Arxentina, que se analiza no espazo tentando "fuxir de lugares comúns".

    O quinto programa dividíase entre Acerbaixán e Bélxica.
     

    Imaxe: ANDY ABIR ALAN (CC-BY-SA)

  12. 12

    De Brasil a Bolivia ou Bulgaria

    O sexto programa dedicouse integramente a Brasil, onde tamén procurou Caamaño ir máis aló dos temas máis repetidos sobre "fútbol, samba e carnaval". Nunha das entrevistas destácanse outras festas populares como as Juninas que se celebran en varios lugares para o San Xoán.

    No sétimo programa os países analizados eran Bolivia e Bulgaria, coma sempre con entrevistas a representantes destes lugares ou persoas expertas, ademais de colaboradoras como Uxía Senlle.

    Imaxe: Rodrigo Soldon Souza (CC-BY-SA)

  13. 13

    China

    O espazo finalizou no oitavo programa, dedicado a China, que xa nese momento estaba a experimentar unha enorme transformación, en camiño ao seu papel de potencia mundial. "Rematamos aquí esta andaina nas tardes do domingo á procura dos tesouros que integran o noso planeta", despedíase Begoña Caamaño.

    Na foto, Hangzhou. Imaxe: David Almeida (CC BY-ND 2.0)