A Xunta merca o seu primeiro eólico: a veciñanza a 1,8 km terá desconto na luz se o pide

A conselleira de Industria, María Jesús Lorenzana, no Consello da Xunta deste luns CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

RDG, empresa impulsada polo Goberno galego para explotar recursos naturais, merca ao Sabadell por 75 millóns 11 aeroxeradores en Trabada

Recursos de Galicia (RDG), empresa privada na que a Xunta participa co 30% do capital xunto con outras firmas galegas, vén de mercar por 75 millóns de euros o seu primeiro parque eólico, o denominado Mondigo, de 11 aeroxeradores entre Trabada e Ribadeo.

O presidente Rueda presentou este paso como o primeiro parque eólico propiedade da Xunta e avanzou que permitirá á veciñanza máis próxima -cifrouna en "500 fogares"- beneficiarse de descontos nas facturas da luz, para o que terá que pedilo expresamente en función da comercializadora de electricidade contratada en cada caso. 

Empresas participantes coa Xunta na sociedade mixta Recursos de Galicia, cun 30% de capital público © Recursos de Galicia

O parque eólico Mondigo, xa en funcionamento con 11 aeroxeradores e 49,5 MW, foi comprado por RDG a unha empresa propiedade do Banco Sabadell por 75 millóns de euros nunha operación "á que tamén aspiraba capital foráneo". Isto é, non é que RDG ou a Xunta convocasen un procedemento público para adquirir un parque eólico á empresa que estivese disposta a vendelo a un menor prezo senón que RDG realizou a oferta que o Sabadell considerou mellor para vender o seu parque eólico nun "proceso competitivo de venda".

Segundo o avanzado este luns polo Goberno galego, para "socializar" os beneficios da enerxía eólica en Galicia haberá unha bonificación da factura eléctrica de "ata o 80%" á veciñanza máis próxima. Será nun radio de 1,8 quilómetros, segundo aclarou a Xunta nun comunicado este luns logo de verbalizar inicialmente tras o Consello da Xunta que serían 2 quilómetros.

A veciñanza máis próxima será beneficiada segundo cal sexa a súa comercializadora de electricidade

Para beneficiarse da bonificación a Xunta habilitará un procedemento de solicitude a través de internet que implicará que as persoas interesadas "terán que subir as facturas de meses anteriores e comprobarase que as vivendas están nese radio". Os descontos aplicaranse "a través das comercializadoras" que decidan colaborar con esta iniciativa da Xunta ou a través da comercializadora propia que está a poñer en marcha RDG. Isto é, se a comercializadora que teña un veciño da zona decide non adherirse á iniciativa da Xunta, o veciño deberá mudar de comercializadora. E se ningunha comercializadora se une á iniciativa, a veciñanza terá que pasar o seu contrato á comercializadora de RDG para beneficiarse dese 80% de desconto. 

Precedente en Muras e petición de Barreiros

A alcaldesa de Barreiros, atravesado pola liña de conexión do parque, reclama que os beneficios se estendan tamén á súa veciñanza

En Galicia o Concello de Muras, o de maior concentración de eólicos do país e gobernado polo BNG, xa viña bonificando a factura da luz da veciñanza de todo o seu termo municipal que así o solicitase. 

Tamén no norte de Lugo, e logo de divulgar a Xunta a compra do parque eólico Mondigo, cos aeroxeradores emprazados en Trabada e Ribadeo pero coa liña de conexión que atravesa Barreiros, a alcadesa deste municipio reclamou este luns que a Xunta estenda os beneficios tamén á súa cidadanía. Ana Ermida, do BNG, así o solicitará a Recurso de Galicia, á que reclamará que os seus beneficios para a sociedade, xa que é unha empresa participada pola Xunta, sexan maiores que os anunciados este luns e se acheguen as acadados por Muras coa súa negociación directa con Iberdrola.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.