O PP rexeita que o Parlamento fiscalice a empresa coa que a Xunta participa en minas e eólicos

O presidente Rueda, a conselleira de Economía, María Jesús Lorenzana, e os empresarios implicados na empresa mixta Recursos de Galicia CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

Os populares presentan como "ilegal" que o Parlamento pida datos a Recursos de Galicia, participada ao 30% pola Xunta, malia que a lei só di que a empresa non ten esa obriga pero non impide que o faga

Que non exista a obriga legal de facer algo non significa que facelo sexa ilegal. Ese principio básico do dereito foi deturpado novamente este venres polo PPdeG no Parlamento de Galicia para negarse a que a Cámara galega poida pedir diversa documentación á empresa Recursos de Galicia, coa que a Xunta participa en minas ou proxectos enerxéticos. Para os populares, como a empresa non ten a obriga legal de facer pública esa información, que o Parlamento lla pida convértese en "ilegal".

Empresas participantes coa Xunta na sociedade mixta Recursos de Galicia, cun 30% de capital público © Recursos de Galicia

Recursos de Galicia é a empresa impulsada polo Goberno galego con outros socios privados para explotar recursos naturais galegos. A participación da Xunta é do 30% e quere que chegue a ser de 30 millóns de euros. Pero como non supera o 50% a lei non a considera unha empresa pública e as súas esixencias de fiscalización pública son menores. 

Malia iso, o Consello de Contas considera que por ser creada por iniciativa pública e contar a Xunta co control das súas decisións, como a súa antecesora Impulsa Galicia disolta este verán, as súas actividades deberan contar coa súa fiscalización. O Goberno galego vense negando, e agora é o PPdeG o que tampouco quere que o Parlamento chegue sequera a pedirlle á empresa que se transparente máis por propia vontade. 

Este venres o PSdeG, co apoio do BNG, defendeu unha proposición non de lei coa que pretendía que o Parlamento instase a Recursos de Galicia a "que remita á Cámara galega" información sobre o seu accionariado, procedementos de selección de persoal, contratacións e auditorías. 

Conclusións do Consello de Contas nas que considera que debe fiscalizar Recursos de Galicia aínda que a participación da Xunta non chegue ao 50% CC-BY-SA Praza Pública

PSdeG, BNG e Consello de Contas reclaman unha maior fiscalización da empresa, na que a Xunta quere investir 30 millóns públicos

Pero o PPdeG non quere nin darlle a oportunidade á empresa de contestar o que considere a esa petición. Segundo o deputado popular Rubén Lorenzo "o que se demanda non é posible por lei, non é cuestión de vontade política, é cuestión de legalidade". Isto é, segundo a súa visión é "ilegal" que o Parlamento galego pida a unha empresa que voluntariamente faga algo ao que non está obrigada. "Non é viable, non é legal e non é serio", insistiu. 

Para Lorenzo, Recursos de Galicia "é unha sociedade privada" por máis que a Xunta queira investir nela 30 millóns de euros, para cuxa fiscalización non ofreceu máis alternativas que as auditorías privadas que encargue a propia empresa.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.