O Goberno galego rexeita expresamente que Recursos de Galicia (RDG), empresa público-privada herdeira de Impulsa Galicia, renda contas ao ente fiscalizador, como este vén pedindo
O 7 de agosto, en pleno verán e a través dunha nota de prensa emitida pola empresa, deuse a coñecer a disolución de Impulsa Galicia, a sociedade público-privada creada en 2021 pola Xunta para promover proxectos industriais que aproveitasen os fondos europeos Next Generation tras a pandemia da COVID-19, entre eles a polémica fábrica de Altri en Palas de Rei. Impulsa Galicia tamén foi a orixe de Recursos de Galicia (RDG), outra empresa público-privada coa que a Xunta está a participar en proxectos enerxéticos e mineiros. Isto é, se Impulsa Galicia quería desenvolver novos proxectos, RDG é o instrumento da Xunta para participar no seu accionariado.
Un mes despois da disolución de Impulsa Galicia, nas primeiras explicacións oficiais que a Xunta dá no Parlamento, o Goberno galego limitouse a repetir o argumento ofrecido pola propia empresa de que "cumpriu o seu propósito". E, igual que se viña negando a que Impulsa Galicia fose fiscalizada polo Consello de Contas, tamén se nega a que o sexa Recursos de Galicia. Nos dous casos salientando que a participación da Xunta nas dúas empresas é inferior ao 50% ao tempo que asegura que é o Goberno galego quen impulsa e controla o funcionamento das dúas sociedades.
A primeira sesión tras o verán da Comisión de Industria do Parlamento de Galicia acolleu este venres varias preguntas da oposición a respecto de Impulsa Galicia e Recursos de Galicia. BNG e PSdeG coincidiron en pedir explicacións pola disolución de Impulsa Galicia, e ademais os socialistas cuestionaron o nivel de participación do 30% da Xunta en Recursos de Galicia. A todas as cuestións deu resposta o secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, Nicolás Vázquez.
O Consello de Contas, ente fiscalizador das administracións públicas galegas, vén reclamando que tanto Impulsa Galicia como Recursos de Galicia se sometan á súa auditoría porque aínda que a participación social da Xunta sexa inferior ao 50% as dúas empresas foron iniciativa do Goberno galego, que ten dereito de veto e designa conselleiros nelas. Pero ao igual que sucedía con Impulsa Galicia, a Xunta tampouco deixará que Contas analice o que fai o seu vehículo ou instrumento de participación en proxectos enerxéticos. "Non compartimos esa interpretación que fai o Consello de Contas", dixo este venres o secretario xeral de Industria no Parlamento.

"Manda truco que unha administración teña que crear un instrumento público-privado para conceptualizar proxectos, eu pensei que os políticos estábamos para iso", di o deputado do BNG José Manuel Golpe
Vázquez remitiuse en todo momento a que a lei non obriga a que empresas con participación pública minoritaria sexan fiscalizadas por Contas, pero non argumentou en ningún momento por que a Xunta non da voluntariamente o paso de transparencia que lle piden tanto o ente fiscalizador como a oposición. Limitouse a engadir que "o control económico e financeiro é feito por unha auditora externa". O secretario xeral tamén volveu negarse a informar do contido do pacto secreto asinado entre Impulsa Galicia e Altri, malia que por parte da primeira empresa o asinante fora o daquela conselleiro de Economía, Francisco Conde.
Nesa falta de transparencia das dúas empresas público-privadas foi no que puxeron o foco o nacionalista José Manuel Golpe e a socialista Patricia Iglesias.
A deputada socialista Patricia Iglesias di que as dúas empresas son unha "estratexia consciente de privatización da política enerxética e mineira"
O deputado do BNG preguntouse "para que creamos un Consello de Contas se non lle imos facer caso?". Para Golpe Impulsa Galicia "non foi un instrumento útil, foi un instrumento opaco, manda truco que unha administración teña que crear un instrumento público-privado para conceptualizar proxectos, eu pensei que os políticos estábamos para iso, que as consellerías estaban para iso".
Pola súa banda, para a deputada do PSdeG a reiterada negativa do Goberno galego a entregar ao Parlamento os expedientes públicos da participación da Xunta nas dúas empresas forma parte dunha "estratexia consciente de privatización da política enerxética e mineira".
O secretario xeral de Industria lembra que Impulsa Galicia "non se creou para obter beneficios senón para poñer en marcha proxectos"
Sobre a disolución de Impulsa Galicia, o secretario xeral limitouse a reiterar, como dicía a nota de prensa divulgada pola empresa o 7 de agosto, que esta chega por considerar os seus socios, incluída a Xunta, "acadados os seus obxectivos fundacionais", coa posta en marcha de Recursos de Galicia, un centro de datos, deixar encarreirado o proxecto de Altri e ante o próximo remate o vindeiro ano dos fondos Next Generation. Vázquez tamén lembrou que a empresa "non se creou para obter beneficios senón para poñer en marcha proxectos".
