O proxecto de Zona Franca para facilitar o crecemento de Stellantis contempla expropiar 29 edificacións e inclúe unha nova estrada e unha zona verde
Zona Franca de Vigo vén de iniciar a avaliación ambiental estratéxica dunha ampliación de 233.000 metros cadrados do seu polígono industrial de Balaídos para facilitar o crecemento da fábrica de Stellantis, que xa ocupa a totalidade do recinto actualmente existente. A ampliación prevé expropiar 29 edificacións na parroquia de Matamá e inclúe unha nova estrada e unha zona verde ao sur da mesma.
O proxecto que agora vén de iniciar a exposición pública para a súa avaliación ambiental sinala que "o polígono de Balaídos alberga na súa totalidade a fábrica de Stellantis, actualmente está ao 100% da súa capacidade, é necesaria a súa ampliación para permitir con folgura o desenvolvemento do sector da automoción viguesa e que poida responder aos retos do mercado internacional. Ademais, esta ampliación permitirá a implantación de fabricantes de compoñentes na zona, provedores...".
A ampliación executarase en dúas fases, priorizando os usos industriais para despois acometer a nova estrada e habilitar a zona verde
A ampliación realizarase cara ao sur, sobre a parroquia de Matamá, abarcando 233.000 metros cadrados, 23 hectáreas, das que 10,7 serán para usos industriais, 3,9 serán empregadas para abrir unha nova vía de comunicación perimetral do polígono e 7,6 quedarán como zona verde ao sur desa nova estrada como "unha especie de cinto verde". A actuación dividirase en dúas fases, unha primeira para a zona industrial pegada á xa existente ao norte do novo viario e unha segunda fase para a execución do viario e a zona verde ao sur.
A actuación requirirá da derruba de 29 edificacións "principalmente de uso residencial", que serán expropiadas. O proxecto prevé "un prazo máximo para o inicio das obras de 5 anos desde a aprobación definitiva" do plan urbanístico agora a avaliación ambiental e "un prazo máximo de 8 anos para a finalización das obras da primeira fase".