A Audiencia de Barcelona dá a razón a un pequeno empresario galego fronte a construtora Copcisa nun longo preito que revela a falta de supervisión das subcontratas no consorcio vigués
A Audiencia de Barcelona vén de poñer fin a un longo preito establecendo que a construtora Copcisa debe pagar 560.000 euros a unha pequena empresa galega. É Acende Enerxía SL, á que subcontratou a totalidade duns traballos que á súa vez lle adxudicara Zona Franca de Vigo malia que esta limitara as posibles subcontratacións ao 60% do total.
Ante a falta de pago, Acende Enerxía acabou en concurso de acredores e a xustiza vén de darlle a razón nunha serie de resolucións que constatan que Zona Franca encargara unha obra "considerablemente complexa" sen definila completamente. E sen controlar que a súa adxudicataria, Copcisa, non subcontratase máis do 60% e sen sancionala despois por facelo.

A orixe do caso agora resolto pola Audiencia de Barcelona está na decisión de Zona Franca de Vigo de realizar unha obra de mellora enerxética nas naves propiedade do consorcio que ocupa a fábrica de Peugeot Citröen Automóviles España SA (PCAE SA), hoxe Stellantis, que sería a beneficiaria final dos traballos. O contrato foi adxudicado a Copcisa por 1.199.841,16 euros e nos seus pregos de condicións prohibíase de xeito expreso que esta puidese subcontratar máis do 60% da obra.
Porén, en abril de 2017 Copcisa subcontratou, segundo a Audiencia de Barcelona, "a execución material da totalidade da obra" con Acende Enerxía por 1.146.656,93 euros, case a totalidade da adxudicación que recibira
Durante o desenvolvemento dos traballos houbo todo tipo de discrepancias entre as dúas empresas e Copcisa deixou de pagar a Acende Enerxía, cuxo persoal chegou a manifestarse ás portas da fábrica. O prego de condicións de Zona Franca a capacitaba para “comprobar o estrito cumprimento dos pagamentos que o adxudicatario ha de facer a todos os subcontratistas ou subministradores”, unha “obriga” cuxo incumprimento permitía ao Consorcio non pagar á adxudicataria os importes que esta adebedase aos subcontratistas e penalizala a maiores cun 1% dese importe. Pero Zona Franca non o fixo.
O pequeno empresario querelouse contra cargos de Zona Franca, Copcisa e PCAE por estafa, falsidade documental, prevaricación e delito contra a seguridade dos traballadores, pero esa vía penal acabou arquivada a finais de 2018 pola Audiencia de Pontevedra, que non viu delito malia si constatar o "déficit na vixilancia da execución de obra" por parte de Zona Franca.
Zona Franca non penalizou nin que Copcisa subcontratase máis do que debía, nin a demora dos traballos que lle adxudicou
Pechada a vía penal, a causa seguiu na mercantil, con reclamacións cruzadas entre Copcisa e Acende Enerxía, neste caso en xulgados cataláns por estar alí a sede da primeira. Nunha primeira sentenza o xulgado de Primeira Instancia número 39 de Barcelona condenou a Copcisa en outubro de 2021 a pagar 856.000 euros máis xuros a Acende Enerxía polos traballos que executou e non cobrara.
Copcisa recorreu e en maio do pasado ano a Audiencia de Barcelona estableceu a cantidade final en 560.000 euros, pero ratificou o fundamental dos feitos probados. Ante esa condena Copcisa presentou unha petición de aclaración ante a mesma Audiencia de Barcelona e esta vén de rexeitala nun auto asinado o 20 de xaneiro que di que "non hai ningún concepto escuro na sentenza que poda obstaculizar ou dificultar a súa executividade".

E o que di esa sentenza, entre outras cuestións, é que "non consta" que Zona Franca requirise a Copcisa por subcontratar máis do 60% do traballo que lle encargara, "que se incoase expediente algún por este motivo nin tampouco que se lle aplicase ningún tipo de sanción".
A sentenza tamén deixa constancia da "indefinición" dos traballos que contratara Zona Franca, unha obra "considerablemente complexa" cuxa definición deixou en mans dunha posterior enxeñaría de detalle con modificacións impostas por PCAE que deberon asumir as empresas, o que acabou elevando o custo e duración.
A Audiencia de Barcelona deixa aberta a porta a que Copcisa poida reclamar a PCAE, hoxe Stellantis, beneficiaria final da actuación, "polos aumentos de obra non contemplados no proxecto"
Sobre o aumento do custo, a sentenza deixa aberta a porta a que Copcisa poida dirixir unha reclamación "contra PCAE polos aumentos de obra non contemplados no proxecto". E sobre a demora dos traballos, a sentenza sinala que Zona Franca informou a Copcisa de que lle tramitaría un procedemento de penalización, pero a Audiencia de Barcelona constata que "esta penalización non lle foi finalmente aplicada a Copcisa". Unha empresa que á súa vez facía responsable da demora a Acende Enerxía, pero a xustiza di que "o incumprimento por parte de Copcisa do abono dos sobrecustos da obra a inhabilita por tanto para apelar o incumprimento de Acende". Un impago, di a Audiencia de Barcelona xusto a continuación, que abocou a Acende Enerxía "a unha situación de insolvencia que xerou unha situación de conflito cos seus traballadores".