A Audiencia de Pontevedra constata que Zona Franca non controlou unha subcontrata, pero non ve delito

Protesta de traballadores da subcontrata Acende contra Copcisa fronte á fabrica de Peugeot-Citroën na Zona Franca Dominio Público Praza Pública

O consorcio público vigués adxudicou unha obra de 1,2 millóns á construtora Copcisa coa condición de que esta non subcontratase máis do 60%, pero chegou ao 100%. A subcontrata acabou en concurso e querelouse pero o tribunal considera que a irregularidade non chega a prevaricación.

A Zona Franca de Vigo non controlou que a construtora Copcisa, adxudicataria dunha obra de mellora enerxética da fábrica de Peugeot-Citroën por 1,2 millóns de euros, non subcontratase máis do 60% deses traballos, requisito que establecera nos seus propios pregos de condicións. Así o di a Audiencia Provincial de Pontevedra, que non obstante non ve delito na actuación do Consorcio público vigués, denunciada por unha pequena empresa da cidade subcontratada por Copcisa, Acende Enerxía, que entrou en concurso de acredores tras discrepancias coa construtora polo pagamento deses traballos. 

Hai case un ano Acende Enerxía querelouse contra cargos de Zona Franca (incluída a súa daquela delegada do Estado, a popular Teresa Pedrosa), Copcisa e Peugeot Citroën Automóviles España (PCAE) por estafa, falsidade documental, prevaricación e delito contra a seguridade dos traballadores. Copcisa non pagaba a Acende Enerxía o que esta lle reclamaba tras subcontratar con ela a totalidade dos traballos que lle adxudicara Zona Franca malia que o prego de condicións llo limitara ao 60%. O pequeno empresario argumentaba que houbera un “plan preconcibido” coa complicidade de Zona Franca e PCAE (beneficiaria final das obras nas naves do consorcio que ocupa a súa fábrica) con Copcisa para que as tres obtivesen un “enriquecemento inxusto” tras varias modificacións do proxecto inicial que ao seu ver era irrealizable polo importe contratado. 

Fábrica de Peugeot-Citroën no recinto da Zona Franca de Vigo e fragmento da querela Dominio Público Zona Franca e Praza Pública

O tribunal remite as discrepancias entre as empresas da xurisdicion penal á mercantil, onde están pendentes de resolverse

Un primeiro xulgado decidiu arquivar a querela e posteriormente a Audiencia de Pontevedra avalou esa decisión por considerar que as irregularidades cometidas non teñen a consideración de delito, remitindo as discrepancias entre as empresas da xurisdición penal á mercantil, onde están pendentes de resolverse. O delito contra a seguridade dos traballadores, denunciado por Acende Enerxía por entender que as instalacións executadas non quedaran correctamente legalizadas e podían afectar aos empregados de Peugeot-Citroën que alí traballan, é desbotado pola Audiencia remitíndose á decisión da Fiscalía de non exercer acusación “ao estimar que a Inspección de Traballo se mostrara conforme coa documentación presentada polo Consorcio”.

“O feito de que o contrato non permitira a subcontratación do 100% da obra e que aínda así se concertase toda a obra con Acende non pode configurarse como un engano", di a Audiencia

Canto aos delitos de estafa e prevaricación, a Audiencia considera que Acende Enerxía era consciente das condicións de subcontratación que estaba a asinar con Copcisa, malia que estas non estivesen permitidas polo prego de condicións previo de Zona Franca. “O feito de que o contrato non permitira a subcontratación do 100% da obra e que aínda así se concertase toda a obra con Acende non pode configurarse como un engano desde o mesmo momento en que esta empresa se comprometeu a realizar unha obra e debía saber que se correspondía coa totalidade da prevista”, di o tribunal. 

Fragmento do prego de condicións de Zona Franca que regula as subcontratas CC-BY-SA Praza Pública

O tribunal considera que a actuación de Zona Franca non pasou de “un déficit na vixilancia da execución do contrato de obra celebrado, por non afondar nas relacións entre contratista e subcontratista e no desenvolvemento correcto de dito contrato"

“Tampouco se aprecia a concorrencia [...] dos elementos propios da prevaricación, polo feito de que os empregados ou funcionarios de Zona Franca non reaccionasen ante esas deficiencias na contratación ou do proceder irregular de Copcisa”, engade o auto, que lembra que ese delito require demostrar que a actuación deses funcionarios foi arbitraria. Pola contra, o tribunal considera que a actuación irregular de Zona Franca non foi delitiva senón que non pasou de “un déficit na vixilancia da execución do contrato de obra celebrado, por non afondar nas relacións entre contratista e subcontratista e no desenvolvemento correcto de dito contrato, supostos que non poden ser incardinados no delito de prevaricación administrativa”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.