A Xunta paraliza a súa vía da Costa Norte ata que o Estado complete a Autovía da Mariña

Imaxe de Viveiro e resposta oficial da Xunta ao Parlamento sobre a vía da Costa Norte CC-BY-SA Imaxe: Xunta de Galicia - Montaxe: Praza Pública

O Goberno galego comunica oficialmente ao Parlamento que "para a planificación da VAC Costa Norte por parte da Xunta ten que estar completa a Autovía da Mariña, A-74, por parte do Goberno do Estado"

O programa electoral co que Alberto Núñez Feijóo chegou á presidencia da Xunta en 2009 prometía ter "en servizo en 2012" unha autovía duns 80 quilómetros entre Ferrol e San Cibrao. Máis de 16 anos despois só están en funcionamento dous treitos illados de corredor, non de autovía, que suman 16 quilómetros. E agora o Goberno galego vén de comunicar oficialmente ao Parlamento que esa infraestrutura queda para o "medio prazo" e que "para a planificación da VAC [vía de alta capacidade] Costa Norte por parte da Xunta ten que estar completa a Autovía da Mariña, A-74, por parte do Goberno do Estado".

Resposta oficial da Xunta ao Parlamento sobre a vía da Costa Norte CC-BY-SA Praza Pública

A vía da Costa Norte entre Ferrol e San Cibrao xa estaba na planificación de infraestruturas realizada hai un cuarto de século por Xosé Cuíña e foi incluída polo Feijóo conselleiro de Fraga no Plan Galicia de infraestruturas da Xunta prometido tras o afundimento do Prestige

Feijóo recuperouna como autovía no seu programa de 2009, pero só sería quen de abrir dous treitos, a circunvalación de Ortigueira en 2013 e outro entre Viveiro e San Cibrao en 2017, os dous iniciados polo goberno de coalición de PSdeG e BNG.

Da "autovía" de 80 quilómetros entre Ferrol e San Cibrao prometida por Feijóo só están en servizo 16 quilómetros de corredor cun carril por sentido

Tras eses 16 quilómetros, a Xunta decidiu priorizar outras actuacións de mellora de estradas convencionais de Ferrolterra, Ortigueira e A Mariña. Pero Feijóo aínda volvería incluír a vía da Costa Norte na súa proposta de Pacto de Estado por Ferrol formulada en 2021. A partir dese momento, a estratexia da Xunta pasou por contestar ás críticas polas súas demoras facendo ver que tamén o Estado está a demorar a autovía da súa competencia (A-74) que pecharía a conexión do norte entre San Cibrao e Barreiros, onde enlazaría coa Autovía do Cantábrico (A-8).

Feijóo na inauguración en 2017 do segundo e último treito da vía da Costa Norte, entre Celeiro e San Cibrao © Xunta

Pero agora o Goberno galego dá un paso máis e condiciona non xa as obras senón a mera "planificación" da súa vía de alta capacidade a que o Estado teña "completa" a súa autovía. Así o comunica oficialmente ao Parlamento en resposta a varias preguntas que formulou o BNG, que deixa sen contestar. A formación nacionalista inquiría sobre o grao de execución actual da vía Ferrol-San Cibrao, a execución do orzamento deste 2025, cando prevé a Xunta ter a conexión Ferrol-Ortigueira ou cando prevé finalizar por completo todo o recorrido Ferrol-San Cibrao. 

A "curto prazo" a Xunta só vai mellorar as estradas convencionais e a vía de alta capacidade queda para o "medio prazo"

Na súa resposta o Goberno galego nada responde a esas cuestións limitándose a enumerar outras actuacións en estradas convencionais. Segundo sinala, a vía da Costa norte queda para o "medio prazo", "no marco dunha estratexia pola que a Xunta apostou centrada a curto prazo na mellora da rede de estradas en Ferrolterra, Ortegal e Mariña".

Programa de Feijóo en 2009 no que fixaba para 2012 o remate dunha vía anunciada xa por Cuiña Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.