Un pequeno empresario querélase por estafa contra cargos da Zona Franca de Vigo, Citroën e Copcisa por unha obra non cobrada

Fábrica de Peugeot-Citroën no recinto da Zona Franca de Vigo e fragmento da querela Dominio Público Zona Franca e Praza Pública

Denuncias por impago entre empresas por discrepancias sobre os traballos realizados son habituais, e dirímense na xurisdición mercantil ou civil. Non é tan común que unha pequena empresa se querele pola vía criminal por estafa, apropiación indebida, falsidade documental, prevaricación e delito contra a seguridade dos traballadores contra firmas tan grandes como Peugeot-Citroën e a construtora Copcisa e unha administración pública como o Consorcio da Zona Franca de Vigo. “Estamos na rúa porque Zona Franca non controla as subcontratas que fan as súas adxudicatarias”, di Breogán Rodríguez, propietario de Acende Enerxía, subcontratada por Copcisa tras gañar esta un concurso da Zona Franca para renovar caldeiras nas instalacións dese consorcio en Vigo que ocupa a fábrica de automóbiles. 

“Estamos na rúa porque Zona Franca non controla as subcontratas que fan as súas adxudicatarias”, di o propietario dunha firma á que a construtora encargou traballos na fábrica de automóbiles no recinto do consorcio vigués

O empresario denuncia que Copcisa non lle paga traballo e material que el xa executou coa complicidade de Zona Franca e Peugeot-Citroën, o que o aboca ao peche tras ter que despedir nos últimos meses á maioría dos seus traballadores. O pasado luns presentou nos xulgados de Vigo unha querela criminal de 70 páxinas, acompañada de centos de folios máis de peritaxes e documentación sobre os feitos que denuncia, polos anteditos delitos contra Copcisa e Peugeot Citroën Automóviles España (PCAE), así como contra 15 persoas (7 cargos de Zona Franca, entre eles a súa máxima responsable, a delegada do Estado Teresa Pedrosa, 4 de Copcisa, 1 de PCAE e 3 técnicos que elaboraron o proxecto). As tres entidades negan irregularidades, mentres que a Consellería de Industria, que debe autorizar a instalación enerxética, se desentende da cuestión.

A Zona Franca de Vigo (consorcio no que están presentes administracións estatais e locais, a autoridade portuaria ou organizacións empresariais, entre outros) contratou o ano pasado a través dun concurso público á empresa Copcisa para executar nas súas instalacións de Balaídos que ocupa desde hai décadas a fábrica de Peugeot Citroën a obra “Adaptación de los sistemas de producción y distribución para la mejora energética de la industria PCAE S.A., consistente en la instalación de varias calderas de gas, de tubos radiantes de gas y de dos calderas de agua sobrecalentada”. A actuación, licitada por 1,53 millóns, foi adxudicada por case 1,2 millóns.

Copcisa subcontratou a Acende Enerxía, que argumenta que tras realizar boa parte da instalación asumindo o custo a través de préstamos, foi apartada antes da autorización de posta en servizo e sen cobrar

Á súa vez Copcisa subcontratou a Acende Enerxía, que argumenta que tras realizar boa parte da instalación entre maio e outubro do ano pasado asumindo a través de préstamos o custo dos materiais e da incorporación de máis persoal, foi apartada dos traballos antes da autorización de posta en servizo das instalacións e sen cobrar. Tras prohibírselle entrar na fábrica sen que a obra estivese rematada, o propietario de Acende Enerxía denunciou ante a policía que non se lle facilitase acceso para recoller o seu material e ferramentas. Tamén formulou denuncias ante inspección de traballo e a Consellería de Industria polo risco que poderían estar correndo os traballadores da fábrica se esas instalacións non están correctamente rematadas e autorizadas, legalización que só podería realizar Acende Enerxía como instalador das mesmas, polo que na querela xudicial agora imposta se engade o presunto delito contra a seguridade dos traballadores.

Protesta de traballadores de Acende contra Copcisa fronte á fabrica de Peugeot-Citroën na Zona Franca Dominio Público Praza Pública

Os sindicatos CIG e CUT xa amosaron a súa preocupación pola situación das instalacións enerxéticas tanto ante Traballo como ante Peugeot-Citroën e apoiaron as protestas dos traballadores afectados pola situación da empresa

Os sindicatos CIG e CUT xa amosaron a súa preocupación pola situación das instalacións enerxéticas tanto ante Traballo como ante Peugeot-Citroën e apoiaron as protestas que os traballadores afectados pola situación en que agora queda Acende Enerxía realizaron a finais do pasado ano ante as portas da fábrica.

Segundo a tese que sostén o propietario de Acende Enerxía, “Copcisa actúa indiciariamente cun claro obxectivo defraudatorio, para provocar a quebra de Acende e evitar o pagamento dos subministros e traballos realizados”, o que á súa vez, lembra, afecta tamén a medio cento de empresas provedoras súas que tampouco poderían cobrar. O empresario argumenta que o que considera un “plan preconcebido” se realizou coa complicidade de Zona Franca e PCAE con Copcisa para que as tres obtivesen un “enriquecemento inxusto” tras varias modificacións do proxecto inicial que ao seu ver era irrealizable polo importe contratado.

 

O prego de condicións licitado pola Zona Franca prohibía de xeito expreso que a adxudicataria puidese subcontratar máis do 60% do total da obra e regulaba o control do Consorcio sobre as subcontratas

O prego de condicións licitado pola Zona Franca prohibía de xeito expreso que a adxudicataria puidese subcontratar máis do 60% do total da obra. Porén, Acende Enerxía argumenta que “Copcisa subcontratou a totalidade da obra que se ía executar por unha cantidade lixeiramente inferior á do contrato de adxudicación pública, 1.199.841,16 euros, sendo o contrato con Acende de 1.146.656,93 euros”, e achega documentación que así o probaría. Ademais, o prego de condicións de Zona Franca tamén a capacitaba para “comprobar o estrito cumprimento dos pagamentos que o adxudicatario ha de facer a todos os subcontratistas ou subministradores”, unha “obriga” cuxo incumprimento permite ao Consorcio non pagar á adxudicataria os importes que esta adebede aos subcontratistas e penalizala a maiores cun 1% dese importe.

Fragmento do prego de condicións de Zona Franca que regula as subcontratas CC-BY-SA Praza Pública

Versións de Zona Franca, PCAE e Copcisa

Zona Franca asegura que ten no seu poder “unha declaración xurada de Copcisa na que a empresa manifesta que non subcontratou máis do 60%”

Zona Franca, en respostas a este diario, asegura que ten no seu poder “unha declaración xurada de Copcisa na que a empresa manifesta que non subcontratou máis do 60%” e que a construtora tamén lle asegurou “que está ao corrente de pago cos seus subcontratistas”. O Consorcio tamén di que “inspección de traballo xa comprobou in situ e dixo que estaba todo correcto” e que xa presentou toda a documentación necesaria para autorizar a instalación ante a Consellería de Industria. Zona Franca limita o sucedido a “un conflito entre dúas empresas, para iso están os xulgados”.

Peugeot Citroën di que é "mero usuario dunha instalación cuxa promoción e concurso público foi realizado pola Zona Franca, e non nos consta que esta instalación plantexe problemas de seguridade ou legalidade”

Consultada sobre este conflito, a fábrica contesta que o grupo Peugeot Citroën “é mero usuario dunha instalación cuxa promoción e concurso público foi realizado pola Zona Franca, e non nos consta que esta instalación plantexe problemas de seguridade ou legalidade”.

Na súa denuncia o empresario tamén salienta o feito de que a actuación pagada por Zona Franca beneficie a unha empresa privada como Peugeot Citroën, algo que tamén critica o sindicato CUT, que ademais de preocuparse pola seguridade das instalacións sinala como habitual que o consorcio introduza con cartos públicos melloras nas súas instalacións que acaban supoñendo melloras ou aforros nos procesos produtivos de PCAE.

Copcisa nega "ningún perigo" das instalacións e limita o conflito a unha discrepancia entre dúas empresas sobre o custo dos traballos realizados que deixa en mans dos tribunais

Desde Copcisa, un responsable da empresa en Galicia limita o conflito a unha discrepancia sobre o custo e o pagamento dos traballos realizados para ela por Acende Enerxía que deixa en mans dos tribunais. O cargo da construtora nega que a subcontrata realizase tanto traballo como di e que superase o 60% do total e explica que Copcisa recorreu a Acende mentres o seu propio persoal remataba outras actuacións de xeito que unha vez que se liberou e o puido dedicar á obra na fábrica de PCAE, prescindiu da subcontrata. Sobre a situación das instalacións enerxéticas, o representante de Copcisa insiste en que non supoñen “ningún perigo” porque “ata que se rematan non entran en funcionamento” senón que previamente estiveron “en probas”.

Esa entrada en funcionamento definitiva debera ser autorizada pola Consellería de Economía e Industria, á que este diario preguntou varias veces por este conflito desde o pasado 17 de abril sen obter ningunha resposta.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.