En Galicia hai uns 213 mil traballadores e traballadoras por conta propia, que representan case o 20% das persoas con emprego, o que converte o noso país na segunda comunidade autónoma, só por detrás de Baleares, cun maior peso dos autónomos e autónomas
En Galicia hai uns 213 mil traballadores e traballadoras por conta propia, que representan case o 20% das persoas con emprego (o 19,4%). Isto converte o noso país na segunda comunidade autónoma, só por detrás de Baleares (e cos mesmos datos de Estremadura, Castela-A Mancha e Castela e León), cun maior peso dos autónomos e autónomas, claramente por riba da media do Estado (16,1%). O 60% son homes e a súa media de idade é elevada, pois dous de cada tres (o 66%) teñen 45 anos ou máis.
Os traballadores e traballadoras autónomas son básicos no funcionamento da economía, pero a súa situación en moitos casos non é doada, como o demostran algúns indicadores que hai uns días recompilou o Instituto Galego de Estatística. Por exemplo, no que atinxe á súa taxa de supervivencia, é dicir, a porcentaxe de autónomos e autónomas que continúan a selo un ano, dous anos ou tres anos de se dar de alta no sistema.
Os traballadores e traballadoras autónomas son básicos no funcionamento da economía, pero a súa situación en moitos casos non é doada. Apenas o 55% das persoas que inician a súa actividade seguen dadas de alta un ano despois
En Galicia, aínda que o 67,5% dos autónomos levan un mínimo de cinco anos en alta laboral con este tipo de afiliación, existe un número moi elevado de persoas que abandonan a súa actividade despois dun tempo breve, ou que se dan de alta de maneira intermitente. Os datos do IGE amosan que a finais de 2022 só seguían a ser autónomos pouco máis da metade das persoas que estaban dadas de alta un ano antes (o 55%).
Esta taxa de supervivencia a un ano vén manténdose estable nos últimos anos, movéndose entre o 47,9% de 2016 e o 55,8% de 2021, o seu nivel máis elevado, que se mantivo un ano despois. A taxa de supervivencia a dous anos é do 44% e a tres anos baixa ata o 36%.
O número anual de altas no réxime de autónomos amosa unha tendencia á baixa, pasando de superar claramente as 30 mil entre os anos 2013 e 2018 (chegando a 36.500 en 2014) a moverse ao redor dos 25 mil nos últimos anos
O número anual de altas no réxime de autónomos amosa unha tendencia á baixa, pasando de superar claramente as 30 mil entre os anos 2013 e 2018 (chegando a 36.500 en 2014) a moverse ao redor dos 25 mil nos últimos anos.
Entre os problemas que presenta unha proporción significativa dos traballadores autónomos é a súa precariedade económica, que moitas veces procede da irregularidade dos seus ingresos. No ano 2022, a base media deste colectivo en Galicia situouse nos 1.212 euros ao mes, sendo 122 euros superior no caso dos homes ao das mulleres en media (1.263 para o sexo masculino e 1.141 para o feminino).
Máis da metade (o 55%) das persoas que estiveron afiliadas en alta laboral ao Réxime Especial de Autónomos en Galicia en 2022 cotizaban á Seguridade Social polo valor mínimo (960,6 euros)
As normas de cotización ao Sistema da Seguridade Social establecen cada ano uns valores mínimo e máximo que determinan os límites da cotización mensual das persoas que traballan por conta propia. En 2022, este valor mínimo situouse en 960,6 euros ao mes, que coincide precisamente co valor mediano.
A estatística do IGE amosa que máis da metade (o 55%) das persoas que estiveron afiliadas en alta laboral ao Réxime Especial de Autónomos en Galicia en 2022 cotizaban á Seguridade Social polo valor mínimo. Outro 28% tiña unha base de cotización entre eses 960,6 euros e 1.441 euros, sumando polo tanto un 73% con ingresos por debaixo desta cantidade.
No sector primario o 70% cotiza polo valor mínimo
Hai grandes diferenzas en función do sector de actividade do traballador ou da traballadora por conta propia. Así, no sector primario a proporción de persoas que cotizan polo valor mínimo fixado na normativa sitúase no 70,1% do total. Pola contra, na industria esta porcentaxe baixa a 37,8% e na construción ata o 45%.
O comercio polo miúdo (13,1%), o sector agrogandeiro (10,6%) e os servizos de comida e bebida (8,9%) encabezan as afilacións ao réxime de autónomos en Galicia
En que sectores traballan estes autónomos e autónomas galegas? Os datos do IGE amosan unha gran diversidade de actividades, encabezadas polo comercio polo miúdo (13,1%) e traballos no sector agrogandeiro (10,6%), por diante dos servizos de comida e bebida (8,9%). A construción suma unha porcentaxe importante, dividida entre labores de construción especializada (8,7%) e construción de edificios (3,8%). O sector do transporte suma o 4,8% dos traballadores autónomos galegos e a pesca e marisqueo o 3,9%.
Concellos con grande importancia do sector agrogandeiro (Triacastela, Paradela, Dozón...) ou localidades costeiras con moitos traballadores do sector pesqueiro e marisqueiro (A Illa de Arousa, Fisterra ou Camariñas) son as zonas con maior peso dos autónomos
A proporción de traballadores e traballadoras autónomas sobre o total das persoas afiliadas varía tamén entre unhas zonas e outras de Galicia, sobre todo en función do peso que neste lugares ten a actividade agrogandeira e a pesqueira e marisqueira. Así, os concellos con máis persoas no réxime de autónomos son, ou ben concellos interiores con grande importancia do sector agrogandeiro (Triacastela, Paradela, Dozón, Rodeiro, Portomarín, A Pastoriza, Láncara, Baleira ou Samos) ou localidades costeiras con moitos traballadores do sector pesqueiro e marisqueiro (A Illa de Arousa, Fisterra ou Camariñas), todos por riba do 40%.
En cambio, a porcentaxe cae ata o 15% en localidades das áreas urbanas nas que predominan as actividades terciarias, como Culleredo, Ares, Arteixo, Narón, Ames ou A Coruña.