O pasado foi o primeiro ano sen a bonificación do 95% do IBI de que desfrutaba desde o franquismo, polo que pasou de pagar medio millón a 7,6 millóns, unha moi pequena parte dos 210 millóns ingresados por peaxes
2024 foi o primeiro ano en que Audasa tivo que pagar aos concellos polos que pasa a totalidade do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI), tras o remate da bonificación do 95% que desfrutaba desde o franquismo. Aínda así, nese exercicio a concesionaria da AP-9 volveu bater o seu récord de beneficios, con 90 millóns de euros, un 9,32% máis que os 83 millóns de beneficios de 2023. Así o vén de comunicar a empresa á Cominisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV).
Segundo Audasa, o pagado por IBI en 2024 ascendeu a 7,6 millóns de euros, fronte ao menos de medio millón de euros que viña pagando en anos anteriores. Aínda así, a cifra é unha moi pequena parte tanto dos seus ingresos por peaxes -210 millóns de euros en 2024, un 9% máis que o ano anterior- como dos seus beneficios antes -120 millóns- e despois de impostos -90 millóns-.
O aumento dos beneficios é máis do dobre que o aumento do tráfico, do 4%
A información divulgada este venres permite comprobar tamén como o aumento dos ingresos e dos beneficios, arredor do 9% nos dous casos, é moi superior, máis do dobre, que o aumento do tráfico na autoestrada, que pasou dunha intensidade media de 25.458 vehículos en 2023 a 26.505 en 2024, un 4,11% máis.
Por outra banda, dos 210 millóns de ingresos por peaxes, 148 foron pagados polos propios usuarios, mentres que 62 millóns foron postos polo Estado a través das diversas bonificacións ou peaxes en sombra implantados na autoestrada ao longo dos anos. Unhas bonificacións que foron o ano pasado un 6% superiores ao ano anterior, cando ascenderan a 58,5 millóns.
A gran maioría das rebaixas son aplicables só con dispositivos de telepeaxe, o que fai que siga a aumentar a porcentaxe de percorridos pagados con ese sistema. Se en 2023 foron o 72,1% de todos os tránsitos, en 2024 volveron aumentar ata o 74,6%.