Hai titulares que insultan a intelixencia. Mentres o FMI celebra que o estado español é “a gran economía avanzada que máis medra por segundo ano consecutivo”, o Goberno anuncia que os autónomos terán que pagar cotas de ata 796 euros mensuais a partir de 2026
Hai titulares que insultan a intelixencia. Mentres o FMI celebra que o estado español é “a gran economía avanzada que máis medra por segundo ano consecutivo”, o Goberno anuncia que os autónomos terán que pagar cotas de ata 796 euros mensuais a partir de 2026. Un país que di medrar mentres afoga a quen produce, crea e traballa por conta propia é un país que vive dunha mentira estatística.
O Estado español vai ben pero non para ti, pequeno autónomo, traballador precario, comerciante ou profesional que sostés a economía real co teu esforzo diario. Vai ben para os bancos, para as grandes corporacións que reciben fondos europeos e para os que viven instalados nas institucións públicas sen baixar nunca ao barro. Vai ben para os que cobran de cada crise e de cada reforma, mentres os demais asumimos o custo das súas boas cifras.
O FMI pode dicir o que queira. Que o PIB medra, que o paro baixa, que o estado español é un exemplo dentro da UE. Pero eses datos son a versión maquillada dun sistema que mide o éxito en función de variables macroeconómicas e non de vidas dignas. Que importa o crecemento do PIB se o alugueiro dun piso pequeno custa máis da metade dun salario? Que importa que “a economía vaia ben” se a cesta da compra sobe cada semana e os soldos seguen conxelados ou fragmentados en contratos lixo?
Que importa o crecemento do PIB se o alugueiro dun piso pequeno custa máis da metade dun salario? Que importa que “a economía vaia ben” se a cesta da compra sobe cada semana e os soldos seguen conxelados ou fragmentados en contratos lixo?
O crecemento non é progreso se se sustenta na desigualdade, na temporalidade e nun modelo produtivo baseado no turismo barato, a especulación e os salarios baixos. Porque mentres as gráficas soben, a xente real baixa: baixa o poder adquisitivo, baixa a capacidade de aforro, baixa a esperanza de ter unha vida estable.
Subir as cotizacións aos autónomos entre 217 e 796 euros segundo os ingresos é unha forma máis de exprimir aos que menos poden fuxir. Non é xustiza contributiva, é un imposto encuberto ao traballo modesto. Os mesmos que din que “a economía vai como un tiro” son os que fan que o autónomo traballe dez horas ao día para rematar o mes sen poder cotizar nin descansar.
Subir as cotizacións aos autónomos entre 217 e 796 euros segundo os ingresos é unha forma máis de exprimir aos que menos poden fuxir. Non é xustiza contributiva, é un imposto encuberto ao traballo modesto.
O Goberno presume de redistribución, pero a realidade é outra: as grandes fortunas seguen blindadas, as multinacionais pagan o que queren e os autónomos —o motor invisible da economía— son tratados como sospeitosos permanentes, obrigados a xustificar cada euro mentres o Estado lles ofrece servizos mínimos e protección escasa.
E mentres tanto, a vivenda convértese nun luxo, os prezos da alimentación baten récords e os soldos non acompañan. A inflación, que o FMI describe como “controlada”, tradúcese en supermercados cuns prezos que en moitos casos suben os artigos mais dun 150% e en facturas que non deixan respirar. A economía medra, pero o pobo encóllese.
O FMI eloxia o crecemento español, pero non menciona que ese crecemento depende dos fondos europeos, do turismo e de sectores que viven de burbullas. Non é un modelo sólido, nin sostible, nin equitativo. É unha fachada que serve para vender estabilidade mentres se perpetúa unha estrutura que reparte beneficios cara arriba e responsabilidades cara abaixo.
O Goberno presume de redistribución, pero a realidade é outra: as grandes fortunas seguen blindadas, as multinacionais pagan o que queren e os autónomos —o motor invisible da economía— son tratados como sospeitosos permanentes
“España medra”, din. Pero medra para quen? Para o que factura millóns sen pisar un taller, para o que especula coa vivenda, para o que cobra subvencións europeas a cambio de informes inútiles. Non medra para quen levanta a persiana cada mañá, nin para quen traballa sen dereitos nin para quen vive da súa man de obra e non do seu capital.
É fácil dicir que o país vai ben cando se fala desde un despacho con aire acondicionado e nómina pública. Pero a realidade non cabe nas estatísticas: cabe no recibo da luz, na factura da Seguridade Social, no prezo do leite e no alugueiro imposible dunha vivenda digna. Cabe nas horas extras que ninguén paga e nos impostos que nunca baixan.
O Estado vai ben, si. Vai ben para o poder e o capital.