Que queres que che amosen na sobremesa este Nadal?

Que queres que che amosen na sobremesa este Nadal? CC-BY-NC-SA Praza.gal

Comunicación recibida polas socias e socios de Praza.gal o 23/12/2025

Faite socia, faite socio de Praza.gal | Recibe as informacións de Praza cada día nun correo | Visita VINTE

Prezada amiga, prezado amigo de Praza.gal:

Son días de xuntanzas en torno á mesa. Polo si ou polo non, as festas do Nadal, Aninovo e Reis tenden en moitas ocasións a xuntarnos con persoas ás que habitualmente non vemos tanto ou coas que o resto do ano non damos achado un oco para conversar. Tamén coa familia e amizades de cada día, pero con algo máis de vagar que acotío.

Xa é habitual que nestes encontros haxa quen tire o móbil do peto para amosar esta noticia "que lle chegou", este vídeo que atopou nunha rede social cando ía procurar outra cousa ou aqueloutra reportaxe ou declaración impactante. En moitas (demasiadas) ocasións estes contidos escoran cara á mesma beira... Que non é precisamente de ton progresista ou galeguista, por sermos suaves na definición. 

A comunidade de socias e socios que permite manter todos os contidos de Praza.gal en aberto está a medrar. Pero aínda non é dabondo

Nisto teñen que ver moitos factores, sobra dicilo. Dende as preferencias de cadaquén aos algoritmos. Pasando porque a maioría de cabeceiras de, chamémoslle... extremo centro teñen todas as súas páxinas en aberto porque as súas fontes de financiamento así llelo permiten. Mentres, outras de sensibilidades ben diferentes tenden aos muros de pagamento e aos contidos parcialmente pechados.

En Praza.gal, dende o noso nacemento hai xa case 14 anos, temos todos os nosos contidos en aberto. En ocasións as socias e socios recibides algunha información antes que o resto da audiencia, pero todo acaba publicado en aberto. Para que isto suceda, para que nesas sobremesas tamén acaben amosándoche unha noticia, unha crónica, unha reportaxe, un vídeo, un gráfico ou un podcast de Praza.gal, a comunidade de socias e socios sodes indispensables. Esa é a vosa grande achega: a vosa contribución ao xornal fai que os seus contidos sexan de moitas máis persoas. E que nos nosos teléfonos, nos nosos ordenadores... nas nosas sobremesas, non circulen só as voces dunha beira.

Esa comunidade de socias e socios está a medrar. Estamos a comprobalo nos últimos meses e énchenos de alegría. Pero aínda non é dabondo. Así nolo din as contas da Fundación Praza Pública, a nosa editora, ás portas do peche de 2025.

Como vos vimos contando, non falamos dunha situación dramática -afortunadamente-, pero si dun escenario axustado ante o que é imprescindible incrementar ingresos para que non vire, no futuro, nun panorama de dificultades e consecuencias indesexables. 

Sonia Villapol é a primeira voz que participa na campaña da Fundación Pública para incrementar a comunidade de socias e socios de Praza.gal

Nova campaña para ampliarmos a comunidade

Encantaríanos que as socias e socios participedes tamén desta campaña cos vosos vídeos

O labor que o equipo da Fundación Praza Pública está a desenvolver para logralo é diverso. Dende intensificar os contactos nun mercado publicitario cada vez máis complexo -e, no caso galego, cos límites político-institucionais que en Praza.gal padecemos dende o inicio- ata, sobre todo, traballar en novas accións para incrementarmos o número de socias e socios e as súas achegas. Nesta lóxica encádrase a campaña que vimos de lanzar a través das redes sociais, na que diversas voces explican por que son parte da comunidade de Praza.gal.

A neurocientífica Sonia Villapol é a primeira participante nunha acción que continuará nas vindeiras semanas e meses, nas redes e tamén no propio xornal. Farémolo con rostros de persoas coñecidas e outras non tanto nunha iniciativa na que nos encantaría que participásedes tamén as socias e socios. 

Alén disto, se podes, faríanos moito ben que incrementases a túa cota de socia ou socio de Praza.gal. Ou que realices unha achega adicional puntual á túa cota periódica habitual.

Se podes, faríanos moito ben que incrementes a túa cota de socia ou socio de Praza.gal. Ou que realices unha achega adicional puntual á túa cota periódica habitual. Lembra que ata o 80% vén de volta na declaración da renda

Para facelo o máis sinxelo é que o tramites como unha alta nova nesta ligazón. Se utilizas o mesmo correo electrónico co que te fixeches socia ou socio por primeira vez, o sistema substituirá automaticamente a vella cota pola nova que elixas. Tamén podes optar por un envío puntual a través de Bizum ou transferencia bancaria, obtendo os datos precisos nestoutra ligazón

Como sabes, todas estas achegas son doazóns á Fundación Praza Pública e, como tales, ata o 80% vénche de volta na declaración da renda. Todas as doazóns que se realicen antes do día 31 implican desgravación xa na vindeira declaración, a de 2026. Aquí tes unha explicación máis detallada

Ata o 80% das achegas das socias e socios de Praza.gal veñen de volta na declaración da renda por ser doazóns á Fundación Praza Pública CC-BY-NC-SA Praza.gal

Se tes calquera dúbida, podes escribirnos a comunidade@praza.com para aclarármola.

Atendendo algunhas das vosas suxestións, seguimos a traballar para introducir diversas melloras na plataforma de socias e socios nos vindeiros meses que inclúan, entre outros axustes, unha vía máis doada para consultar e modificar as vosas cotas.

Se non che fose posible incrementar a túa achega seguímosche agradecendo moito a  actual e pedímosche que compartas cos teus contactos o noso traballo e a posibilidade de ser de Praza.

Unha forte aperta da redacción de Praza.gal e de todo o equipo da Fundación Praza Pública.

Bo Nadal e os mellores desexos para un venturoso 2026!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.