Milleiros de falsos autónomos: o Supremo ratifica a fraude masiva na industria cárnica galega

Asemblea de persoal de Servicarne que traballaba en Frigolouro, no Porriño, en 2018 CC-BY-NC-SA CIG

Milleiros de traballadores e traballadoras da industria cárnica en Galicia levaron a cabo o seu labor durante anos como falsos autónomos, traballando de xeito permanente pero sen estaren contratados, nunha falsa cooperativa e cunhas condicións laborais inferiores aos do persoal homólogo por conta allea: sen vacacións pagadas, con xornadas por riba do permitido, obrigados a cotizar polo RETA e cunha cobertura de protección social inferior á que lles correspondería no réxime xeral. 

Durante anos, a industria cárnica en Galicia empregou como falsos autónomos milleiros de persoas a través dunha falsa cooperativa

Fixérono a través de Servicarne, unha suposta cooperativa á que o Ministerio de Traballo, hai xa seis anos, desprendeu desta cualificación por ser un instrumento empregado pola patronal do sector cárnico para contratar man de obra barata e sen cumprir cos convenios, tal e como sindicatos como CIG ou CCOO denunciaron durante ben tempo, abrindo unha batalla xudicial que agora parece albiscar o fin tras recoñecer o Tribunal Supremo a "fraude masiva" sufrida por persoal de matadoiros e salas de despece en toda Galicia. 

Así o cualifica a CIG, tras un auto do Supremo que resolve un recurso de casación para a unificación de doutrina interposto por sindicatos e a Administración da Seguridade Social contra unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). 

Mobilización pola cotización no réxime xeral dos falsos autónomos de Servicarne CC-BY-NC-SA CIG

Nela, o alto tribunal galego anulara o ditame dun xulgado de Lugo que condenaba a Novafrigsa, do Grupo Coren, a recoñecer a relación laboral de máis de 300 persoas, a abonar as cotas da Seguridade Social correspondentes e a recoñecer todos os dereitos dos traballadores e traballadoras. Fixérao malia varios ditames de diversos xulgados do país e mesmo sentenzas do propio TSXG avalando esa fraude masiva, pero recorridos unha e outra vez por empresas cárnicas e a "cooperativa instrumental" Servicarne para intentar "eludir o pago á Seguridade Social das cotas millonarias" que debían, tal e como explica a CIG. 

Un auto do Supremo recoñece agora os plenos dereitos do persoal que traballou en precarias condicións laborais e pon fin a unha batalla xudicial de anos

Agora, o Tribunal Supremo recoñece os plenos dereitos do persoal, o que implica tamén que poidan iniciar a reclamación para que se lles devolvan as cotas pagadas indebidamente á Seguridade Social entre 2013 e 2017, tempo no que cotizaron como autónomos. Ademais, poderán loitar por que se lles recoñeza a antigüidade íntegra na empresa principal, así como todos os seus dereitos colectivos. 

"Recoñece a explotación masiva de persoas traballadoras na gran industria cárnica —como Grupo Coren ou SADA PA— a través da falsa cooperativa Servicarne", explica o sindicato, que espera que agora se resolvan en cadea os restantes recursos interpostos e que estas traballadoras e traballadores poidan, por fin, ver recoñecidos todos os seus dereitos". 

"Entendemos que debería ser o punto final a esta loita aínda que este paso sexa incompleto", explica Christian Lópe, secretario da Federación Galega de Alimentación, Mar, Transportes, Téxtil e Telecomunicacións (FGAMT) da CIG de Lugo-A Mariña, que aclara que faltan aínda sentenzas sobre persoal adscrito a Frigolouro e outras industrias do sector que, en lóxica, "deberían caer no mesmo sentido". 

En 2018, Coren anunciou a integración no seu cadro de persoal de 1.350 persoas; só na provincia de Lugo, as persoas afectadas pasan de 1.200 "como mínimo"

Porque esta fraude masiva e as precarias condicións laborais que se deron en varios puntos do Estado afectou milleiros de traballadores e traballadoras da industria cárnica en Galicia. Tantos que se fai difícil calcular, como recoñece López, que advirte de "máis de 1.200 persoas, como mínimo, só na provincia de Lugo". "Algúns sufrírono durante anos, outros uns poucos meses e cada pouco ía xente entrando e saíndo desta situación", explica. 

Ademais, tal e como explicaba CCOO, a fraude na contratación no sector cárnico en Galicia era moito maior ao doutros territorios, xa que os e as falsas autónomas chegaron a supoñer o 40% do persoal, catro veces máis que no conxunto do Estado. Supuxo durante anos, en palabras do daquela secretario xeral de Comisións-Industria, Víctor Ledo, "a substitución de persoas con contratos indefinidos por outras subcontratadas mediante estas figuras fraudulentas", derivando ademais nunha situación de "total desprotección".

Mobilización sindical ás portas dunha empresa do Grupo Coren CC-BY-NC-SA CIG

A falsa cooperativa, Servicarne, traballou para as principais compañías cárnicas de Galicia, como Coren (Ourense), Frigolouro (O Porriño), Novafrigsa (Lugo), Cogal (Pontevedra) ou Grupo Sada (Lugo). As denuncias e a presión de sindicatos como CIG ou CCOO obrigaron a Inspección de Traballo a actuar e mesmo crear unha dirección especial para investigar as condicións laborais do sector. Finalmente recoñeceu que os traballadores e traballadoras de Servicarne non era autónomos e autónomas senón empregados e empregadas por conta allea, e polo tanto tiñan que figurar no réxime xeral da Seguridade Social. Xa no verán de 2018, por exemplo, Coren anunciou a integración no seu cadro de persoal de 1.350 falsos autónomos, grazas ás denuncias sindicais

Como este caso, e aos poucos, a situación foise regularizando en moitas outras empresas do sector que tiraron durante anos de Servicarne, que chegou a superar os 5.200 socios e socias antes da legalización do persoal levada a cabo por Coren hai sete anos. "Desde que a Inspección comezou a actuar, as empresas reaccionaron ben, asumindo que tiñan que empregar o persoal no réxime xeral", explica López, ao que non lle consta que, polo menos en Galicia, Servicarne siga funcionando como cooperativa de traballo asociado. 

Peores condicións e sen protección social

Desde que en abril de 2019 o Ministerio de Traballo descualificase Servicarne como cooperativa de traballo asociado, a decisión foi ratificada varias veces por diferentes sentenzas da Audiencia Nacional. Os ditames evidenciaron a utilización desta cooperativa como fórmula para contratar falsos autónomos a través dunha fraude pola que as persoas integradas vían limitados os seus dereitos laborais individuais, con inferiores condicións de traballo e de protección social respecto doutras empresas do sector e privadas de todos os dereitos laborais de carácter colectivo.

A última sentenza do Supremo, segundo explica a CIG, tamén valora a condición de falsa cooperativa de Servicarne e conclúe que o seu único obxectivo era facilitar man de obra barata e sen dereitos “a quen verdadeiramente ostenta a condición de empregador”, segundo detalla o ditame. 

Persoal da industria cárnica, nun matadoiro CC-BY-SA Mark Stebnicki

Agora, a CIG lembra que o persoal de Novafrigsa, Frigolouro, Grupo SADA e outras empresas en Galicia xa foran dadas de alta de oficio en novembro de 2017 no Réxime Xeral da Seguridade Social a instancias da Inspección de Traballo e que, a pesar disto, as compañías "intentaron perpetuar a situación de precariedade, negándose a asumir a totalidade do persoal, chegando a realizar procesos de selección a través do que pretendían modificar as condicións laborais, non recoñecendo toda a antigüidade ou mesmo exercendo medidas de acoso e persecución".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.