Coren incorporará como persoal fixo a 1.350 empregados que ata agora viñan funcionando como falsos autónomos, realizando o seu traballo de maneira permanente, pero sen estar contratados. A incorporación producirase este 1 de agosto, cumprindo unha orde da Tesourería Xeral da Seguridade Social que nun primeiro momento a empresa se negou a aplicar. A decisión, que chega despois de anos de denuncias sindicais (nomeadamente CC.OO., CIG e CNT) e da máis recente acción da Inspección de Traballo, beneficia a preto de 250 traballadores e traballadoras na provincia de Pontevedra, 300 en Lugo e uns 800 na de Ourense.
Estes falsos autónomos levaban anos realizando as súas funcións a través de Servicarne, unha falsa cooperativa que recibe encargos de matadoiros e empresas de procesado de carne de todo o país. Servicarne traballa para nove empresas, centros de produción ou procesamento cárnico de Galicia. En Lugo capital operaba con Suavi (na parroquia de Carballido), Novafrigsa e Frigolouro (parroquia de Coeses), e no resto da provincia con Sada P. A. Castilla Galicia (concello de Castro de Rei). En Ourense prestaba servizos a COREN, tanto no centro de produción da capital como no de Santa Cruz de Arrabaldo, así como á cooperativa Unimiño (concello de Baltar). Por último, na provincia de Pontevedra traballaba con Cogal (concello de Rodeiro) e novamente Frigolouro (O Porriño).
A incorporación producirase este 1 de agosto, cumprindo unha orde da Tesourería Xeral da Seguridade Social que nun primeiro momento a empresa se negou a aplicar
"Levabamos varios anos loitando contra a esta figura do falso autónomo no sector cárnico, primeiro con denuncias individuais e nos últimos tempos indo un paso máis aló, cunha denuncia colectiva na Dirección Xeral de Traballo", explica Víctor Ledo, secretario xeral de CCOO-Industria de Galicia. "Hai dous meses a Tesourería Xeral da Seguridade Social publicou un oficio que obrigaba a todas as empresas que estaban usando Servicarne e a estes falsos autónomos a incorporalos aos seus cadros de persoal de forma indefinida, aplicando o convenio existente no sector", di. "Nun primeiro momento, as empresas negáronse a aceptar esta resolución, algunhas de forma moi rotunda, como Coren", engade.
"Hai que garantir que ademais de estaren ao abeiro do convenio estatal de cárnicas, vexan respectada a antigüidade e sexan encadradas na categoría correspondente ás súas funcións"
En Galicia existía ata agora unha gran fraude na contratación neste sector pois os e as falsas autónomas chegaban ao 40%, catro veces máis que o habitual no conxunto do Estado. En total, dos 4.000 traballadores, 1.500 estaban en situación de autoemprego. Nos últimos anos estábase a producir no sector cárnico galego "a substitución de persoas con contratos indefinidos por outras subcontratadas mediante estas figuras fraudulentas", destaca Ledo, "traballadoras e traballadores totalmente desprotexidos", engade.
"Aínda nos queda traballo" -sinala- "pois agora hai que garantir que ademais de estaren ao abeiro do convenio estatal de cárnicas, vexan respectada a antigüidade e sexan encadradas na categoría correspondente ás súas funcións". "Estaban nunha situación de precariedade total, sen dereito a vacacións, cotizacións, antigüidade... Agora imos vixiar que se lles recoñezan todos os seus dereitos: categoría laboral, antigüidade na empresa e as propias cotizacións", destaca. "Estes empregados deben agora reclamar as cotizacións dos últimos catro anos como como traballadores do réxime xeral, como ordena o oficio da Seguridade Social, pois teñen dereito a recuperar as cotas pagadas neste tempo", di.