A CIG celebrou este venres o 25 aniversario do sindicato cun acto no que a central entregou os Premios 8 de Marzo e 10 de Marzo, que recoñeceron, respectivamente, a loita pola igualdade das traballadoras do Grupo Norte e a mobilización contra a explotación laboral do persoal de Servicarne.
A CIG destaca que 25 anos despois a central é o primeiro sindicato de Galicia en número de delegados e delegadas
Ao evento asistiron os ex secretarios xerais, Fernando Acuña e Suso Seixo; o que foi o seu secretario confederal e presidente, Manuel Mera e o actual secretario xeral, Paulo Carril. Todos eles salientaron "a importancia da decisión adoptada" en marzo de 1994, que buscaba "xuntar forzas para dotar á clase traballadora galega dunha ferramenta coa que loitar polos seus dereitos". A CIG destaca que, un cuarto de século despois, a central é o primeiro sindicato de Galicia en número de delegados e delegadas.
Premio 8 de Marzo ás traballadoras de Grupo Norte
A CIG entregou o Premio 8 de Marzo ás traballadoras de Grupo Norte, concesionaria do servizo de limpeza da Xunta, que conseguiron a equiparación das súas condicións salariais tras varios meses de mobilizacións denunciando a negativa da empresa a recoñecerlles o dereito a acceder, en igualdade de condicións que os seus compañeiros, á categoría de peoas especialistas, polo feito de ser mulleres.
“Isto aconteceu nunha subcontrata do servizo de limpeza da Xunta, sen que desde a administración se dese paso algún para rematar coa desigualdade”
Unha discriminación na clasificación profesional que, como lembrou a secretaria das Mulleres, Margarida Corral “conlevaba fenda salarial, tanto no salario base como nos pluses”, co agravante de que “isto aconteceu nunha subcontrata do servizo de limpeza da Xunta, sen que desde a administración se dese paso algún para rematar coa desigualdade”.
Premio 10 de Marzo ao persoal de Servicarne
A CIG outorgou o premio 10 de marzo á loita das traballadoras e traballadores da cooperativa de traballo asociado, Servicarne, contra as condicións de “auténtica escravitude” á que estaban sometidos como falsos autónomos no sector da industria cárnica. Un conflito que comezou dentro do grupo Coren, primeiro en Frigolouro (Porriño) e que se espallou desde aí a Coren Ourense e, pouco a pouco, ao resto das provincias
25 anos da CIG
En marzo de 1994 a CXTG e a INTG completaban o proceso de unidade iniciado en 1990 coa constitución da Converxencia Intersindical Galega. Na clausura do acto Paulo Carril salientou "o especial valor" de Acuña, Mera e Seixo "porque xunto con outras moitas persoas construíron desde a nada e na máis absoluta adversidade” a central sindical.
En marzo de 1994 a CXTG e a INTG completaban o proceso de unidade iniciado en 1990 coa constitución da Converxencia Intersindical Galega
Fernando Acuña, primeiro secretario xeral da CIG, entre os anos 1994 e 2001, salientou na súa intervención o “mérito de ter apostado polo pluralismo tanto na composición da central sindical como no funcionamento orgánico interno” e engadiu que “todos os sindicatos teñen os pés en Galiza, pero a CIG ten tamén o cerebro e o corazón”.
Mentres, Suso Seixo, que foi secretario xeral desde 2001 ata 2017, valorou a importancia de “non crermos que estamos no mellor dis sistemas posíbeis e manter unha postura de combate”, e tamén o feito de ter mantido unha postura de “confronto co sindicalismo de pacto social”.