O Ministerio de Traballo vén de comunicar a descualificación de Servicarne como cooperativa, confirmando así as denuncias que dende hai anos veñen realizando sindicatos como CC.OO. e CIG, que sempre cualificaron esta empresa como unha "falsa cooperativa" que a patronal do sector cárnico utilizaba para contratar man de obra barata sen cumprir os convenios colectivos nin o Estatuto dos Traballadores.
CC.OO. e CIG sempre a cualificaron como unha "falsa cooperativa" que a patronal do sector cárnico utilizaba para contratar man de obra barata sen cumprir os convenios
Neste senso o Ministerio conclúe que aínda que Servicarne garde aparencia de cooperativa, non funciona como tal, dado que incumpre os principios cooperativos establecidos na Lei de Cooperativas. Por exemplo, as altas e as baixas na cooperativa non eran voluntarias, senón a criterio das empresas clientes, "converténdose nun instrumento privilexiado de flexibilidade para as empresas, no canto de en dereitos dos socios", sinala CC.OO.
Ademais, a falsa cooperativa carecía dunha estrutura e funcionamento democráticos. Finalmente, as condicións laborais eran inferiores ás dos traballadores por conta allea homólogos. O persoal non dispuña de vacacións pagadas, realizaba xornadas superiores, era obrigando a cotizar polo RETA e cunha cobertura de protección social inferior á que lles correspondería no Réxime Xeral.
Servicarne traballa para as principais compañías cárnicas do país, como Coren (Ourense), Frigolouro (O Porriño), Novafrigsa (Lugo), Cogal (Pontevedra) ou Grupo Sada (Lugo)
Esta falsa cooperativa traballa para as principais compañías cárnicas do país, como Coren (Ourense), Frigolouro (O Porriño), Novafrigsa (Lugo), Cogal (Pontevedra) ou Grupo Sada (Lugo). Nos últimos anos a presión de CIG e CC.OO. obrigou a Inspección de Traballo a actuar e finalmente recoñecer que os traballadores e traballadoras de Servicarne non era autónomos e autónomas senón empregados e empregadas por conta allea, e polo tanto tiñan que figurar no réxime xeral da Seguridade Social. O verán pasado, por exemplo, Coren anunciou a integración no seu cadro de persoal de 1.350 falsos autónomos, grazas ás denuncias sindicais. O persoal de Servicarne foi premiado pola CIG no 25 aniversario do sindicato.
O traballo sindical e a posterior actuación das autoridades fixo que no último ano diminuíse notablemente o número de traballadores e traballadoras de Servicarne S.Coop. En febreiro de 2018 a suposta cooperativa tiña 5.284 socios e socias e actualmente só dispón de algo más de 1.000. CCOO esixiralle ao Consello Reitor de Servicarne que convoque unha asemblea extraordinaria para levar a cabo a disolución e liquidación da compañía. De non facelo, o sindicato ameaza cunha denuncia á fiscalía por un delito contra as persoas traballadoras.