Cando para Feijóo acordar co BNG era "útil para Galicia" e proba de que non rompía España

Feijóo e o daquela portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, nunha reunión en 2011 sobre o sistema bancario galego CC-BY-SA Xunta de Galicia

O presidente, que agora carga contra "os radicais do BNG", chegou a dicir que Galicia aforrou millóns de euros "grazas" aos nacionalistas, cos que o PP negocia de xeito habitual no Parlamento

“En Galicia nós asinamos acordos co BNG, acordos útiles para a comunidade autónoma”, uns acordos cos nacionalistas que mesmo eran presentados como aval do “compromiso do PP coa Constitución española”. Quen así se pronunciaba hai tres anos e medio era o presidente da Xunta e do PP galego, Alberto Núñez Feijóo, que agora, ao ser investido Pedro Sánchez grazas ao apoio do BNG, considera aos nacionalistas uns “radicais”. Porén, os populares galegos negocian e pactan de xeito habitual co BNG, ao igual que co resto de grupos, todo tipo de iniciativas no Parlamento de Galicia e noutras administracións como os concellos.

En xullo de 2016, tras as segundas eleccións xerais en medio ano celebradas daquela, e antes de que Mariano Rajoy conseguise ser investido presidente grazas á abstención do PSOE, a presidencia da Mesa do Congreso foi a parar á popular Ana Pastor grazas a que ERC e Bildu votaron en branco, ao igual que agora se abstiveron para facilitar a investidura de Sánchez. Daquela Ciudadanos considerou aquel feito, inferior en importancia á investidura da presidencia do Goberno, como unha ameaza á integridade do Estado e a Constitución. Algo polo que foi preguntado de xeito expreso o presidente Feijóo, quen, pola contra, optou por presentar os seus propios acordos co BNG como proba ou aval de que o PP non rompía España por pactar cos nacionalistas.

En 2016 Feijóo presentaba a investidura de Rajoy, como gañador das eleccións, como algo "de sentido común" que "calquera partido, nacionalistas incluídos, pode entender”

Feijóo, que agora considera o PSOE “secuestrado” e “sometido” por ERC e Bildu aos que “agora se suman os radicais do BNG", aseguraba daquela que “grazas” ao BNG e os acordos que xa acadara co PP Galicia conseguira manter a sede de Abanca tras a privatización das caixas galegas ou aforrar para daquela “máis de 200 millóns de euros en gasto farmacéutico” sen que os populares renunciasen para chegar a aqueles acordos á súa defensa da Constitución. Eran, resumía o propio presidente, “acordos útiles para a comunidade autónoma”.

“Non dubido do compromiso do PP coa Constitución española”, dicía Feijóo daquela, engadindo que a súa formación non cambiaría a Constitución “por unha investidura” e presentando como “de sentido común” que o Congreso estivese presidido “polo partido que gañou as eleccións”, cuestión que “calquera partido, nacionalistas incluídos, pode entender”.

Aquelas gabanzas de Feijóo ao BNG non eran novas senón que se viñan producindo ao tempo que os nacionalistas perdían apoio electoral en favor primeiro de AGE e despois das mareas, o que voces do BNG vían como un xeito de dividir o voto galeguista de esquerda. Malia que aquela tendencia electoral reverteu nos últimos tempos, o PP non deixou de chegar a acordos de xeito habitual nin co BNG nin co resto de grupos do Parlamento de Galicia. 

No último debate de política xeral no Parlamento de Galicia PP e BNG negociaron o texto de tres proposicións, e un total de dez foron aprobadas por unanimidade

No último debate de política xeral do pasado setembro, por exemplo, das 57 resolucións aprobadas pola Cámara, 10 o foron por unanimidade. Populares e nacionalistas chegaron a negociar entre eles o texto final de tres das propostas de resolución que se aprobaron (entre elas unha para reclamar os prazos do AVE e melloras no resto da rede ferroviaria moi semellante ao acordo acadado nese eido polo PSOE e o BNG para a investidura de Sánchez) e os nacionalistas votaron a favor doutras varias iniciativas populares. De feito, varios dos acordos acadados entre BNG e PSOE para a investidura de Sánchez foron xa aprobados polo Parlamento de Galicia de forma unánime nas pasadas lexislaturas. E o mesmo vén sucedendo noutras administracións, como os concellos.

Pachi Vázquez e Guillerme Vázquez, con Feijóo nunha xuntanza sobre as caixas CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.